Alba de Gloria no cumio do Pico Sacro 2018, o 21 de xullo

PROGRAMA

– 12:00 h. Chegada ao Pico e concentración na fonte roubada do Pico Sacro. Recitado dun poema adicado a este monte a cargo do taller de poesía da AVC. Agra do Orzán da Coruña, asociación invitada este ano a partillar a lectura do discurso Alba de Gloria.
– 12:15 h. A escritora Mercedes Queixas daranos a benvida. De seguido, subida do último treito do cumio do Pico Sacro.
– 12:45 h. Izado da bandeira e lectura de Alba Gloria. Intervirá pola AC. O Galo de Santiago, Elvira Cienfuegos, ecoloxista; pola AVC Agra do Orzán da Coruña, Belén Núñez Romero e pola AC. Vagalumes da Estrada David Otero, escritor. Canto do himno galego e baixada con visita ás covas da raíña Lupa, e intervención da escritora Iolanda Aldrei sobre as lendas e historia deste espazo.
– 14:00 h. Actuación do grupo Bico de Mar no adro da capela do Pico Sacro.
– Xantar e roteiro literario pola Ulla
(Organizado por A. C. O Galo, A. C. Vagalumes)
15:00 h. Xantar no restaurante Aldea Grande, en Stª Cruz de Rivadulla (a 300 m do pazo de Ortigueira), telef. 669-523488 e 609-906623; na sobremesa volta a actuar o grupo Bico de Mar.
– 17:30 h. Saída do restaurante. Ofrenda literaria no adro da igrexa de Berres nos enterramentos de Avelina e Marcial Valladares.
Visita guiada ao pazo de Vilancosta de Avelina e Marcial Valladares.
Recital poético no Areal de Berres á beira do Ulla.

* Xantar:
Para participar no xantar debe aboarse por transferencia antes do día 19 de xullo ás 15:00 h. na conta que se indica no seguinte formulario no que anotarse e escoller o menú.

Luz Fandiño: “Toda a nosa identidade está negada”

Entrevista de Érik Dobaño a Luz Fandiño en Adiante.gal (fotografía: Nós Televisión, Youtube):
“(…) – Adiante.gal (A): De onde sacaba o tempo para escribir?
– Luz Fandiño (LF): Eu escribía en calquera sitio. Pero xa na Arxentina, se me viña unha idea, metíame no retrete e alí escribía. Andaba sempre cun lapis e un anaquiño de papel. En París empecei nunha casa, e a verdade é que tiven sorte. Tiña unha biblioteca preciosa e pedinlle permiso a patroa. Eu tiña a habitación arriba. No que eran os faiados, que era onde vivíamos todas as serventas. Eran habitacións pero sen ducha. Eu pedinlle a patroa se podía asearme na ducha polo menos unha vez á semana. Foi ela a que me recomendou o libro de Baudelaire, Les fleurs du mal. Lía en francés e tomeino cunhas ganas tremendas. Aos seis meses de estar alí xa eu contestaba a teléfono, e un día a patroa díxome que as súas amigas felicitábana polo ben que eu contestaba ao teléfono. Ela era conferenciante de monumentos históricos, guía, e cando tiña traballo no centro de París, na Ille, levábame con ela. Mesmo deixaba a louza sen fregar. Esperando. Eu ía como visitante e se non entendía algo, tiña que facerlle un sinal coa cabeza para que ela se explicase con máis detalle. Aprendín, aprendín… e coñecín París. Levoume a Notre Dame, explicábame algunha pintura abstracta cun libro diante. Eu dicíalle: ‘Señora, eu só vexo manchas’ E ela contestaba: ‘E pensas que eu sei o que estou dicindo? Eu fíxome nos trazos, nas cores, só é iso…’ (…)
– A: Que é para vostede a condición de muller neste tempo?
– LF: A condición aínda é arrepiante. Temos aí unha explosión que foi en todo Estado e poderíase dicir no mundo… esa explosión contra La Manada. Porque a muller non é un obxecto sexual, non é de ninguén, é dela. Eu antes non era tan feminista, pero as situacións estannos levando a iso. E a Igrexa ten moita culpa. Non hai máis que escoitar a ese que vive como Deus, ao coidado de dúas monxiñas nun apartamento monumental… a Rouco. Que o coiden, pero que cale. Cando se descubriran abusos, dicía que eran aqueles neniños os que provocaban aos cregos. Aínda queren unha muller submisa, unha muller que non pense. (…)
– A: Que aprendeu da vida?
– LF: Da vida aprendo todos os días. A min que me negaron a escola. Eu estou aprendendo todos os días. Temos estes días mesmo uns recitais aí na Calderería que me encantan. Vexo esa xente nova… as inquedanzas, como escriben, como recitan. Sigo aprendendo. E comparto o que aprendín. En París sentín o amor á liberdade; a miña liberdade. Desde o sábado pola tarde até o luns eu non tiña que ir traballar. Iso para min foi… por primeira vez podía facer o que me petara co meu tempo. Pero xa lle digo, eu aprender aprendo todos os días, mesmo da morte, coma nese cadro: a morte vén preñada de vida.”

Luz Fandiño: “Eu pasei fame. E tamén pasei fame de ler”

Entrevista de Érik Dobaño a Luz Fandiño en Adiante.gal (fotografía: Nós Televisión, Youtube):
“(…) – Adiante.gal (A): Cando decide emigrar?
– Luz Fandiño (LF): A miña avoa tiña máis familia na Arxentina que aquí. Escribiron unha carta dúas curmás da miña nai. ‘Por qué no mandás a Lucita para acá?’ Dicían que con tres meses que traballara alá, aforraría para pasar ben o inverno e mandar cartos para que se curara. Bla, bla, bla… Isto foi no ano 50. Había a estreptomicina que estaba facendo milagres. Pero era o que dicía o médico: a nai faltáballe ao que outros lle sobraba. A nai e tamén a avoa choraran de rabia ao escoitar aquilo. E non eran de chorar… Eu fun moi chorona por conta propia… Velaí que fun falar por primeira vez co meu pai, a dicirlle que me reclamaban da Arxentina e que non tiñamos para os gastos. E dicíndolle que eu estaba pasando tamén fame. Foi un cabrón, un miserábel… porque a unha muller pódeselle perdelo amor, pero a unha filla non. Díxome que me daría mesmo un enxoval como se fora casar. ‘Non te preocupes’. Bla, bla, bla… Ao final fun cunha muda nunha maleta de cartón e cun plexiglás. (…)
– A: E como deu en empezar a escribir?
– LF: Estiven na Arxentina até 1963. E eses tres últimos anos tiven a sorte de descubrir a biblioteca do Centro Galego. Foi a primeira biblioteca na que entrei. Nunca entrara nunha. Foi en 1960. Nun dos corredores do edificio había un expositor cun libro aberto e un poema: O carro, de Cabanillas. Roda meu carriño roda/ pola meiga terra nosa/ que a miña ialma saudosa/ lonxe dela non se afai… Son fragmentos. Non me leves a Castela/ que non quero nada dela/ que arrenegou de nós… e remataba: E dille aos irmáns que atopes/ que nas mans dun home enteiro/ o estadullo carreteiro/ non lle ten medo ao fusil. Eu, coa sensibilidade que tiña naquela altura, dei en chorar. E convertinme naquel carro. (…)”

Carballo: actividades destacadas do 7 e 8 de xullo na Praza dos Libros 2018

Chega ao fin esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que ten lugar no Xardín Municipal do 5 ao 8 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o sábado 7 e domingo 8 de xullo, destacamos os seguintes:

Sábado 7
– 11:30 h. Obradoiro-presentación do álbum ilustrado infantil Lica, de Beatriz Fraga (Euseino?). Poden participar nenos/as de entre 4 e 7 anos, con inscrición previa na Biblioteca Rego da Balsa (981758580).
– 12:30 h. Contacontos para crianzas sobre Xandra, a landra que quería voar, con Mercedes Queixas, libro publicado por Urco Editora. Para todos os públicos.
– 20:00 h. Sinaturas de libros de autores/as de Carballo e Bergantiños.
– Rosalía Fernández Rial: Bonus Track (Galaxia).
– Héctor Pose: Mar de invernía (Phottic).
– Beatriz Fraga: Lica (Euseino?).
– Selina Otero: Unha educación de premio (Galaxia).

Domingo 8
– 12:00 h. Presentación do libro Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, publicado por Galaxia. Acompañada por Patricia Blanco.
– 12:30 h. Sinatura do libro Carballo na memoria (Phottic-Galaxia), de Xan Fraga Rodríguez.
– 13:00 h. Sesión vermú. Algo especial a partir de Bonus Track, de Rosalía Fernández Rial, publicado por Galaxia.
– 18:30 h. Concerto infantil de presentación do libro-disco Radio Bulebule (Kalandraka) de Paco Nogueiras.
– 20:00 h. Presentación de Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata, de Miro Villar, publicado por Fervenza, coa participación do autor, acompañado por Xosé Ameixeiras.
– 21:00 h. Presentación de Luns, de Eli Ríos, publicado por Xerais, coa participación da autora, acompañada por Mercedes Queixas e Goretti Sanmartín.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 7 de xullo

O sábado 7 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 13:00 h. Presentación de Dramaturxia galega actual, de Esther F. Carrodeguas, Ernesto Is, Miguel Sande e Inherente Teatro, publicado por Á Feira Edicións.
– 19:00 h. Manuel Miragaia presenta Galeguia, publicado por Chiado Editora.