Santiago: XIV Xornadas de expresión oral Tíralle da lingua, o 16 de novembro

O sábado 16 de novembro, o IES As Fontiñas de Santiago de Compostela acolle as XIV Xornadas de expresión oral Tíralle da lingua, da AS-PG, e nas que interveñen Francisco Castro, Quico Cadaval, Pilar Ponte, Fran Godón e Pablo Carracedo.
Matrícula e máis información, no web da AS-PG.

PROGRAMA

– De 09:45 a 10:00 h. Recepción e entrega de material.
– De 10:00 a 12:00 h. Achegarse ao galego a través da escrita literaria. Francisco Castro, escritor.
– De 12:00 a 14:00 h. Falar a través do “podcast”. Pilar Ponte Patiño, profesora de ensino secundario.
– De 16:00 a 17:30 h. Contar histórias. As adoas vam todas num fio. Quico Cadaval, contador de historias, dramaturgo e diretor teatral.
– De 17:30 a 19:00 h. A creación dramática no ensino. Metodoloxía práctica. Fran Godón, profesor de ensino secundario e especialista en arte dramática.
– De 19:00 a 20:00 h. Música galega contemporánea e expresión oral. Pablo Carracedo Goldar, mestre de educación primaria e musical.
– 20:00 h. Clausura.

Pontevedra: presentación de Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga

O xoves 17 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11) de Pontevedra, preséntase Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, publicado en Xerais. No acto, coorganizado polo Ateneo de Pontevedra e a editorial, participan, xunto ao autor, Adolfo Caamaño, Xaime Toxo e Manuel Bragado.

Taboleiro do libro galego (XV), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí, unha quincena máis, os libros máis vendidos en lingua galega segundo os datos obtidos das seguintes librarías galegas:  Trama, Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil,  Andel, Couceiro, Pedreira, Aira das Letras, Torga, Paz, Sisargas, Libros para Soñar,  Livraria Suévia, Carricanta e Biblos Libraría.”

NARRATIVA
1º-. Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
2º-. Cadeas, de Xabier López López, Edicións Xerais.
3º-. Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, Edicións Xerais.
4º-. Dióxenes en Dolorida, de Ignacio Vidal, Edicións Xerais.
5º-. Todo se esfarela, de Chinua Achebe (tradución de Saleta Fernández), Rinoceronte.

POESÍA
1º-. Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, Edicións Xerais.
2º-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais
3º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
4º-. Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, Faktoría K de Libros.
5º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami e Rosalía de Castro, Editorial Galaxia e. Presente continuo, de María Reimóndez, Edicións Xerais.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Historia da Literatura Galega. I, de Xosé Ramón Pena, Edicións Xerais.
2º-. Historia de Galicia,  Anselmo López Carreira, Edicións Xerais.
3º-. Pontevedra nos anos do medo, de Xosé Álvarez Castro, Edicións Xerais.
4º-. Leda m´and´eu. Erótica medieval galaica, de Olga Novo, Toxosoutos.
5º-. Outra idea de Galicia, de Miguel Anxo Murado, Debate.

INFANTIL-XUVENIL
1º-. Dragal III. A fraternidade do Dragón, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
2º-. Ámote, Leo A., Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
3º-. Os Megatoxos e os templarios da luz, de Anxo Fariña, Xerais.
4º-. Todos somos, de Marcos Calveiro, Edicións Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Pan de millo, de Migallas, Kalandraka.
2º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.
3º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
4º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
5º-. A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, A Porta Verde e Rosa caramelo, de Adela Turín, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Vida de nai, por Gemma Sesar e Ramón Marcos Ferreiro, El Patito Editorial.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Palestina / Goražde, zona segura, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.
4º-. Oink, varios autores, Agalip.

Xavier Queipo: “Traducir o Ulises é unha homenaxe á Xeración Nós”

Entrevista de Carme Vidal a Xavier Queipo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que supón para un escritor enfrentarse ao reto da tradución do Ulises de Joyce?
– Xavier Queipo (XQ): Traducir é un exercicio saudábel para calquera escritor. Axuda a espeluxar os labirintos internos da escrita. Axuda tamén a procurar opcións na propia lingua, a explorar camiños non transitados. Neste sentido é recomendábel para a formación de calquera escritor.
Constitúe, sen lugar a dúbidas un reto, mais un reto que non pode senón implicar unha maduración no xeito propio de escribir. No caso de Joyce, e do Ulysses en particular o reto é maior, considerando a complexidade formal do texto. (…)
– SG: Por que un narrador, alén de tradutor, decide asumir o traballo titánico da tradución dunha novela de tal envergadura? Canto tempo lle leva dedicado á tradución?
– XQ: Cando Víctor Freixanes falou do asunto, hai agora máis dunha década, con ocasión dunha visita a Bruxelas en novembro de 2002, eu dixen que precisaba pensalo uns días; pois o susto foi grande. Eu só non me atrevía, por non me considerar nin coas forzas nin cos coñecementos necesarios para afrontar a tradución en solitario. Antón Viale entrou deseguido no xogo. Despois decidimos pedir a axuda dunha terceira persoa, Eva Almazán, que xa traballaba para Galaxia e tiña sobrada reputación. María Alonso Seisdedos entrou no proxecto na súa fase final, coido que a finais de 2011, e foi de gran axuda para pór os borradores en orde e dar o impulso necesario para dar rematado o choio, que logo de certas dúbidas tanto no eido económico como no feito da negativa dos herdeiros de Joyce a autorizar a publicación, ficara en punto morto alá polo 2006.
Lembro un día no inicio do verán, sendo eu moi neno, paseando por Compostela, o meu pai sinalou a un tipo de aparencia gris e entrado en carnes, e dixo, nunha mestura de respecto e admiración: ese señor é Otero Pedraio. Daquela non entendín o por qué da admiración. Pasados os anos, cheguei a comprender e partillar o respecto e sentín que tiña unha débeda dupla: co meu pai, por descontado, e con Otero e toda a súa xeración de resistentes. Ou sexa, que cando Víctor propuxo o reto, unha luz prendeu nos labirintos da memoria e non puiden dicir que non. Esa é a explicación final, teorías aparte; o demais é conversa. (…)
– SG: Que supón, ao seu ver, que unha novela que está considerada iniciadora da narrativa moderna chegue agora a nosa lingua arredor de noventa anos despois da súa publicación?
– XQ: A importancia é dupla. Por unha banda poñemos a disposición dos lectores en galego unha obra de importancia capital da narrativa do século XX. Por outra, constitúe unha homenaxe a Xeración Nós e a Otero en particular, pola súa modernidade e afouteza, polo seu valioso legado. Pode verse como unha obriga xeracional, recollendo o facho que eles nos deixaran, e seguir así na carreira de dignificar a nosa lingua, de espallar o noso coñecemento, de normalizar o uso do galego, en definitiva, de aceptar que somos quen nós somos. (…)”

Fene: presentación de Dióxenes en Dolorida, de Ignacio Vidal Portabales

O martes 15 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Pérez Parallé de Fene (Casa da Cultura-Museo do Humor), preséntase Dióxenes en Dolorida, de Ignacio Vidal Portabales, publicado por Xerais, e que obtivo o XXX Premio Blanco Amor de novela. No acto, coorganizado pola editora e o Concello de Fene, participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.

Manuel Veiga: “O bo escritor é aquel que, como o bo cociñeiro, sabe mesturar o conxunto nas doses adecuadas”

Entrevista a Manuel Veiga en Tempo de lecer Ourense:
“(…) – Tempo de lecer Ourense (TlO): Presenta na Livraría Torga a novela titulada: Os xornalístas utópicos. Que nos pode contar desta obra -en canto ao seu argumento, personaxes…-?
– Manuel Veiga (MV): É un libro que comeza en 1977, coincidindo coas primeiras eleccións democráticas e remata no 2007-2008, ao pe da crise. Ten diversos escenarios: Madrid, Vigo, Monforte, un pequeno concello de Ourense, San Francisco, Porto. E ten un personaxe central, Obdulio Somoza, que é xornalista. Pódese dicir que se trata dunha autobiografía cunha parte imaxinada, incluso se podería dicir que é a memoria dunha xeración, e, por último, é unha sorte de historia dos últimos trinta anos. Isto último quizais resulta moi oportuno agora que parece que a crise nos está facendo entrar nunha nova fase. (…)
– TlO: Ademais de escritor, vostede é tamén xornalista. Aplica tamén este concepto ao seu traballo e/ou maneira de ver o mundo?
– MV: A túa profesión sempre determina en gran medida a túa forma de ser e de pensar, queiras ou non. Tamén son sociólogo de formación e iso tamén inflúe. Aínda que quixese disimulalo non podería. A novela, trate do que trate, sempre deixa transparentar o carácter e a formación do autor. É algo parecido a un confesionario. O xornalista é un observador e o novelista necesita observar moito, aínda que non tanto en extensión como en profundidade. Tamén é importante a claridade á hora de escribir. O xornalista necesita ser claro e preciso. Eu cando escribo novelas tamén procuro ser claro e preciso e penso que o lector o agradece. A literatura é a arte do concreto. Se te pos abstracto fas filosofía e ademais corres o risco de aburrir. (…)”

Betanzos: presentación de Cadeas, de Xabier López

O venres 11 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala Azul do Liceo (Praza Irmáns García Naveira, s/n) de Betanzos, preséntase Cadeas, de Xabier López, Premio Xerais de Novela do 2013. O acto, coorganizado pola A. C. Eira Vella, a Libraría Carricanta e Edicións Xerais, contará coa participación de Pilar Vázquez Rodríguez, Iago Martínez, Manuel Bragado e o propio autor.

Compostela: conferencias no ciclo Escrita(s) 2013, o venres 11 de outubro

O ciclo Escrita(s) 2013, coordinado por Claudio Pato, terá lugar en Almáciga(s), na Travesa dos Basquiños, 14, de Santiago de Compostela. Dentro do programa (que pode ser descargado aquí: Escritas-2013), destacamos estes actos para o venres 11 de outubro:

– 18:00 h. A sentimental odyssey, por Ilaria Mallozzi. Unha odisea sentimental conecta co moi debatido termo literario “sentimental” e o arquetipo de todas a viaxes, o segundo poema épico de Homero, a Odisea. De igual xeito que o protagonista de Unha viaxe sentimental Yorick, Ulises pode protexerse de todos os perigos grazas aos seus benevolentes encontros femininos, enganos e brincadeiras. Esta perspectiva permitiríame o cruzamento entre os aspectos ulisenianos de Yorick coa tradución de Ugo Foscolo, Viaggio sentimentale (1813), así como explorar os intereses de Foscolo na tradición literaria italiana (neste caso principalmente representada por Dante e Petrarca) desde o encadre sentimental de Petrarca ofrecido por Sterne.
– 20:30 h. A forza de traballo: as maneiras da exclusión, por Lucía Castro. Atopámonos aquí nun marco. Deses de madeira que van sendo laboriosamente tallados. O traveseiro empeza marcando unha ruta, na que as figuriñas que se suceden resultan ter cada vez máis relevo. Afondan nos sucos da madeira grazas a unha precisión e habelencia no manexo do cicel que se foi adquirindo co tempo, a forza de traballar o material. Mais esa profundidade do marco vai facendo paseniñamente máis infranqueábel o espazo entre o que deixa fóra e o que fica dentro. Este marco comezou a tallarse cando a Platón e a Aristóteles se lles deu por enmarcar nel -e así facer comprensíbel- esa phýsis da que tanto se falaba daquela entre os sabios. O traballo nunca máis deixou de ser un marco de comprensión no mundo occidental, até o mesmo capitalismo da actualidade. No traballo enmarcamos e enmárcanse as nosas vidas, que dificilmente escapan hoxe a ser concibidas como cuantificábeis forzas de traballo. Pero canto máis fondo é o relevo, máis inhabitábel é o marco, máis pobre o que fai comprensíbel e máis alleo o excluído. Até non poder senón desmarcármonos…