Ourense: actividades literarias destacadas do venres 7 na Feira do Libro

O venres 7 de xuño prosegue a edición de 2013 da Feira do Libro de Ourense (na Alameda, de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

Venres 7
20:00 h. Presentación do libro-CD Rosalía pequeniña, de Uxía, publicado por Galaxia. No acto, Uxía, acompañada por Sergio Tannus, interpretarán algunhas pezas da obra, a autora asinará exemplares dende unha hora antes na Libraría Pedreira.
21:00 h. A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria, con Chisco Fernández Naval, autor de A noite branca, publicado por Xerais e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, publicado por Galaxia. Modera o acto Manuel Outeiriño. Previamente, ambos estarán no posto da Libraría Pedreira.

Ourense: comeza a Feira do Libro 2013

O martes 4 de xuño comeza a edición de 2013 da Feira do Libro de Ourense (na Alameda, de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

Martes 4
18:00 h. Contacontos: O Cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade organizada por Nova Galicia Edicións.
19:00 h. Presentación do libro As pontes do ego sum, de José Manuel Ledo, publicado pola editorial Ir Indo. Participarán no acto Xelasio Suárez, director da editorial e o autor.
20:00 h. Inauguración oficial. Actuación da Banda Municipal de Música de Ourense. Intervencións institucionais. Dentro da programación inaugural, actuación de María Lado e Lucía Aldao, co seu espectáculo de poesía, historias e música Con dez poemas por barba.

Antonio García Teijeiro: “É unha honra que alguén como Paco Ibáñez cante en galego”

Entrevista a Antonio García Teijeiro en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Este libro [Un rato díxolle á lúa] prepara ao público para un primer contacto coa poesía?
– Antonio García Teijeiro (AGT): Diríxese dende nenos ata adolescentes. Ten poesía con música, con xogos, con rimas e onomatopeias. Pero tamén hai crítica. Pese a ter unha lectura doada, precisa volver sobre os versos. Aos rapaces hai que lles ensinar a reflexionar.
– AD: Como se satisfai a un lector infantil de poesía?
– AGT: Aos nenos gústalles a poesía. Precisan dun mediador a quen tamén lle guste (pais, mestres ou bibliotecarios) e que contaxien ese entusiasmo.
– AD: Contará coa presenza dun gran amigo, Paco Ibáñez, a músicar a súa escrita.
– AGT: Musicou tres poemas nunha gravación de xeito informal na súa casa e resultou magnífico. Van no cd de acompañamento, xunto a outros tres poemas recitados por min e acompañados pola súa guitarra. É unha honra que alguén da categoría de Paco Ibáñez cante en galego, que se preocupe polas linguas minorizadas e que cante tres poemas meus. Pero como di el, o que ocorre é que lle gustaría ser galego.
– AD: Como iniciaron a súa química?
– AGT: Hai moitos anos presentounos Rafael Alberti en Madrid. Houbo moi boas sensacións, víamonos e mandáballe os meus libros e un día elixíu Que ocorre coa terra, cantándoa por todo o mundo.”

Santa Cruz, Oleiros: presentación de Atlas de Chaguán e Letras de Amor e Guerra

O sábado 1 de xuño, a partir das 19:00 horas, no Centro Cívico de Santa Cruz (Oleiros), preséntanse conxuntamente os libros Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez, e Letras de Amor e Guerra, de Ramiro Vidal, publicados por A porta verde do sétimo andar. No acto tamén haberá a participación musical de Miguel Alonso.

Santiago: presentación de A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso Diz

O xoves 30 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A nena á quen non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso Diz, publicado por A porta verde do sétimo andar. No acto, xunto ao autor, participan Montse Pena Presas, Iolanda Aldrei e Miguel Alonso.

Vigo: presentación de Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro

O martes 28 de maio, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, publicado en Xerais. No acto, participan, xunto ao autor, o ilustrador, Xosé Cobas, o músico Paco Ibáñez, quen tocará varios temas, Román Raña, Fran Alonso e Manuel Bragado.

Taboleiro do libro galego (X), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a nova entrega da listaxe de libros en lingua galega máis vendidos na última quincena. Á colaboración das dezaseis librarías habituais -Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith e Livraria Suévia- súmaselle o concurso desde hoxe da libraría betanceira Carricanta. A todas elas a miña gratitude.”

NARRATIVA
1º-. Faneca Brava, de Manuel Portas, Edicións Xerais.
2º-. Infiltrados, de Alfonso Eiré, Biblos.
3º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz,  Edicións Xerais.
4º-. Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, Editorial Galaxia.
5º-. Pastoral americana, de Philip Roth, Faktoría K de Libros (tradución de Fernando Moreiras).

POESÍA
-. Cantares gallegos, Rosalía de Castro, Edicións Xerais (ed. Anxo Angueira).
2º-. Esplendor arcano, de Ramiro Torres, Grupo Surrealista Galego.
3º-. Carne de Leviatán, Chus Pato, Galaxia.

ENSAIO-TEATRO
-. Obras completas I e II, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
2º-. Un chapeu negro e un nariz de pallaso, Montse Pena e Gonzalo Enríquez, Galaxia.
3º-. Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, de Roberto Pascual, Edicións Xerais.
4º-. Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, Edicións Xerais.
-. Matriarcas, de Montse Fajardo, autoedición.

INFANTIL-XUVENIL
-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.
-. A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, A porta verde do sétimo andar.
3º-. Dragal II, de Elena Gallego, Xerais.
4º-. A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly, Faktoría K de Libros (tradución de Carlos Acevedo).
5º-. Man, o alemán de Camelle, de Beatriz Maceda e Laura Veleiro, Galebook.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
3º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Marcopola 2, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.