Noia: presentación da edición facsímile do libro Xornadas de Bastián Albor, de Álvaro de las Casas

O 2 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos de Noia terá lugar a presentación da edición facsímile do libro Xornadas de Bastián Albor de Álvaro de las Casas, con edición e estudo a cargo do profesor Xavier Castro Rodríguez. No acto intervirán, xunto a el, Antonio Piñeiro Fernández e José Pérez Martínez, concelleiro de cultura. Con este libro, publicado polo Concello de Noia, lémbrase que este ano se celebra o 75 aniversario do falecemento do eu autor, que foi profesor en Noia de 1930 a 1936. A entrada é libre.

Xesús Constela publica Doce voz de megafonía, unha distopía para describir a ‘hipnocracia’ actual

Entrevista a Xesús Constela en Pontevedra Viva:
“(…) Doce voz de megafonía está en librarías desde hai un par de meses. Novela número nove que publica o seu autor, Xesús Constela. Fincado en Poio, ferrolán de nacemento, goza dunha xubilación plenamente activa. Tras unha etapa profesional como docente agora está envorcado no que máis goza: escribir e viaxar.
Empezamos charla por este novo título. Os habitantes de Centro Comercial son confinados nas súas vivendas pola aparición dun virus, sen máis explicación. Un deses cidadáns comezará a facerse preguntas e realizar pescudas que o enfrontan ao poder dado que altera a orde establecida.
A historía mostra unha sociedade absolutamente manipulable e un poder que utiliza todas as ferramentas ao seu alcance para conseguir os seus propósitos.
Distopía?, descrición da orde actual?. O autor expúxose esta trama en 2020, durante o confinamento; aínda que precisa: “o punto de partida é un confinamento pero non se menciona nunca pandemia”. Detalla igualmente que a idea de instalar a esa cidadanía en Centro Comercial “parte dun dos relatos do primeiro libro que escribín fai máis de vinte anos, As humanas proporcións. Ese Centro Comercial é unha imaxe da sociedade en que vivimos, sobre todo en Europa. Está levado ao puro frenesí do consumismo”. (…)”

Ferrol: actos destacados do 27 de abril na Feira do Libro 2025

Ferrol: actos destacados do 26 de abril na Feira do Libro 2025