Arquivo da categoría: Poesía
Xogando coas palabras con María Lado, a metade de AldaoLado
Desde o Zigzag da Televisión de Galicia:
“E no día Mundial do teatro nada mellor que escoitar a AldaoLado na gala dos premios María Casares do Teatro Galego que se celebrou a semana pasada. A entrevista pode verse aquí.”
“O soneto como “disciplina e gozo””
Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Catorce versos compoñen unha das máis universais formas clásicas do poema, o soneto. A ela entregouse Xoán Carlos Domínguez Alberte (Ramirás, 1966) no seu último proxecto, o libro Soneto no alfabeto (Galaxia). “Foi un exercicio de disciplina e gozo”, explica sobre unha obra enfocada a lectoras e lectores mozos.
“Formuleino como un reto, adaptarme a moldes clásicos. E dentro deles, decidinme polo soneto, a forma máis universal”, di. Antecedidos por un texto cuxo título homenaxea a Manuel Antonio –Intencións-, os poemas amosan intencións lúdicas, unha apoloxía do lecer literario. “Engadín aneis de complexidade e certo sacrificio gozoso”, insiste.
Os 22 sonetos comparecen baixo cada unha das letras do alfabeto galego. E a primeira palabra de cada un deles comeza por unha desas letras. “Zoa a uz na campaza / e acende luz na cabeza / en forza de natureza / que en mozo ou moza naza”, escribe no derradeiro. “Soneto no alfabeto fala, sobre todo, da poesía non como algo requintado e sublime, senón cotián”, engade, “porque está presente, como xogo e iluminación, en calquera ámbito da vida”.
O traballo poético de Domínguez Alberte transitou maiormente polo verso libre. O desprazamento ao clasicismo tamén modificou os seus obxectivos. “Mais este non é un produto só para adolescentes”, expón, “aínda que responde a unha teima miña dos últimos tempos”. Que remite á “sobreoferta” da narrativa infantil e xuvenil. “Son un gran lector de narrativa, pero ás veces desviamos a nosa ollada e esquecemos a poesía. E esta ofrece moitas posibilidades para a rapazada”.
“É o primeiro libro de sonetos da literatura xuvenil galega”, resume Domínguez Alberte, quen asegura que, en Galiza, “non hai tantos sonetistas”. De feito, mesmo se estraña de que haxa “grandísimos poetas” que nunca, ou apenas, o practicaron, como Cunqueiro ou Rosalía de Castro.
O poeta, prolífico, prepara xa un novo volume. Misterioso, indica que será “a dúas mans, cunha persoa moi coñecida” e que houbo editoriais que se interesaron por el. Pero non dá máis pistas.”
Vértice de versos: entrevista a Oriana Méndez
Vértice de versos: entrevista a Modesto Fraga
Vértice de versos: entrevista a Miguel Anxo Fernán-Vello
Lucía Novas recita un poema de Cervatos
Entrevista a Helena Villar sobre Poesía mínima
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Un haiku, unha imaxe, un lóstrego da realidade que cada quen percibe como pode. Helena Villar Janeiro xunta nun libro de fotopoemas as súas Poesías mínimas publicadas na rede. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Cen anos de Pura Vázquez
Desde o Portal das Palabras:
“Escollemos este setestrelo de voces para celebrar o centenario do nacemento da poeta auriense Pura Vázquez, que brillou coa súa palabra literaria na segunda metade do século pasado, alén de ser a súa obra unha referencia para as promocións de autores e autoras que viñeron despois. Ela puido presumir de ser a primeira escritora que publicou unha obra no noso idioma logo do alzamento incivil de 1936, cando se pretendía afogar a literatura galega nas escuras augas da censura, o silencio e o exilio. En plena ditadura, Pura Vázquez amosa a seguridade e a fortaleza necesarias para transitar con paso firme por camiños que non eran doados naquel tempo para ninguén, e menos aínda, para unha muller: escribe e publica os seus textos, e faino no idioma propio, sen renunciar á defensa da galeguidade, nin no plano lingüístico, nin tampouco na reivindicación da historia e a cultura do país, a través de alusións expresas aos grandes referentes da nosa identidade secular, con Rosalía á cabeza.
Trataremos, entre outros aspectos da súa biografía, do seu traballo como mestra na etapa de infantil, da súa querenza polas artes e en particular pola música, do seu espírito inquedo e viaxeiro e, como non podía ser doutro xeito, da especialísima relación coa súa querida irmá, Dora Vázquez, con quen compartiu a vida e a paixón polo oficio de escribir en varias obras de feitura conxunta. Farémolo a través de sete palabras escollidas entre os seus versos que, por diferentes motivos, locen de maneira singular entre os seus libros de poemas. Querida Pura, comezamos!”