Artigo
de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“A contemplación e vivencia da fláccida realidade, esa observación atenta do que sucede. Tamén a maneira de experimentar a pesadez das horas, sentir o seu transcurso ata o delirio mentres un manto invisíbel envolve as cousas mínimas: a simplicidade dunha flor calquera, dun insecto, dun corpo espido… A importancia do desexo e da entrega. A negación ante o devandito espasmo das horas a abrirse paso. A deconstrución da idea que se acepta porque si. Sen máis xustificación que a propia recorrencia que parece conferirlle un pouso de verdade, como iso de ver algo limpo no amor e pensalo sempre inocente. A pregunta. As preguntas. Todo ese ronsel de cuestións que nos coloca en lugares difíciles, porque introducir a dúbida pode provocar un descenso en picado e non nos gusta nada iso de darnos un golpe duro e desfacer o que somos, ou pensabamos ser, en anacos. Entendo que caer así é un xeito de morrer. Hai que ser moi forte para saber abandonarse. O máis fácil é resistirse ao golpe. Evitalo. Como deixarse ir sen perderse?. Velaquí a cuestión. Para Xela Arias esa caída en picado era algo necesario. Non quixo permanecer varada e interpretarse incapaz de renovación. Sabía da flaccidez da realidade e aceptaba estar en guerra. Tigres coma cabalos é un reflexo desa tensión interna que non desexaba evitar. Amosar o seu corpo espido ante unha comunidade lectora máis afeita á poesía da paisaxe ao xeito dos románticos ingleses, por exemplo, foi a maneira que atopou de expresar o seu bramido e provocar a explosión. Quería escribir algo diferente, textos que non se limitasen a unha creación vicaria, dacabalo da literatura exterior malia alimentarse dela. Podemos respirar a frescura nos seus poemas, algo que non pasou desapercibido polas lectoras, que, pouco tempo despois, iniciarían a súa andaina literaria. O escrito por Xela, do mesmo xeito que o traballo de Lois Pereiro ou Chus Pato, constitúen un legado importante para toda a xeración dos 90 que nos deixou eses textos revitalizantes, vigorosos e rompedores que tanto compraceron ás máis audaces lectoras un pouco cansas do academicismo culturalista da xeración anterior. Xela Arias envolveu entón un contido potente nun continente atractivo, porque si se pode tratar asuntos “serios” cun enfoque absolutamente moderno sen renunciar a intensidade expresiva, que, ao meu ver, devén maior. Máis demoledora. Esa singularidade de Arias, que conseguiu mediante a desvirtuación da sintaxe e un xogo lingüístico estilizado, atrapa. Denuncia do equilibrio (1986) dá boa conta disto con versos sorprendentes, que, alonxados de calquera manierismo ou afectación, transmiten a súa visión da soidade, do amor ou do propio tempo, sen que teñamos a sensación de que “chove sobre mollado” ao lelos. Iso de que posuía, por exemplo, un “corazón de auga derretida desbordando/ vasos e piscinas” e a sensación de asfixia, porque “se non che falo non collo no cuadrilátero da habitación”, ou aquela rotundidade de que “só ningures país da decapitación non ten leis/ para amarrarte”, revelan esa visión do amor como algo que se derrama por todas partes, que nos lembra tamén a nosa condición humana, profundamente fráxil, por efémera, malia toda a ardentía que tal sentimento suscita… Talvez por iso introduciu ese famoso verso de Rimbaud – “apprécions sans vertige l’étendu de mon innocence”-, que ela mesma traduciu ao galego con algunha variación na persoa do verbo -“aprecio sen vértigo a extensión da miña inocencia”- para dar conta desa vivencia apaixoada, tantas veces voraz, que nos permite vivir coma quen anda suspendida polo aire e camiña delicadamente, subida a unha estrada invisíbel polo baixo da que se pode observar o conxunto do real como algo alleo. Esa sensación de alienación á que nos deixamos inducir pola efervescencia amorosa, dado o desexo que interpretamos irrenunciábel, é algo que Arias nos describiu, divertida, coma unha tempada no inferno -clara alusión, unha vez máis, a Une saison en enfer, 1873, de Rimbaud- metida entre as súas pernas: “ti espiába-la miña falda e eu/ nela escondía unha tempada no inferno”. (…)”
Arquivo da categoría: Poesía
A Coruña: Diagonismos XI
Foz: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 23 de agosto
O
23 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 18:00 h. Concerto-presentación de Canta miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia.
– 20:15 h. Presentación de O paraugas na raiola, de Paco Rivas, publicado por Baía Edicións. Con Bernardo Penabade e Belén López.
– 21:00 h. Presentación de Ficar, de Cristina Corral Soilán, publicado por Urutau. Acompañamento musical de Felipe Sánchez.
Parada (O Courel): V Festival dos Eidos
Daniel Asorey: “Ningún dereito conquistado está garantido para sempre e a vaga ultraconservadora actual vai decididamente contra as mulleres”
Entrevista
de Montse Dopico a Daniel Asorey en Praza:
“(…) – Praza (P): As mulleres da fin do mundo e Transmatria apelan, no fondo, ao mesmo: unha (trans)matria sen discriminacións nin violencias de xénero (nin binarismos obrigatorios). Foron escritos os dous libros máis ou menos ao mesmo tempo? En que sentido forman parte dun mesmo proxecto?
– Daniel Asorey (DA): Na verdade, a novela As mulleres da fin do mundo é un proxecto que comezou moito antes, aínda que ambas as dúas obras, novela e poemario, concluíron nun momento semellante no 2018. A novela levoume nove anos, pois comecei a escribila no 2010, ante determinadas cousas que estaban a acontecer, que acababan de acontecer ou que sabiamos que viñan de acontecer. Estou pensando por exemplo en wikileaks, que ese ano adquiriu repercusión mundial ao desvelar certos crimes de guerra dos EUA.
Alén diso, a crise económica incendiaba o mundo e semellaba que en calquera momento puidesen esmorecer certas cousas que ata entón se nos dicían eternas, lembremos a posible caída do euro ou frases que se atribuíron a Ben Bernanke, daquela presidente da Reserva Federal, nas que afirmaba que no 2008, coa caída de Lehman Brothers, o mundo estivera piques do inferno, facendo súa tamén aqueloutra frase allea de que “un capitalismo sen quebras é como unha cristiandade sen inferno”.
E iso fíxome reflexionar e decidir escribir unha novela coral sobre ese mundo en decadencia, sobre ese precipicio. Sobre a que talvez fose a quebra final do capitalismo. Alén diso, é verdade que nas dúas obras se soña cunha utopía, cun lugar onde se varran as discriminacións de xénero. Tamén se fala das fronteiras e se focaliza a atención en determinadas minorías sexuais ou étnicas.
En certa maneira, eu creo que ás veces certas escritoras ou escritores temos determinados temas sobre os que escribimos, talvez mesmo escribamos a mesma obra durante toda unha vida. E, neste caso, Transmatria e As mulleres da fin do mundo comparten temas e posúen puntos de vista semellantes, independentemente de seren dous xéneros literarios distintos. Para aclaralo, Transmatria foi escrita coma un berro tras a aparición do autobús transfóbico de HazteOír e as mortes que non cesan no Mediterráneo. (…)
– P: Transmatria e As mulleres da fin do mundo permiten albiscar un final “feliz”, malia ser finais abertos. Nordeste era máis pesimista…
– DA: Non imos desvelar os finais das obras. Eu son pesimista porque creo naquilo tan repetido de que un pesimista é un optimista ben informado. Talvez hai unha diferenza entre esas obras, en Nordeste pretendía fabular sobre unha República Galega nacida da Revolta Irmandiña e enfrontar ao lector coas súas posibles contradicións. En As mulleres da fin do mundo e en Transmatria, o proceso é inverso, presento esa realidade que un crítico cualificou como distopía inminente e decido chamar á revolta. Seguramente son demasiado inxenuo, pero escribir tamén é soñar.”
Asolagar de versos e de música as terras de Navia de Suarna
Artigo
en Sermos Galiza:
“Desde 1955, no máis cru da invernía franquista, unha ameaza pairou sobre Navia de Suarna, a construción dun encoro. A obra non chegou a se materializar, aínda que si se puxeron en marcha algunhas infraestruturas preliminares, con consecuencias desastrosas para concello e comarca. Máis de seis décadas despois, un contra-ataque en forma de versos e música tórnase o mellor antídoto fronte ás agresións ao patrimonio natural. O I Encoro Poético Musical na Vila de Navia tivo lugar o domingo 11 de agosto, con diversas actividades, entre elas un tributo á poeta Marica Campo.
“Unha espada de Damocles pendurada sobre as nosas cabezas máis de medio século”. Eran os 50, 60, do pasado século. O desenvolvimentismo da ditadura levaba por diante poboacións e medio ambiente natural. Galiza ficou gravemente afectada pola febre franquista dos encoros. Esa espada de Damocles, que ía atinxir catro municipios, non se acabou de cravar no corazón do Navia, entre outras cousas pola oposición veciñal. Mais “as consecuencias foron tremendas”, relatou o escritor Toño Núñez na presentación do I Encoro Poético Musical Vila de Navia de Suarna. E pormenorizounas: “Falta de investimentos e de obras, atraso nas infraestruturas e servizos, despoboamento, emigración, decadencia, parálise colectiva”.
Fronte esa agresión érguese agora unha resposta en forma de versos e de música. “Os encoros anegan terras, patrimonio, cultura, experiencia, esperanza, recordos… e este encoro poético e musical quere tamén anegar; neste caso, quere anegar estas terras de Navia de Suarna de versos e de música, de amizade e de camaradaxe”.
E ben, hoxe a ameaza xa non é tanto o encoro —en maio de 2010 o Parlamento galego rexeitou por unanimidade a súa construción ao aprobar unha iniciativa do BNG— como o despoboamento xeralizado do rural na Galiza, moito máis acusado nas terras dos Ancares. “Se todo o rural está doente, a montaña boquexa sen remedio. E Navia de Suarna, vila e concello, están na UVI”, denunciou Toño Núñez.
Este I Encoro Poético, con vocación de continuidade, é a primeira das iniciativas da recén criada asociación cultural Irmandiños Naviegos Amigos do Castelo. A cultura contra a desaparición. Ese é o desafío. “Quero aproveitar a ocasión para facer un chamamento a toda a veciñanza que teña unha faragulliña de sensibilidade cara á nosa cultura, cara ao noso patrimonio”, dixo o poeta e tamén narrador, autor de Navia, nai (2006).
A asociación ten entre os seus obxectivos “recuperar para o pobo” unha das xoias da comarca, o castelo de Navia, fortaleza construída no século XI e derruída en 1467, para logo ser reconstruída, durante a revolución irmandiña. “Pobre castelo! Habémolo permitir? Habemos permitir que o noso castelo morra de desleixo?”, perguntouse Toño Núñez, quen ve no monumento a sede ideal para “a nosa Casa do Concello”.
Xa está posto en andamento pois este encontro poético e musical “onde encoran as verbas nunha festa de irmandade” e cuxo primeiro tributo foi para Marica Campo, unha das escritoras do país que mellor ten cantado a terra da que estamos feitos.”
Vigo: VI Día das Galegas nas Letras, en homenaxe a Xela Arias, o 15 de agosto
A rosa de cen follas, de Cabanillas, obxecto dunha edición bilingüe en xaponés e galego a cargo de Takekazu Asaka
Desde
a Xunta de Galicia:
“Takekazu Asaka, profesor da Universidade de Tsudajuku, tradutor de galego ao xaponés e embaixador maior da nosa lingua propia no Xapón, presentou hoxe no compostelán Pazo de San Roque a nova edición bilingüe de A rosa de cen follas, de Ramón Cabanilllas, ao xaponés-galego. Asaka, Takiño en Galicia, xa lle dedicara en 2013 a Cantata ao autor cambadés. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación, na que reiterou “o agradecemento infindo da lingua e da cultura galegas, de todas e todos os galegos, a Takekazu Asaka, que é aquí, en Galicia, un máis de nós e, alí, no país do sol nacente, o máximo expoñente da proxección do noso idioma propio”.
Participaron canda eles na presentación o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o profesor e académico da lingua galega Francisco Fernández Rei, autor do limiar da obra.
Asaka dá ao prelo Hyakuyō ô bara/A rosa de cen follas. Breviario dun amor (2019), versión en xaponés do cancioneiro amoroso de Ramón Cabanillas que reproduce a editada polo cambadés en Mondariz-Balneario no ano 1927. Engádelle un vocabulario galego-xaponés co léxico dos poemas, acompáñao dun limiar da autoría de Francisco Fernández Rei, de Bibliografía e dunha coda na que el mesmo dá conta dos motivos que o levaron a traducir do galego ao xaponés e da dificultade para traducir ao Poeta da Raza, polos abundantes dialectalismos cambadeses, complexas metáforas e polimorfismos.
Anuncia, no peche, a vindeira edición dun cedé cos catro textos de A rosa de cen follas que conteñen partitura musical: IV Era un piniño novo, A capilla [VI A capilla adormíase nas sombras], Aureana do Sil [XXVIII As areas de ouro] e XXXII O Rei tiña unha filla.
Ilustrado por Ataque e impreso en Nishida (Osaka), conta cos patrocinios da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e do Concello de Cambados. (…)”
Entrevista sobre Partituras con Xoán Carlos Domínguez Alberte e Mercedes Queixas
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista con Xoán Carlos Domínguez Alberte e Mercedes Queixas arredor do seu libro Partituras, publicado por Laiovento. Pode escoitarse aquí.”
Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 10 e 11 de agosto
O
11 de agosto finaliza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 10
– 13:00 h. “A diversidade sexual na literatura escrita por mulleres”. Conversan Eli Ríos, Emma Pedreira, María Reimóndez e Andrea Nunes. Modera Bárbara G. Vilariño.
– 18:00 h. Presentación de Os tempos e o clima de Galicia, de Alberto Martí, Juan José Taboada, Dominic Royé e Xavier Fonseca, publicado por Xerais.
– 19:00 h. Inma López Silva asina Chámame señora, pero trátame coma a un señor, na caseta de Moito Conto.
– 19:00 h. Presentación de Aprende Banda Deseñada con Fiz, de Kiko da Silva, publicado por Xerais. Ao remate sinatura de exemplares.
– 19:00 h. Ana Pillado Vega asina En efecto bolboreta, publicado por Fervenza, na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Miguelanxo Lar asina Latinoeuropa, na caseta do Consorcio.
– 19:00 h. “Os contos de Pablísimo” (3-10 anos). Contacontos da tradición oral con O Paroleiro.
– 19:30 h. Antonio Manuel Fraga asina O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, na caseta de Moito Conto.
– 19:30 h. Narciso de Gabriel asina Elisa e Marcela, na caseta da Libraría Lume.
– 19:30 h. Paco Nogueiras asina Radio Bule Bule e Brinca vai! na caseta da Libraría Cartabón.
– 19:30 h. David Rubín asina O salón de te oso malaio, na caseta da Libraría Kómic.
– 20:30 h. Cantos de traballo das mulleres do mar, banda sonora da novela A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto, publicado por Xerais. Ao remate sinatura de exemplares.
Domingo 11
– 12:00 h. Juana de Ibarbourou, O Doce Miragre, un poema que rega Rosalía de Castro? Espazo ArteAcción pola Deputación da Coruña.
– 13:00 h. Presentación de Partituras, de Xoán Carlos Domínguez Alberte e Mercedes Queixas, publicado por Laiovento.
– 18:00 h. Presentación de Na patria dos días, libro de homenaxe a Xulio López Valcárcel, publicado por Espiral Maior. Interveñen o autor, Diana Varela, Luciano Rodríguez e Miguel Anxo Fernán-Vello.
– 18:00 h. “Superando os nosos medos con Augusta”. Obradoiro literario con Sabela Fernández Trelles.
– 19:00 h. Ledicia Costas asina na caseta da Libraría Moito Conto.
– 19:30 h. Isabel Villanueva asina O galego mola na caseta de Hércules de Edicións.
– 19:45 h. Presentación de Pinturas de guerra, de Ángel de la Calle, traducido por Isabel Soto, publicado por Retranca, coa participación de Kiko da Silva.
– 20:00 h. Manuel Rivas asina na caseta da Libraría Moito Conto.




