III Maratón de Lectura de Burela, o martes 23 de abril

“O Maratón de Lectura nacía en 2011 da man da Delegación de Cultura do Concello de Burela, mais en 2012 sería o Colectivo Cultural Buril quen collería o relevo na organización desta actividade cuxa finalidade principal é a de promover a lectura en lingua galega. As socias e socios do C. C. Buril estamos moi satisfeit@s pala alta participación acadada na pasada edición, así como polo interese mostrado por parte de todas as persoas e entidades participantes, motivos estes que nos animan a realizar unha nova edición do Maratón de Lectura, que este ano celebraremos o 23 de abril, coincidindo co Día Internacional do Libro. A cita terá lugar en Burela, no salón de plenos do Concello, como ben sendo habitual, aínda que a diferenza de anos anteriores, a presente edición desenvolverase en torno a unha temática literaria específica.
Este ano cúmprense 150 anos da publicación de Cantares Galegos, obra fundacional da literatura galega contemporánea e símbolo do Rexurdimento da literatura e da cultura galegas e por iso desde o Buril queremos dedicar o III Maratón de Lectura a Rosalía de Castro, sumándonos deste xeito ás distintas actividades que se están a desenvolver en numerosas vilas e cidades galegas, promovidas principalmente pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), pola Fundación Rosalía e polo asociacionismo cultural de base.
Na medida do posible e de cara a facilitar a planificación e partlcipación dos centros educativos, tentaremos manter unha distribución horaria similar á da anterior edición. Deste xeito, as dúas primeiras horas da mañá (10:00 a 12:00 h.), estarán reservadas para os centros de Educación Primaria (CEIP Vista Alegre e CEIP Virxe do Carme) e as dúas últimas horas da mañá (12:00 a 14:00 h.), reservaranse para os centros de Educación Secundaria (lES Monte Castelo e lES Perdouro). Cada centro educativo disporá de aproximadamente 60 minutos para realizar a lectura da obra ou fragmento escollido, que será lido polos alumnos e alumnas que representen ao centro na orde que estableza o propio profesorado. A nosa proposta é que os centros de primaria lean poemas de Cantares Galegos e os centros de secundaria poemas de Follas Novas, así como o limiar de calquera dos dous libros, segundo estime oportuno o profesorado.
No que se refire a asociacións e clubes deportivos, poderán escoller calquera tramo horario desde as 16:00 ás 20:30 h., en función das súas posibilidades. Unha vez establecidas as quendas de lectura de cada colectivo, poderán anotarse a título individual todas as persoas que o desexen. Tanto para colectivos como para persoas o tempo aproximado de lectura será de 5 minutos por persoa, non excedendo, na medida do posible, de 30 minutos no caso dos colectivos. As persoas e colectivos participantes terán liberdade para escolleren os textos que quixeren, sempre e cando se trate de fragmentos da obra rosaliana ou ben textos de outros autores ou autoras dedicados á poeta de Padrón.
Agradecemos de antemán a súa atención e que nos comunique á maior brevidade posíbel a súa asistencia, a súa preferencia horaria e o texto escollido para a lectura. Poden pórse en contacto connosco a través do noso enderezo electrónico: ccburil@gmail.com ou ben no tfno. 616473366 (Rosana) polas tardes.
Agardando contar coa súa presenza, reciba un afectuoso saúdo.

Burela, a 8 de marzo de 2013″.

Santiago: concerto-recital de Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa

O xoves 21 de marzo, ás 19:00 horas, no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, terá lugar o espectáculo poético-musical Despois de ti, a chuvia, baseado no libro homónimo de Xosé Carlos Caneiro, coa presenza do autor e os músicos Emilio Rúa e José Gayoso.

Taboleiro do libro galego (V), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Continúa a entrega destas listaxes dos libros galegos máis vendidos que, desde agora, recollerá quincenalmente as modificacións que se produzan en todos os xéneros, de as houber.”

NARRATIVA
1º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais de Galicia.
2º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
3º-. O gardián invisible, de Dolores Redondo, Edicións Xerais.
4º-. A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, Edicións Xerais.
5º-. A forma das nubes, de María López Sández, Galaxia.

POESÍA
1º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
2º-. Carnia haikai, de Elvira Riveiro, A. C. Caldeirón.
-. Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, El Patito Editorial.
-. Monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, PEN Club.
-. O meu primeiro Celso Emilio, X. Lastra e outros, Edicións Xerais.

ENSAIO-TEATRO
1-. Obras completas I, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
2º-. Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, Edicións Xerais.
3º-. Banqueiros, de Francisco Pillado (coord.), Laiovento.

INFANTIL-XUVENIL
1º-. Amor de serea, de Santiago Jaureguizar, Edicións Xerais.
-. Os megatoxos e a cara oculta de Lúa, de Anxo Fariña, Edicións Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
3º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Galaxia.
4º-. Imos cazar un oso, de Michael Rosen, Kalandraka.
5º-. A que sabe a lúa, de Michael Grejniec, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
-. Engurras, de Paco Roca, El Patito Editorial.
3º-. Nómades, de Xosé Tomás, Galaxia.

LECER
-. A cociña dos larpeiros, de Benigno Campos, Galaxia.
-. De roda en roda. Música e danzas do mundo, VV. AA., Galaxia.

Santiago: Segunda xornada do Congreso Internacional Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada

Chega a segunda xornada de Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada, congreso internacional dividido en 5 xornadas e un congreso virtual, organizado polo Consello da Cultura Galega. Contará coa participación de especialistas na obra rosaliana de diferentes xeracións e de dentro e fóra de Galicia que achegarán olladas renovadoras desta autora única. O programa é o seguinte:

XOVES 21 DE MARZO
DO PRIVADO AO PÚBLICO: A CONFIGURACIÓN DA ROSALÍA ESCRITORA. Coordinadora: Dolores Vilavedra.
10:00 h. Avances na investigación da biografía rosaliana. Por Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Retrucante: María do Cebreiro Rábade.
12:00 h. Mesa redonda: As imaxes en Rosalía, as imaxes de Rosalía. Moderadora: Marta Pérez Pereiro. Con Helena Miguélez, Arantxa Serantes e Fernando Pereira Bueno.
16:00 h. O paradigma autorial de Rosalía de Castro: unha denominación de orixe, por Pilar García Negro. Retrucante: María López Sández.
18:00 h. Recital poético.

A Coruña: actos destacados no programa de CoruñaMayúscula do xoves 21

Dentro do programa de CoruñaMayúscula, que se celebra no Centro Ágora, na Coruña, o xoves 21 de marzo destacan os seguintes actos con presenza galega, todos eles no Auditorio:
De 11:00 a 12:00 h. Coruña Educa. Kepa Murua, Ada Salas e Yolanda Castaño.
20:00 h. Literatura con maiúsculas. Manuel Rivas. Presenta María Canosa.
21:00 h. Recital Auto(nomía). Recital con Kepa Murua, Gonzalo Escarpa, Carmen Camacho, Pablo García Casado, Dores Tembrás e Ada Salas.

O venres 22 de marzo, de 11:00 a 12:00 h., dentro de Coruña Educa, Jordi Corominas, Carmen Camacho e Dores Tembrás. Auditorio