Arquivo da categoría: Narrativa
Vigo: presentación de A boneca de Blanco Amor, de María Xosé Queizán
O xoves 15 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102, baixo) de Vigo, preséntase A boneca de Blanco Amor, de María Xosé Queizán, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Ledicia Costas e Víctor F. Freixanes.
A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, en ruso
Desde o blog de Francisco X. Fernández Naval:
“Xa está editada en ruso a novela A noite branca, que dá nome a esta bitácora. O traballo de tradución correu a cargo de Elena Zernova e cónstame que foi un traballo intenso, que requeriu esforzo e, polo que falei con ela, seguramente nalgunhas pasaxes mellorase o texto orixinal. A editorial é nestorbook.ru. A Elena e á editorial debo agradecer esta alegría.
Aínda non teño o libro, o obxecto físico, non o podo tocar, pero onte conseguín esta mostra escaneada do traballo editorial: cuberta, créditos e o inicio do capítulo VII. (…)”
Francisco Castro fala sobre Tes ata as 10
A Coruña: presentación de Hostal Norte, de Xosé Duncan
Suso de Toro: “O meu proxecto literario está finalizado”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Suso de Toro en BiosBardia:
“- BiosBardia (B): No 2010 vostede anuncia que deixa a literatura. Por que?
– Suso de Toro (SdT): Consideraba que acabara un ciclo vital e profesional. Para min, a literatura fora unha empresa á que me dedicara con esforzo e ilusión. Constatei os límites da miña realidade, até onde podía chegar. Tamén os límites da miña literatura; cheguei a un punto de autocoñecemento suficiente para parar. Decidín cerrar o ciclo porque estaba conforme comigo mesmo. E ao mesmo tempo profundamente disconforme co que estamos a vivir en Galicia e en España. Só un exemplo: o último Sant Jordi ao que acudín, no 2010, esa festa do libro que celebra Barcelona o 23 de abril, un programa da segunda cadea de TVE púxonos xuntos para entrevistar a min, un escritor en catalán e outro en vasco. Cando me tocou falar, empecei a soltar palabróns, a queixarme de que para a cultura oficial, as linguas do Estado só daban para un deses chistes que empezan con “Un vasco, un galego e un catalán…”. Non sei se emitiron aquilo pero quedei contente de poder expresar tanto cansazo acumulado.
– B: Mais agora volta con Somnámbulos.
– SdT: Este libro nace do primeiro relato, “Negocios de familia”. Era un texto que necesitaba botar fóra, que me proía. É un relato que ten moito a ver coa miña propia idade. A partir dos 50 anos, as persoas, tamén os escritores, empezamos a reflexionar e a falar sobre a nosa propia vida. A orixe deste relato está na miña propia vivencia de mocidade no remate do franquismo; é unha reflexión sobre o pasado. Os outros textos xa estaban escritos desde hai tempo. O segundo, “Conversando coa auga”, é unha encarga da Fundación Augas de Barcelona; o terceiro, “Insomne”, naceu primeiro como unha gravación magnetofónica.
– B: Así que este libro é unha paréntese. Volverá ao silencio.
– SdT: Agora escribo só polo pracer que me dá a loita que supón a creación. Xa non teño propósito de nada. Xa non me quero encadear aos lectores. Pero no futuro seguro que escribirei libros e intentarei publicalos. O meu proxecto literario xa está finalizado. (…)
– B: Vostede dixo unha frase moi interesante sobre o estilo: “Hoxe, aínda que queiramos, xa non podemos escribir coma o facía Robert Louis Stevenson”. O escritor do século XXI pode escribir como facía James Joyce?
– SdT: A min Joyce interésame como construción autoral; en canto á experimentación, eu sempre fun da idea de que había que lograr a liberdade expresiva e a busca da transmisión. Nunca quixen romper co lector. O Ulises de Joyce é unha perversión do pacto literario. Volvendo a Joyce como construto artístico, considero que realizou o seu empeño de converterse nun grande escritor con grande astucia. Quería que a súa obra ocupase un posto de poder e logrouno. A min interésame a dialéctica que ten con Irlanda, algo que se oculta xeralmente no estudo que del se fai desde España. Está claro que era un antiimperialista. Gústame moito esa frase que dicía de que quería arrebatarlles a lingua inglesa aos ingleses. (…)”
Antón Dobao fala sobre As ilusións estrañas
<p align="center">
Alberto Ramos fala sobre Máscaras rotas para Sebastian Nell
Entrevista a Ledicia Costas sobre Escarlatina, a cociñeira defunta
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Conversamos coa escritora Ledicia Costas sobre o éxito entre o público infantil do premiado Escarlatina, a cociñeira defunta. A entrevista pódese escoitar aquí.”
Taboleiro do libro galego XXIX (decembro 2014), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Un mes máis, e un ano máis, velaquí o primeiro “Taboleiro do libro galego” que incorpora aqueles libros de noso máis vendidos, neste caso no pasado mes de decembro, mercé á puntual e xenerosa colaboración dun total de trece librarías galegas como son Trama, Paz, Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar, Pedreira, Couceiro, Aira das Letras e Lila de Lilith. Grazas ás librarías colaboradoras, ás editoriais que fan posible estes libros e, por suposto, ás creadoras e creadores que os conciben e nolos ofrecen.
NARRATIVA
1º-. Ofrenda á tormenta, de Dolores Redondo, Xerais.
2º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
3º-. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, Galaxia.
4º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
5º-. Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala, Galaxia.
6º-. Conduce rápido, de Diego Ameixeiras, Xerais.
7º-. Hostal Norte, de Xosé Duncan (ilustracións de José María Picón), Urco.
POESÍA
1º-. Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do Colectivo Ronseltz, Edicións Positivas.
2º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
3º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
4º-. Tempo de exilio, de Joseba Sarrioinaindia, Faktoría K de Libros (tradución de Isaac Xubín).
5º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira, Através Editora.
2º-. A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, Kalandraka (tradución de Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez).
3º-. Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena, Xerais.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.
5º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
XUVENIL
1º-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
2º-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Xerais.
3º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
4º-. Dragal III, de Elena Gallego, Xerais.
5º-. Os megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.
INFANTIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
2º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e ilustracións de Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
3º-. Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, de Chema Heras (e ilustracións de Kiko Dasilva), Kalandraka.
4º-. Antón e o Apalpador, Barafunda Animación.
LIBROS CD-DVD
1º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
5º-. Cocido sinfónico, de Os tres TENedORES, Galaxia.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Historias de Icía e Avoa (condensadas), de Sabela Arias Castro, Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos.
3º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
OUTROS
1º-. Calendario Xerais 2015 (Xerais) e Luzes, nº 12, novembro 2014.
2º-. Cociñando con Benigno Campos, Galaxia.