Arquivo da categoría: Narrativa
Berta Dávila: “É emocionante ver un teu libro en xaponés”
Entrevista
a Berta Dávila en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): En 2010 Barbantesa publicaba un libro teu de relatos agrupados baixo o título A arte do fracaso. Agora acaba de saír a tradución ao xaponés. Como se leva iso de saber que vai haber xente léndote a 12.000 quilómetros de distancia?
– Berta Dávila (BD): É emocionante, desde logo. O libro será distribuído como e-book, aínda que se fixeron algúns exemplares en papel para cuestións de promoción. Así que potencialmente pode chegar a calquera falante de xaponés, estea onde estea, algo que resulta moi interesante porque permite que as linguas soborden fronteiras xeográficas.
– LeO: Como acabou o libro traducido ao xaponés e quen se encargou da tradución?
– BD: Foi unha proposta de Pulp Books que, desde Cangas do Morrazo, levan a literatura do país a todo o mundo. Eles editaron a tradución ao castelán e agora preparan outra para o eúscaro. Da versión xaponesa encargáronse Mona Imai e Megumi Shiozawa. Unha non pode ficar máis que agradecida por ter recibido unha proposta deste tipo. (…)
– LeO: A pesar de que es unha escritora ben nova xa sabes o que é ser traducida a dous idiomas diferentes ao galego (castelán e xaponés). É a internacionalización a chave mestra que precisa a nosa literatura?
– BD: Creo que escribindo en galego é posible chegar a todas partes, outro cantar é que interese nalgures algo que escriba eu, iso dubídoo. A verdade é que non teño a resposta sobre as chaves mestras que precisa a nosa literatura, pero o proxecto de Pulp Books paréceme moi interesante e coido que tamén importante. (…)”
Xesús Constela: “Nada morrerá xamais se está dentro dun libro”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Xesús Constela, en Qué leer, publicada en galego no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Que permanece en vostede, como autor, desde os primeiros pasos naquela revista artesanal salmantina dos oitenta até hoxe?
– Xesús Constela (XC): Permanecen inalterables as miñas ganas de (re)interpretar a realidade e o meu desexo de plasmar esa (re)interpretación sobre un papel. Actúo como unha especie de filtro, permítaseme a comparación: capto a realidade, ou quizais a absorbo, que sei eu, para despois transformala, ou procesala, ao meu xeito, e finalmente liberala en forma de palabras escritas, de literatura, á fin e ao cabo. (…)
– RN: De 15.724, a súa última novela, destaco persoalmente ese alegato contra a pena de morte e a reflexión sobre as fronteiras entre a cordura e a tolemia…
– XC: A pena de morte é algo que me repugna no máis fondo porque de ningún xeito podo compartir a idea de que unha institución poida ser quen decida cando debe finalizar a vida dun ser humano, independientemente do delito que poida cometer, e 15.724 responde a un desexo de expresar esa repugnancia. E aínda me repugna máis cando o condenado é unha persoa que vive nun mundo propio que ninguén intentou comprender xamais, unha persoa a quen a sociedade deixou de lado… Resultoume duro facelo pero… tiña que dicilo!”
Compostela: presentación de Janela Aberta, de José Alberte Corral Iglesias
A
cuarta feira 9 de outubro, ás 20:00 horas, na Livraria Ciranda (Rúa Travesa, 7), de Santiago de Compostela, preséntase o libro de relatos Janela Aberta, de José Alberte Corral Iglesias, publicado por Através Editora. No acto, xunto ao autor, participa Xurxo Nóvoa Martins.
Ourense: presentación de Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga
A
cuarta feira 9 de outubro, ás 20:00 horas, na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan César Lorenzo e Manuel Bragado.
Muxía: Berta Dávila na Galería de Mulleres no mes de outubro
O
Concello de Muxía segue coa iniciativa da Galería de Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartaces e indicacións para informarse sobre ela e acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Este mes de febreiro centrarase en Berta Dávila.
A literatura galega ábrese paso en Bulgaria
Reportaxe de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“Cinco títulos de catro autores galegos xa están ao dispor dos lectores búlgaros na súa propia lingua. A Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, e O lapis do carpinteiro -edición xa esgotada- de Manuel Rivas, veñen de sumarse Que me queres, Amor?, do mesmo autor, a Poesía completa de Lois Pereiro e Aire negro, de Agustín Fernández Paz.
Todos eles aparecen en Small Stations Press, o selo do tradutor Jonathan Dunne, e que tamén ten versións inglesas de títulos galegos no seu catálogo. Dunne subliña a acollida que están a ter os libros, en boa medida polo interese da comunidade lectora e unha tradición de respecto polas traducións, que arranca dos anos do socialismo. «En Bulgaria están afeitos a outras culturas, a leren traducións, non representa ningún problema para eles», resume Dunne.
Ademais, Small Stations continúa co labor de difusión da literatura galega en inglés. Dunne quere poñer o foco sobre a literatura infantil e xuvenil, empezando por títulos de Fina Casalderrey, Fernández Paz, Elena Gallego e Marcos Calveiro. Tamén pretende ampliar a colección Galician Classics con Nimbos, de Díaz Castro, unha obra de Novoneyra e continuar coas traducións de Rosalía, despois do «éxito considerable» de Cantares gallegos en versión de Erín Moure.
Ademais, nas vindeiras semanas aparecerá Poesía última de amor e enfermidade, de Lois Pereiro, en edición bilingüe galego-éuscaro, preparada por Joxemari Sestorain para Cenlit-Denonartean. «Es una poesía fuerte, poderosa, dramática, muy sentida y sincera», explica o tradutor. Tamén destaca a orixinalidade da voz de Pereiro, quen nas numerosas referencias da súa poesía tamén incluía a ría do Nervión. Sestorain cita os congresos de Galeusca como exemplo do interese dos lectores en éuscaro pola literatura galega, ademais da súa condición de linguas minorizadas: «Hay un interés, que nace de una solidaridad y una simpatía, por ver qué se hace en Galicia, sus mundos y su expresión».”
Santiago: presentación de Dióxenes en Dolorida, de Ignacio Vidal Portabales
O
martes 8 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Norte, Avenida do Burgo, s/n), preséntase Dióxenes en Dolorida, de Ignacio Vidal Portabales, publicado por Xerais, e que obtivo o XXX Premio Blanco Amor de novela. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Rábade Paredes e Manuel Bragado.
Gondomar: Vermú literario con Dolores Redondo en Espazo Lectura
O
domingo 6 de outubro, ás 12:00 horas, na Xamonería Catro Camiños de Gondomar, o Club de Lectura Sete Vidas de Espazo Lectura abre a súa tempada cunha sesión moi especial: un vermú literario con Dolores Redondo acompañado de polbo á feira. A escritora vasca Dolores Redondo é autora do thriller de éxito internacional O gardián invisible, traducido a numerosas linguas en todo o mundo e estará connosco en Gondomar para acompañar os seus lectores e lectoras. Neste acto poderanse compartir coa autora uns atractivos momentos de charla e intercambio de impresións.
Rianxo: presentación de Iria, de Anxo Angueira
O
venres 4 de outubro, ás 20:30 horas, no Salón de Actos do Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira- Parque de Galicia), terá lugar a presentación de Iria, de Anxo Angueira, publicada en Xerais. No acto, coorganizado polo Concello de Rianxo e a editora, participan, xunto ao autor, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos e Manuel Bragado.
