A Coruña: Roteiro 2º de Poeta, con Lucía Aldao

O Roteiro 2º de Poeta, guiado por Lucía Aldao, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.
Terá lugar o sábado 18 de novembro, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña, tendo como punto de saída o IES Puga Ramón (Rúa Leopoldo Alas Clarín, 4).
Agradecemos que as persoas interesadas se inscriban previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes.
En palabras de Lucía Aldao: “Hai anos deseñei para os Paseos pola Coruña literaria de AELG a actividade 1º de poeta, e co público asistente paseei polo meu colexio da infancia intentando falar da vocación e dos primeiros achegamentos á literatura. Propóñovos agora asistir a 2º de poeta, un paseo da man da poeta adolescente coas súas lecturas reveladoras, os seus tormentos e a súa teima, aínda intacta, pola poesía.”

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

O pleno da RAG elixe académico de número a Anxo Angueira e nomea membro de honra a Takekazu Asaka

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega elixiu novo académico de número o escritor e investigador Anxo Angueira (Dodro, 1961) no pleno ordinario celebrado o 28 de outubro no pazo municipal de María Pita. O profesor da Universidade de Vigo, actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, ocupará a vacante producida polo pasamento do poeta Salvador García Bodaño-Zunzunegui o pasado mes de marzo. Na mesma sesión foi nomeado académico de honra Takekazu Asaka (Toquio, 1952), valedor da lingua e da cultura galegas no Xapón. (…)”

Entrevista a Yolanda Castaño sobre o Premio Nacional da Poesía 2023

Entrevista a Yolanda Castaño no Diario Cultural da Radio Galega:
“O poemario Materia, publicado por Edicións Xerais en 2023, é o cuarto Premio Nacional para a poesía galega, despois dos recibidos por Manuel Álvarez Torneiro, Pilar Pallarés e Olga Novo. O xurado destacou a “extraordinaria forza evocativa e sensorial” do libro e a súa exploración non compracente de temas como a familia e a maternidade. Conversamos coa poeta, que recibiu a noticia da concesión do premio desde o estado mexicano de Chiapas, onde participa nun festival de poesía. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Alberto González-Garcés, biólogo mariño e escritor: “Vivimos mergullados en poesía, está no día a día, no cotián”

Entrevista a Alberto González-Garcés en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A idea de escribir poesía está motivada pola figura do seu pai?
– Alberto González-Garcés (AGG): Claro, é evidente. Veño dunha familia de poetas cunha referencia clara, meu pai. Vivindo e falando con el e tendo esa experiencia vital, é obvio que queda aí un pozo que máis tarde que cedo, porque xa teño os meus anos, aflorou. Falando coa xente, moitos me din que non lles gusta a poesía, que é difícil de ler, pero eu dígolle a todo o mundo que é ao revés. Vivimos mergullados na poesía, está no cotián. Falta expresalo dun xeito adecuado.
– LVG: Como xurdiu a obra?
– AGG: Aproveitando a miña xubilación e na pandemia descubrín algo novo que era o tempo libre. De repente podía sentarme fronte a miña xanela a pensar e escribir, e comecei a escribir poesía. Non tiña intención de escribir un libro, non comecei con esa idea, senón polo impulso e ganas. Logo, vin que tiña xa 15, 20 ou 30 capítulos, e dixen, con pouco máis xa é un libro e así foi.
– LVG: É unha autobiografía?
– AGG: Non necesariamente, pero si falo das miñas experiencias e da miña visión do mundo. Conto cousas que non as vivín directamente, pero que as imaxino dentro do meu mundo e modo de ver.
– LVG: Que lle motivou a escribir?
– AGG: Ter tempo para reflexionar sobra a vida, a familia, as vivencias, sobre o pasado e o futuro.
– LVG: Está dividido en tres partes.
– AGG: Si, foron xurdindo así. Entón, logo xuntei os poemas dos mesmos temas en tres apartados.
– LVG: O mar está moi presente, que significa para vostede?
– AGG: Ten dous significados. Nacín vendo o mar, en Linares Rivas. A min non me trouxo unha cegoña, senón un barco. Paseo continuamente polas ribeiras mariñas, pero por outro lado, como biólogo e investigador, embarquei en pesqueiros e sempre sentín un enorme respecto polo mar. Recoñezo a súa enorme beleza, pero tamén a súa forza brutal. En Galicia sabemos ben iso. (…)”