Entrevista de Laura Veiga a Arancha Nogueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como recibe este galardón?
– Arancha Nogueira (AN): Por unha parte, supón un recoñecemento a unha obra que xa foi publicada no 2021. Para unha autora, ou polo menos no que a min respecta, é moi grato porque ás veces parece que as obras que escribimos pasan rapidamente de moda. Como que teñen o seu momento de que todo o mundo as coñeza e posteriormente, polos ritmos da industria editorial, deixan de estar no foco. Paréceme que este tipo de premios, dalgunha maneira, desafían estes ritmos frenéticos e a mercantilización. Tamén me pon moi contenta este recoñecemento en concreto, porque parte do profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas da Galiza, mais despois é a xente quen escolle a persoa gañadora, o cal significa que tamén houbo unhas cantas persoas que estiveron votando polo meu poema. Estou moi agradecida á organización, non só polo premio, senón porque creo que fan un labor moi necesario para achegar as culturas de ambas beiras do Miño. É un pouco triste e di bastante da nosa sociedade e de cara onde van os apoios institucionais que haxa tan poucas iniciativas que intenten facer isto. Sei a ciencia certa que desde Portugal se descoñece bastante o que estamos facendo aquí e nós tamén descoñecemos moito do que acontece alí. Parece que hai unha fronteira social, cultural e de desinterese institucional máis grande que a propia fronteira física. Por iso valoro moito o esforzo de Ari(t)mar, que levan desenvolvendo desde hai varios anos con moito éxito e, para min, con moito gusto. Agardo que poida seguir así coa mesma forza ou máis, se cabe.
– ND: Que cre que puido facer que a xente votara por este poema en concreto?
– AN: O certo é que estou bastante sorprendida de que gañara o certame porque creo que é un poema que se entende moi ben inserido dentro do conxunto de Antese. O poemario ten unha historia que vai avanzando de modo cronolóxico en tres meses, que en principio son eses tres meses de confinamento que vivimos en 2020, e hai unha voz poética que entendemos que é unha filla que por estas circunstancias debe convivir coa súa nai, que representa outra xeración e outra forma de facer as cousas. A medida que vai avanzando o poemario as dúas se van atopando en certos lugares comúns, mentres aprenden tamén a respectar e a valorar as súas diferenzas, fundamentalmente no que respecta á comunicación. Como digo, chamoume a atención porque creo que non é un poema tanto para ler solto como para comprendelo dentro dunha narrativa. Con todo, si que creo que pode ser que reflicta ben o espírito de todo o libro, como unha sorte de resumo de toda a obra, e tamén que a xente que votou este poema quizais coñecía previamente Antese e por iso o votou. En calquera caso, ponme moi contenta.
– ND: Despois de ter superado a época de pandemia, que lectura fai agora da obra?
– AN: Non me preocupa demasiado que teña un referente tan claro agora que xa non a estamos vivindo. Son unha firme defensora de que a poesía ou a arte en xeral pode ter diferentes obxectivos, mais un dos meus desde logo é reflectir o momento presente, ser unha especie de fotografía do que estamos vivindo en cada momento, no aquí e agora. Por iso non me preocupa que poida quedar desfasado ou que non chegue a comprenderse porque para min reflicte o que tiña que reflectir nese momento. Por outra parte, creo que tamén é unha mostra de sentimentos e situacións moi universais. A pandemia pode non estar presente agora mesmo, afortunadamente, mais si que hai outras cousas como o que comentaba antes: a aprendizaxe entre mulleres de distintas xeracións, como aprenden a comunicarse e incomunicarse… Digamos que empreguei como recurso a pandemia, mais creo que realmente poden ser elementos comprendidos desde calquera momento, co cal non me preocupa ter esa referencia.”
Arquivo da categoría: Poesía
A Coruña: presentación de As posturas do día, de Emma Pedreira
Betanzos: inauguración da exposición No interior do abandono, de Baldo Ramos e Carlos Lorenzo, o 5 de xullo ás 20:00 h.
Xabier Paz: “A poesía non deixa de ser unha linguaxe sobre outra linguaxe, é un dos milagres da vida”
Entrevista de Laura Veiga a Xabier Paz en Nós Diario:
” Xabier Paz, doutor en Bioloxía e escritor, regresa á poesía despois de 17 anos cunha plaquette editada en formato bilingüe en galego e francés.
– Nós Diario (ND): Por que volver á poesía desta maneira?
– Xabier Paz (XP): Xavier Queipo estivo 30 anos traballando en Bruxelas e alí fixo moitas amizades e relacións, entre elas, Laurine Rousselet, unha muller que se dedica á literatura, que ten programas de radio e que, entre outras iniciativas, conta cunha colección chamada Cadernos do achegamento. Son unhas obras editadas con moito esmero, mais tamén con sobriedade e que sempre son bilingües, ben sexa entre idiomas máis ou menos coñecidos, como o croata ou o bretón.
Entón, Queipo presentou o ano pasado o seu libro e pediume ver os poemas que eu tiña escritos e gardados, porque xa nos coñecemos desde hai máis de 40 anos. Daquela eu tiña un poemario rematado cun apartado chamado Antroposofía con sete poemas. E así chegamos a unha publicación pequena, son só 16 páxinas, que foi traducida por Fátima Rodríguez, que é de Pontedeume mais que traballa como poeta e crítica literaria en Francia.
Baixo o meu punto de vista, co meu pobre dominio do francés, é unha tradución excelente. Decidín publicar así animado pola petición e a posibilidade que me ofreceu Queipo. A vida cambia moito e eu son un escritor serodio, neste mundo de présas vese que estou desfasado. Comecei publicando libros de poemas, catro en concreto, e despois dediqueime a traballar a prosa, publicando algunhas novelas.
Pasoume a fogaxe poética, máis propia quizais da xuventude. Porque a poesía é un xénero curioso, quizais pola dificultade de publicar ou quizais pola falta de ambiente ao meu arredor que me dera ese impulso para publicar, deime de conta de que xa ían case máis de 15 anos desde que gardei estes versos.
O tempo pasa bastante rápido e cando te queres dar de conta xa estás ocupado coa narrativa, que parece que ten un pouco máis de eco.
– ND: Con todo, unha plaquette non deixa de ser un formato especial, case de colección
– XP: Si, evidentemente. Por unha banda son algo moi modesto, cun lavado e un forro translúcido. Tamén é difícil de conseguir: en Vigo só se poden conseguir en Río Lagares ou mandándoos pedir. É un obxecto moi agradábel e delicado, como un perfume, un detalle en pequeno formato, porque non chega a ser un poemario. Aliás, tamén traen un pequeno gravado feito en madeira e reproducido na portada e nunha páxina completa das interiores. (…)”
Andrea Fernández Maneiro: “Vou polo mundo roubando cousiñas miúdas que son a esencia de todo”
A Coruña: presentación de Voces da Terra. Seis poetas galegas
A Coruña: II Festival Amergin de Poesía Atlántica

“O sábado 1 de xullo a AC Alexandre Bóveda, In Nave Civitas e Xuntas polas Artes, coa colaboración do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC, organizan a grande FESTA AMERGIN DA POESIA ATLÁNTICA para establecer lazos de unión da literatura galega e a literatura irlandesa.
O poema fundacional da literatura irlandesa, Manifesto, ou canción, de Amergin (Song of Amergin), ten unha estreita relación con Galiza. Segundo a mitoloxía gaélica, Amergin, o seu autor, procedía do clan milesian de Breogan, os chamados Fillos de Mil ou Milesios, ligados a nosa cidade e aos nosos heroes mitolóxicos, como é o Breogán. Os Milesios, segundo a lenda recollida no Lebor Gabala (ou Libro das Invasións), datado no século XII, chegaron a Irlanda procedentes do noso país centos de anos antes da nosa era.
Eu son o vento mareiro
Eu son o golpe de mar
Eu son o océano que brúa
eu son o cervo dos sete combates
Eu son o falcón no cantil
Eu son a pinga que escintila na alborada.
… Así comeza este poema, en versión de Manuel Rivas.
Para a mitoloxía irlandesa, para a poesía irlandesa, é o poema fundacional da súa literatura.
Amergin, personaxe lendario, tamén coñecido como Amhairghin Glúngheal, foi un dos fillos de Míl Espáine, druida, filidh e xuíz dos Milesios, identificados dentro da mitoloxía irlandesa como os primeiros habitantes gaélicos de Éire. Segundo este mito, os Milesios chegaron a Éire desde a nosa cidade, para vingaren a morte de Íth, fillo de Breogán. Este guerreiro fora enviado á illa para explorala e foi asasinado por tres dos Reis dos Tuatha Dé Danann, seres divinos e antigos habitantes de Éire. Ao chegar á terra e pisar por primeira vez a Illa, Amergin entoou un himno, coñecido como A canción de Amergin. Hoxe Amergin dá nome ao Instituto Universitario de Investigación en Estudos Irlandeses, da Universidade da Coruña, e é un símbolo que alude á relación histórica entre Galiza e Irlanda, illa na que se teñen organizado diversos eventos en recordo desta lenda.
Festa final
Ás 21 horas tera lugar o acto final desta festa. Farémola desde as nove da noite do sábado 1 de xullo até o momento da posta do sol na praia do Areal (As Lapas).
A música poñeraa o gaiteiro Xosé Manuel Sánchez Rei e a cantante Belém Tajes.
A poesía comezará coa lectura da Canción de Amergin en galego por Manuel Rivas, e en gaélico por Anthony Quinn, e a continuación a lectura de poemas, con Rodrigo Osorio, Laura Rei Pasandín, Ana Fernández Melón, Antom Laia e Teresa Ramiro.
Non só o música e a poesía construirán a festa, tamén as artes plásticas, Correa Corredoira, Deseño efémero na area; Pilar Silva, coa pintura, Roberto Castro, deseño e pintura. E a fotografía correrá a cargo do Colectivo Ollo de Vidro.
Ás 22.16 horas, celebraremos o solpor con música de gaita para despedir o día.
As outras actividades da II Festa Amergin da Poesía Atlántica
As actividades da II FESTA AMERGIN DA POESIA ATLÁNTICA comezarán o venres dia 30 de xuño, no local da AC Alexandre Bóveda, rúa de Santo André, nº 36, 1º, cos maiores expertos en literatura irlandesa, e continuarán o sábado 1 de xullo na contorna da Torre de Hércules e na praia do Areal.
Día 30 de xuño, venres:
Ás 19:00 – AMERGIN: PONTE DO PATRIMONIO CULTURAL ENTRE A GALIZA E IRLANDA. Palestra con Mónica Vázquez Pozo (O´Reilly), Ph.D. Estudos Literarios.
Ás 20h – Mesa redonda: POESÍA E NATUREZA EN AMERGIN con:
Antonio Sandoval, escritor e naturalista.
Anthony Quinn, periodista e novelista irlandés.
David Clark, director do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC.
Antonio de Toro, Profesor Emérito da UDC.
Día 1 de xullo, sábado:
19:30 – Roteiro arredor da Torre guiado por Antonio Sandoval, coa participación de Xosé Alfeirán e Ana Santorum. Este roteiro ten prazas limitadas. Cómpre anotarse na web de ACAB.”






