Nove poemas de liberdade. Lectura de poesías de Manuel Lueiro Rey

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Un amigo advertiume da existencia deste vídeo  que abaixo reproduzo e realizado no Colexio Público de Educación Infantil e Primaria «CEIP Doutor Suárez» de Fornelos de Montes, vila natal de Lueiro Rey. A gravación artellouse co gallo da entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey celebrada o 13 de abril deste ano.
Neste proxecto cada aula recita unha poesía do autor, que reparou con recorrencia e en toda a súa obra na infancia como motivo literario. Os meus parabéns por esta iniciativa.”

Vigo: actos destacados do luns 1 na Feira do Libro

O luns 1 de xullo prosegue a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para este día:

Luns 1
18:15 h. Presentación do libro infantil O carballo, de Calros Silvar, publicado por Baía Edicións. O autor, que nos explicará como debuxar unha árbore, estará acompañado por Miguel Ángel Fernández Martínez, do grupo naturista Vacaloura e autor da Guía de libélulas de Galicia, e Belén López Vázquez.
19:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde. Presentación do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
20:00 h. O escritor Xabier Correa Corredoira, presenta o seu libro Resina de poliéster, publicado por Baía Edicións. Xunto co autor, participará no acto o escritor Francisco X. Fernández Naval e a directora da editorial, Belén López Vázquez.

Santiago: crónica do encontro de creación literaria con Marta Dacosta

Desde a A. C. O Galo:
“A convidada para pór o punto final a este obradoiro foi Marta Dacosta, que acaba de gañar o premio Johán Carballeira co seu libro Dun lago escuro. Ela mesma preparou unha Escolma de Poemas seus, para falarnos do que ela entende por proceso de creación literaria, de por que escribe e como o fai.
Os e as asistentes puideron disfrutar non só da lectura destes poemas senón tamén de como ela ía explicando todo o seu proceso de creación literaria que esas autopoéticas desvelan mediante metáforas. De como bebe das cousas que a rodean, das experiencias vividas: algo que ve nun intre determinado ou mesmo que escoita e le nun xornal, as vivencias de cando era nena ou esas anécdotas familiares das que nos fixo participes a todos e todas as que alí estabamos, coñecendo desta maneira o universo máis íntimo e persoal da autora.
Insistiu en que en poesía é importante a escolla das palabras: non serve calquera. Hai que seleccionar moi ben as verbas para poder transmitir todo o que se desexa, que non quede ningún matiz no tinteiro. Confesa Marta que incluso chega a escribir pequenos poemas para utilizar determinados termos, sobre todo aqueles que como profesora de lingua e literatura galega lle interesa conservar, os dialectalismos do lugar onde vive, as palabras familiares que, na maioría dos casos, se van perdendo co tempo. Transmitiulle aos asistentes as súas raíces e o afincadas que están na terra, aínda que o seu espazo bucólico e idílico segue sendo o mar, a ría de Vigo que a viu nacer.
Marta comezou a escribir sendo unha nena moi pequena, con apenas oito anos, xa escribira unha obriña teatral de dúas páxinas. Foi nese intre cando comezou a xestarse a que hoxe en día coñecemos como unha das principais poetas de Galiza. Escolleu na súa madurez e dominio da escrita a canle poética porque confesa que e afín co seu carácter, é inmediata, íntima, mesmo vergoñenta. E do mesmo feito que ela, a poesía evoluciona co tempo, é decir, o mesmo poema cambia a súa perspectiva e o seu significado conforme van pasando os anos.
Aconsellou aos participantes no obradoiro gardar o que escriben e relelo moito tempo despois. De feito, Marta comentou que ela mesma traballaba deste xeito: escribía, gardaba e cando xa tiña na súa carpeta o suficiente material -que podía abranguer dous anos- lía e facía a súa escolla, tachaba, ampliaba, correxía, polo que nunca se chega desfacer dos textos, malia que non se publiquen.
Rematou o seu relatorio coa lectura duns poemas inéditos que nos deixaron a todas e todos un bo sabor de boca, esperando que pronto saia publicado o novo poemario de Marta Dacosta para poder disfrutar dun lago escuro. Podedes escoitalos no seguinte vídeo:”

Vigo: actos destacados do sábado 29 e domingo 30 na Feira do Libro

O sábado 29 e domingo 30 de xuño prosegue a súa andadura a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 29
18:00 h. Contacontos: O Cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade organizada por Nova Galicia Edicións.
19:00 h. Alfonso Eiré presenta o seu libro Infiltrados, publicado por Biblos Clube de Lectores.
19:30 h. O escritor Miguel Ángel Alonso asinará na caseta de Andel do Libro Galego e Portugués.
19:30 h. O escritor Pedro Feijóo, asinará exemplares do seu libro Os fillos do mar, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
20:00 h. Presentación do libro A cociña dos Cunqueiro, con prólogo de César Cunqueiro e receitas da dona do escritor, Elvira González-Seco Seoane, editado por Galaxia. Participan no acto Carmen Freire, Miguel Vila, César Cunqueiro e Víctor Freixanes.

Domingo 30
19:30 h. O escritor Moncho Iglesias presenta o seu libro Pedras de plastilina, publicado pola editorial Toxosoutos.
20:00 h. Presentación do poemario Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado pola editorial Redelibros.
21:15 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado pola editorial Redelibros
– A partires das 19:00 horas, os autores asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.

Armando Requeixo: As palabras e as xentes de Victoriano Taibo

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Na tarde do martes 25 de xuño, nos locais que o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) ten en Gondomar, tivo lugar a presentación do volume facsimilar Lembranza da tecedeira, un poema autógrafo e inédito de Victoriano Taibo escrito en 1947 e que foi recuperado para esta edición dende o orixinal que conservaba a familia de Juan Novás Guillán, no seu día inspector de Educación e grande amigo do poeta.
O volume acompáñase de moi valiosos prólogos e estudos introdutorios de Antonio Valverde, Marta Dacosta e Miguel Anxo Mouriño e complétase cun cd no que o longo poema é recitado pola poderosa voz de Anxo Angueira sobre unha fermosa base musical ideada por Antón Seoane.
A poética de Taibo fica así incrementada con este achado, que trae ao seu corpus coñecido ata o de agora unha nova alfaia, confirmándoo como unha das voces senlleiras do Tempo das Irmandades e, por extensión, de toda a nosa lírica do pasado século. (…)”.