Outeiro de Rei: XV cabodano Manuel María: entrega da Navalla do Manuel

Cada 8 de setembro, cabodano de Manuel María, ten lugar no Concello de Outeiro de Rei, un emotivo acto de lembranza ao poeta da Terra Chá, e sobre todo amigo, organizado pola Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos, Memoria da Chaira enteira, co seguinte programa:

– 15:00 h. Xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra (quen queira apuntarse ao xantar de confraternidade, pode facelo chamando ao teléfono 646413890).
– 17:00 h. Recital de poesía en Penas de Rodas.
– 18:00 h. Levamos unha rosa ao cemiterio de Outeiro de Rei, acompañada de versos e comunicados. Benvida co Canto da Irmandade: O carro (Letra: Manuel María, Música: Baldomero Iglesias, Mero) e o Himno galego.
– 18:30 h. Na carballeira de Santa Isabel farase entrega da Navalla Manuel María a Xosé Estévez por Branca Pazos, con lámina de Eneko. Entrega da Navalla do Manuel a xeito póstumo a Xabier P. Docampo, na man da súa familia, fai a presentación Mero Iglesias, con lámina de Suso Cubeiro.
Bocado comunal e grolo de Irmandade proveito de ben e futuro.
Recital de poesía e música.

A organización, todos os anos, entrega dúas estampas dedicadas a Manuel María, neste ano o texto pertencente á de Xabier P. DoCampo é da autoría de Baldomero Iglesias, Mero e o texto que acompaña á de Xosé Estévez é de Paco Martín. O logo da Irmandade Manuel María é obra do artista Martinho Picallo.

Salvaterra: 33 edición do Festival da Poesía no Condado

Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2019 para o 30 de agosto

O 30 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 19:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

– 19:00 h. Concerto-presentación de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
– 19:30 h. Arancha Nogueira asina O único lugar onde ficar inmóbil, publicado por Urutau e spleen en catro tempos, publicado por Toxosoutos, na caseta de Cartabón.
– 20:00 h. Presentación de Cotodamina, de Rafa Lobelle, publicado por Chan da Pólvora.
– 21:00 h. Presentación de O lugar que non hai, de Estevo Creus, publicado por Chan da Pólvora, con Antón Lopo.

Eli Ríos: “Cando adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores”

Entrevista de Uxía Iglesias a Eli Ríos en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): A túa escrita é claramente feminista. É unha necesidade? Poderías concibilo doutro xeito?
– Eli Ríos (ER): Non creo que sexa unha necesidade. Ser feminista non é algo que escollas. Non podes dicir: ‘pois vou ser feminista de nove a nove e media’. É unha mirada, é unha forma de estar na vida, eu son feminista as 24 h da vida e en todos os aspectos da miña vida. É algo natural. A miña ten que ser unha escrita feminista porque é o que eu son. (…)
– GC: E no teu caso, cales foron e son os teus referentes?
– ER: O que lin no instituto foron sempre obras de señores. Medrei pensando que as mulleres non escribiamos. Eu vía a Rosalía, a única señora, e era unha Rosalía que sempre estaba chorando e queixándose de todo, e claro, a min interesábame ben pouco. Pero de repente comezas a facer todo este proceso, que leva o seu tempo… Raio! Somos a metade da poboación, estatisticamente é imposible que as mulleres non escribamos. Comezas a investigar, cousa que non é facil porque non está accesible, e descubres a Ursula K. Le Guin, descubres a Agatha Christie na novela negra… ‘Como non me deron a coñecer isto antes?’ Regresas outra vez sobre Rosalía e decátaste de que é a primeira feminista da nosa historia, de que está reivindicando a loita das mulleres e as nosas raíces.
No momento no que adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores, porque non me interesa. É sempre o mesmo, teñen catro clichés e non saen de aí. Interésame moito máis o que fan as mulleres porque escriben desde as marxes, dende unha posición de non privilexio. A partir de aí é dende onde se contan cousas que a min me interesan. Xela Arias, por exemplo, esa muller que di ‘intempériome‘. Como non a estudamos nos institutos? Como non chegamos á súa literatura? Paréceme aberrante. Todas as mulleres que escribiron antes ca a nosa xeración foron abrindo portas: María Xosé Queizán, María Vitoria Moreno, Xohana Torres, a inmensa Begoña Caamaño. Todas elas son mulleres que nos facilitaron o camiño e nos ofreceron referentes ás autoras de hoxe. Non seriamos nada sen o traballo das compañeiras. (…)
– GC: E como está de saúde o mundo literario?
– ER: Eu traballo nas marxes, con mulleres. Nesas marxes o sistema literario é vizosísimo. Estanse facendo traducións feministas, textos que rompen con todo o anterior, xa sexa na forma e no contido. O resto? Non me interesa o sistema literario que fala sempre do mesmo. Creo que hai un mercantilismo atroz que vai acabar con nós, que nos vai autoconsumir. Estámoslle prestando moitísima atención ás campañas de marketing, e un dos que máis funciona é o do feminismo. Ti poslle a un libro a etiqueta de feminismo e parece que xa está todo feito, cando o contido está dicindo exactamente o mesmo: hai un señor que me explica cousas. Ese mercantilismo, ese sacar produtos porque si, vai acabar con nós, converteranos nun panfleto. Precisamente nas persoas que están creando nas marxes está o futuro da literatura galega. (…)”

“Xela Arias, tan negra por elección. 5 postais”, por Ana Romaní

Desde a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Texto escrito e lido por Ana Romaní na presentación de Poesía reunida (1982-2004) de Xela Arias, en Pontevedra (maio 2019) no encontro literario Teñamos a poesía en Paz. (…)
(A xeito de introdución)
Coincidimos en recitais e páxinas de publicacións; ela nacera no 62, eu tamén. Cos anos coincidimos tamén nesa posición “a-xeracional” que dalgunha maneira nos acompañou a algunhas d*s que comezamos a publicar nos últimos 80. No seu caso fortalecida cunha opción poética que se evidencia non só na voz, tamén no lugar desde o que fala.
1ª postal: TAN NEGRA POR ELECCIÓN.
Xela Arias escolle unha posición estrema para a escritura; un lugar afastado do código preponderante, unha poética que desafía os moldes estipulados mais tamén as pautas de corrección social e os seus mecanismos disciplinarios. A posición – que é unha declaración de intencións – está xa en Denuncia do equilibro e formúlase de cada vez máis nítida, depurada e esixente ata Intempériome onde irradia todo o libro; de feito toda a obra é unha declaración afirmada do lugar onde se sitúa o poema e a poeta. Esa posición é a da negritude, a do “afora”, a da expulsión. (…)”