Arquivo da categoría: Narrativa
Vilagarcía de Arousa: presentación de Historias (in)certas e V de Bestiario, de Ramón Caride
Compostela: presentación de A casa xunto ao volcán, de Xosé Ricardo Losada
Pontevedra: presentación de O libro da filla, de Inma López Silva
A Coruña: Beatriz Maceda presenta Lúa en Ningures
“Un poeta descoñecido de 1936”
Entrevista
de Xesús Fraga a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“O desenterramento de foxas comúns de vítimas da Guerra Civil, ademais de emoción e dignidade, ás veces trae sorpresas na forma de obxectos persoais que asumen un potente simbolismo dende a perspectiva actual. Acontece tamén no territorio da ficción na nova novela de Francisco Castro (Vigo, 1966), Tantos anos de silencio (Galaxia), no que entre os seis cadáveres executados no pazo de Flavia durante a sublevación militar agocha unha revelación: o esqueleto dunha muller abraza contra o peito o libro dun poeta do que ninguén oíu falar, Ramón Gándara.
O autor pescuda, a través da figura dunha investigadora, Ánxela, o que aqueles días supuxeron para a vida ilustrada nun pazo, fanada pola violencia e a intolerancia. Unha cuestión que Castro sostén que non está pechada, nin moito menos, para a creación artística. «Os que din “outra novela máis da guerra!” polo xeral son os fillos ou os netos dos vencedores e mantiveron unha boa posición durante o franquismo», reflexiona o escritor. Porén, cre que despois da ditadura e os anos de silencio tácito trala Transición, evidénciase a necesidade de abordar o que el denomina «a mal chamada Guerra Civil» -«en realidade, foi un golpe de Estado contra a legalidade democrática da República»- dende a literatura ou o cine.
Precisamente, sen restar valor á historia e o ensaio, Castro ve na ficción un xeito moi acaído para relatar aqueles episodios. E por isto mesmo a figura dese poeta esquecido está chamado a desempeñar un papel crucial en Tantos anos de silencio. Castro cita a figuras como Lorca ou Alberti, «que puxeron o seu oficio ao servizo da causa republicana», unha disposición ideolóxica na que tamén cabe o amor. «O amor é un acto revolucionario», defende o escritor. «É un acto de liberdade, o que non tolera o fascismo. Cando amas, e amas de xeito diferente, é motivo de represión para unha ditadura, que tamén prohibe a súa manifestación escrita, xa que só quere literatura patriótica e afecta», engade quen adoita retratar nas súas obras o que refire como «o poder salvador da literatura».
Francisco Castro avoga por unha concepción comprometida do creador e da cultura: «Os artistas están obrigados a dicir as verdades incómodas, as realidades que molestan». Un papel válido hoxe coma antano, no que o escritor percibe un «rexurdir fascista, no que partidos como Vox queren cambiar o relato e impoñer unha sorte de posverdade na historia», algo que aínda fai máis necesaria a contribución da cultura.
Tantos anos de silencio publícase este luns en galego en Galaxia, editorial da que Castro é director xeral, simultaneamente coas súas versións en castelán (Rayo Verde), catalán (Capital Books) e éuscaro (Alberdania). O escritor cre que fóra de Galicia hai en xeral unha percepción moi positiva da literatura en galego, pero o seu desacougo mira máis preto: «Preocúpame que haxa tantos galegos que vivan de costas dos seus creadores».”
Mario Caneiro: “A literatura, hoxe máis que nunca, ten que avanzar contra a corrente”
Entrevista
de Ramón Loureiro a Mario Caneiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O eixo central da súa produción literaria vira arredor do relato curto. Ten iso algo que ver, tamén, coa tradición da que bebe a súa literatura?
– Mario Caneiro (MC): En certo sentido, si, Como escritor síntome moi cómodo no conto, como xénero literario. Especialmente por unha razón…
– LVG: E cal é esa razón?
– MC: Porque eu creo que non se trata de escribir por escribir. Para min, ao narrar, é moi importante a concisión.
– LVG: Elixir cada palabra con coidado.
– MC: Así é. E aínda diría outra cousa: que para min o fundamental é o texto, o que se lle dá ao lector. O que importa non é o autor. Chega un momento, non só como escritor, senón tamén como lector, no que tes que elixir. E, decididamente, o relato curto, aínda que tamén a novela de extensión limitada e de expresión concentrada, é a miña principal opción. (…)
– LVG: Cal será, a medio prazo, o futuro da literatura galega? Da creación literaria, quero dicir…
– MC: O futuro sempre é impredicible. Quen pode saber o que virá…? Pero eu penso que arredor da nosa literatura, e de toda a literatura, sempre quedará unha pequena illa de irredutibles na que ninguén se vai render. A creación literaria seguirá. Non vai desaparecer.
– LVG: E os lectores…? Aumentará o seu número, irá a menos…?
– MC: O número de lectores literarios sempre vén sendo, pouco máis ou menos, o que é. Distinta cousa son os libros de evasión, os que a xente busca como entretemento, pero a literatura ten un público limitado. Iso hai que recoñecelo. En canto á maneira na que isto vai ir evolucionando conforme o tempo pase, tampouco me atrevo a facer predicións. Aínda que confío en que sempre se siga lendo literatura, porque a literatura nos axuda a vivir. (…)”







