O
martes 7 de maio, ás 19:30 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, terá lugar unha conferencia de Antón Dobao sobre a figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño. O acto está organizado pola A. C. O Facho.
Arquivo da categoría: Palestras
Lídia Jorge: Escritora Galega Universal
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca coa mención Escritora Galega Universal a alta calidade literaria do conxunto da súa obra, coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético. A súa é unha traxectoria literaria incontestábel, apreciada por crítica e público, nun consenso difícil de conseguir. En compañía dos seus personaxes Lídia Jorge móstranos a realidade e permítenos entender os cambios sociais.
Con motivo da entrega do premio, Lídia Jorge estará en Galicia nos vindeiros días:
Venres 3 de maio:
– Ás 18.15, ofrecerá no Salón de Actos da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) unha rolda de prensa á que seguirá unha visita ás instalacións da Academia guiada pola Académica Margarita Ledo Andión, e a sinatura no libro de honra
– Ás 20.00 e tamén no Salón de Actos da RAG, impartirá a conferencia Quem guardará os livros coa que se clausuran os VI Encontros Cidade da Coruña organizados pola AELG.
O sábado, 4 de maio recibirá o Premio Escritora Galega Universal no transcurso da Gala das Letras, ás 20.00 no Auditorio do Centro Ágora da Coruña.
Lídia Jorge naceu no Algarve en 1946. Licenciouse en Filoloxía Románica pola Universidade de Lisboa. Como profesora do Ensino Secundario pasou algúns anos decisivos en Angola e Mozambique, durante o último período da Guerra Colonial.
A publicación da súa primeira novela,O Dia dos Prodígios (1980) constituíu un acontecemento. Seguíronlle O Cais das Merendas (1982) e Notícia da Cidade Silvestre (1984), ambos distinguidos co Premio Literario Cidade de Lisboa. A Costa dos Murmúrios (1988), libro que reflicte a experiencia colonial en África, confirmou o seu destacado lugar da autora no panorama das letras portuguesas. Entre outras novelas, cóntanse O Vale da Paixão (1998) galardoado co Premio Dom Dinis da Fundação da Casa de Mateus, o Premio Bordalo de Literatura, o Premio Máxima de Literatura, o Premio de Ficção do P.E.N. Clube, e en 2000, o Premio Jean Monet de Literatura Europea, Escritor Europeo do Ano. Pasados catro anos Lídia Jorge publicou O Vento Assobiando nas Gruas (2002), un dos máis apreciados pola propia autora, novela que mereceu o Grande Premio da Associação Portuguesa de Escritores, o Premio Correntes d’Escritas e primeira edición do Albatroz, Premio Internacional de Literatura da Fundación Günter Grass.
A autora publicou aínda dúas antoloxías de contos, Marido e Outros Contos (1997) e O Belo Adormecido (2003), ademais das publicações separadas de A Instrumentalina (1992) e O Conto do Nadador (1992) e a peza de teatro A Maçon.
As novelas de Lídia Jorge están traducidas a diversas linguas.
Marín: Rosalía. 150 aniversario de Cantares Gallegos
Vigo: conferencia de Xesús Alonso Montero sobre Cantares Gallegos
O
sábado 4 de maio, ás 12:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n) de Vigo, a Fundación Premios da Crítica Galicia continúa cos seus Sábados culturais coa conferencia de Xesús Alonso Montero titulada “Cantares Gallegos”, unha nova lectura?.
A Coruña: conferencia de Antón Riveiro Coello nos VI Encontros Cidade da Coruña
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anuncia que este xoves 25 de abril, a partir das 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), terá lugar a terceira conferencia dos VI Encontros Cidade da Coruña, organizados coa colaboración da Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. O escritor Antón Riveiro Coello falará sobre As voces ausentes. Literatura restitutoria, intervención que versará sobre as funcións da literatura na memoria da Guerra Civil, unha das grandes traxedias do século pasado, que, malia a recuperación dos últimos anos, ten sido, e aínda segue a ser, o primeiro territorio da invisibilidade.
Unha reflexión sobre como coa imaxinación e a través da vida de seres esquecidos podemos construír unha ficción cos lugares calados e invisibles da Historia, e como con eles podemos incidir na sociedade actual e transformala.
Literatura de restitución de voces ausentes como poden ser as das mulleres, a través das que se intenta canalizar a memoria e a percepción do conflito. Literatura tamén de recoñecemento ás vítimas, para lles dar unha homenaxe, sen entrar en ningún tipo de división ideolóxica.
Intentarase demostrar que escribir sobre (e dende) a Guerra Civil non é unha moda dos fillos ou netos da mesma senón un acto de compromiso e rebeldía contra o esquecemento desas personaxes humildes nas que tamén está representada a identidade colectiva. Literatura como unha opción ética e estética de poñer en tensión o pasado e inscribir nel estas novas olladas que aspiran a modificalo.
É dicir, a ficción, como lugar de exploración dos discursos do pasado, para iluminar eses espazos invisibles, para recompoñer as pluralidades das voces ausentes e achegar novas verdades a esa memoria en permanente construción.
Santiago: terceira xornada do Congreso Internacional Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada
Chega
a terceira xornada de Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada, congreso internacional dividido en 5 xornadas e un congreso virtual, organizado polo Consello da Cultura Galega. Contará coa participación de especialistas na obra rosaliana de diferentes xeracións e de dentro e fóra de Galicia que achegarán olladas renovadoras desta autora única. O programa é o seguinte:
XOVES 25 DE ABRIL
CARA A UNHA INTERPRETACIÓN GLOBAL DE ROSALÍA: HERMENÉUTICA, FONTES E EDICIÓN. Coordinador: Anxo Angueira.
– 10:00 h. Para unha interpretación integral da obra rosaliana, por Xesús Alonso Montero,. Retrucante: Dolores Vilavedra.
– 12:00 h. Mesa redonda: Editar Rosalía. Moderador: Anxo Angueira. Con Henrique Monteagudo, Aurora López, Ana Rodríguez Fischer e Juan Barja.
– 16:00 h. Mesa redonda: O mundo editorial da época. Moderador: Andrés Pociña. Con Xurxo Martínez González, Santiago Díaz Lage e Carmen Pérez Pais.
– 18:30 h. Gótico e romantismo alemán en Rosalía:
* Rosalía e o Volksgeist; resonancias do romanticismo alemán no contexto galego, por Derek Flitter.
* A cuestión do gótico nas novelas de Rosalía, por César Domínguez.
Madrid: Letras galegas na III Semana Complutense das Letras
A Coruña: conferencia de Aurora Marco nos VI Encontros Cidade da Coruña
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anuncia que este xoves 18 de abril, a partir das 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), terá lugar a segunda conferencia dos VI Encontros Cidade da Coruña, organizados coa colaboración da Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Nela, a profesora Aurora Marco tratará o tema Elas, as invisíbeis. Silencios e voces das represaliadas.
A conferencia vai xirar en volta do exilio das mulleres galegas, silenciadas pola historia tradicional. Tras unhas consideracións xerais sobre as palabras das mulleres e sobre a escrita autobiográfica feminina, analisaranse e comentaranse dous textos que recuperan as voces da memoria democrática: Éxodo (1940), de Silvia Mistral, e Memorias dunha republicana (2012), de Teresa Alvajar López. Para finalizar, proxectarase un capítulo do documental As silenciadas, de Pablo Ces, Premio Mestre Mateo 2012.
Cáceres: conferencia e recital poético de Mario Regueira e Lorena Souto
O xoves 18 de abril, ás 12:00 horas, no Laboratorio 2 da Facultade de Filosofía e Letras de Cáceres, o Centro de Estudos Galegos de Cáceres, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), ofrece unha nova conferencia na Facultade de Filosofía e Letras desta cidade.
Mario Regueira e Lorena Souto presentarán en Cáceres os relatorios Literatura galega, unha literatura política e Resistir hoxe: Novos panoramas na poesía galega actual nos que, ademais de facer un percurso histórico polos diferentes períodos, recitarán versos propios e doutros autores/as da nosa literatura.
Crónica da conferencia de Pilar García Negro nos VI Encontros Cidade da Coruña
Esta
é a crónica da conferencia de Pilar García Negro que inaugurou o 11 de abril os VI Encontros Cidade da Coruña, desde a web da Real Academia Galega:
“O presidente en funcións da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo, introduciu o acto felicitando á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pola gran transcendencia social acadada polo seu traballo nos últimos anos, e felicitouse pola oportunidade de poder desenvolver actividades conxuntas, “en certo sentido, somos institucións irmás, e esta liña de colaboración debe proseguir no futuro”.
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, concordou, na súa quenda, coas palabras de Axeitos Agrelo “tanto a AELG como a Academia temos por obxectivo principal a defensa da lingua galega, un labor que se tornou aínda máis difícil nos últimos tempos”. O presidente da AELG proseguiu a súa intervención expoñendo a temática escollida para a sexta edición dos Encontros, “a sociedade actual crea espazos invisibilizados habitados por voces e silencios imprescindibles para explicar a historia da humanidade, con este ciclo de conferencias o que pretendemos é xustamente deitar luz sobre estas zonas escurecidas”.
Mercedes Queixas Zas, secretaria da AELG, foi a encargada de presentar á profesora Garcia Negro, de quen destacou a súa autoridade recoñecida nos ámbitos da sociolingüística, a literatura galega, o feminismo e as linguas minorizadas, “pero ela soubo entrelazar sempre o estudo destas materias, e non traballalas como se de compartimentos estanco se tratase “, comentou Queixas Zas, quen subliñou tamén o fondo compromiso político e social da profesora García Negro, testado na súa participación en multitude de iniciativas de carácter comunal, desde asociacións culturais de base ata o propio Parlamento de Galicia.
“Á escritora inglesa J. K. Rowling recomendáronlle, cando publicou o seu primeiro libro, que asinase cun pseudónimo masculino, pois ben, cento corenta anos antes, neste recuncho apartado do continente europeo, Rosalía xa asinaba os seus libros co seu nome”, empezou sinalando García Negro, para continuar enfiando o seu discurso titulado Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar, no que analizou as claves diferenciais da obra de Rosalía de Castro. García Negro apuntou ademais que esta toma de posición non foi exclusiva de Rosalía, outras escritoras galegas do Dezanove como Concepción Arenal, Sofía Casanova, Pardo Bazán ou Fanny Garrido, asinaron as súas obras tamén co seu nome.
Para García Negro, este feito converte a Galicia nunha rareza no panorama literario do seu tempo, e acrecentou a súa importancia lembrando o caso de dous escritores galegos, Montenegro Saavedra e Lamas Carvajal, que empregaban ás veces un pseudónimo feminino. “Xa Álvaro de las Casas sinalou, na súa antoloxía de literatura galega, que en Galicia a muller non segue ao home, senón que máis ben o acompaña á mesma altura”.
A continuación, García Negro apuntou algunhas características que diferencian a obra de Rosalía da de contemporáneas súas como Gómez de Avellaneda ou Pardo Bazán, como o feito de que a Poeta do Sar escribise sempre desde o bando dos desfavorecidos, mentres que as outras se aliñaban co poder. Tamén foi un trazo definitorio da obra rosaliá a súa independencia respecto dunha suposta escola tardorromántica española –a de Espronceda ou Zorrilla- na que certa crítica teimou en clasificala. Segundo lembrou García Negro, “Rosalía non é filla do romanticismo, o cerne da súa obra é máis ben un impulso patriótico que ten como obxectivo transformar o galego nunha lingua culta, e como protagonista epónimo, o pobo máis humilde”.
García Negro combateu tamén a concepción de Rosalía como escritora amanuense de Murguía e allea aos grandes debates intelectuais do seu tempo, unha visión reducionista que a definía como unha autora “dotada dunha sensibilidade hipertrofiada, o que explicaría o seu éxito en capas sociais populares e non moi ilustradas, como a dos emigrantes”. “En resumo”, concluíu a profesora, “existe, en Rosalía, como en todos os clásicos, certa dose de misterio e enigma que permite que nunca sexa lida completamente, pero tamén hai unha gran dose de elocuencia e clareza”.”



