Vía Fervenzas Literarias:
“Celanova será escenario da gran festa arraiana. No centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, a Asociación Arraianos ven de recoñecer como Arraiano Universal ao autor de Longa noite de pedra. Ademais, o investigador e académico Xesús Alonso Montero será distinguido co recoñecemento Arraiano Maior da Raia Seca 2012, que concede anualmente dita asociación. Esta distinción xa lle foi entregada con anterioridade ao escritor Bento da Cruz no 2011, ao Padre Fontes no 2010 e a Xosé Luís Méndez Ferrín, que inaugurou estes recoñecementos no 2009. Os actos terán lugar o venres 31 de agosto en Celanova, e contará coas seguintes actividades literarias no seu programa:
– 10:00 h. Encontro na praza da vila de Celanova. Lectura do manifesto arraiano.
– 10:30 h. Rota literaria por distintos espazos relacionados cos literatos nados en Celanova, con lecturas de poemas e música arraiana.
– 11:30 h. No cemiterio de San Breixo. Nomeamento de Xesús Alonso Montero como Arraiano Maior da Raia Seca do ano 2012, a cargo do Arraiano Maior do ano anterior, Bento da Cruz. Entrega do recoñecemento como Arraiano Universal a Celso Emilio Ferreiro. Ofrenda floral e recital poético e musical, coa participación de poetas e músicos das terras de Celanova e do val do Limia, ao pé do xacigo de Celso Emilio Ferreiro.
– 17:00 h. Espectáculo multimedia no claustro barroco do mosteiro de Celanova, facendo unha montaxe escénica atractiva e dinámica con intervencións de diferentes persoeiros, poetas, así como as actuacións de diversos grupos musicais.
Arquivo da categoría: Poesía
Proxección exterior da poesía galega
Desde Caderno da crítica, blogue de Ramón Nicolás:
“Distribúese, desde hai escasos días, unha antoloxía poética publicada polo selo inglés Shearsman Books baixo a responsabilidade da profesora Manuela Palacios; unha empresa editora, por certo, aberta e receptiva á literatura contemporánea galega pois xa acolle no seu catálogo poemarios de Chus Pato, María do Cebreiro e, hai pouco, de Manuel Rivas, en tradución da irlandesa Lorna Shaughnessy. (…) Nesta ocasión, incorpóranse versións bilingües en galego e inglés de poemas de Chus Pato e María do Cebreiro, que constituían parte do catálogo de Shearsman, xunto con outras voces que non formaran parte da antoloxía anterior -a devandita To the Winds…- e que son Pilar Pallarés, Yolanda Castaño e mais Lupe Gómez Arto; de todas elas poden lerse composicións, nalgúns casos inéditas, traducidas ao inglés por poetas irlandesas que, segundo a editora do volume, gozasen dalgunha afinidade, de carácter estilístico e temático, coa obra das poetas que traducen. A carón delas, súmanse catro poetas vascas –Itxaro Borda, Miren Agur Meabe, Castillo Suárez e Leire Bilbao- e catro catalás –Vinyet Panyella, Susanna Rafart, Gemma Gorga e Mirei Calafell-, con textos en inglés e nas súas respectivas linguas, para poñer o ramo a un excelente volume, coidadosamente anotado e que só cómpre saudar con satisfacción.”
Cangas: presentación de Carné de identidade, de Mahmud Darwix
Carballo: actividades do venres 24 na Praza dos Libros
Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolverá até o domingo 26 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o venres 24:
– 12:30 h. Contacontos de Paula Carballeira e presentación do seu libro O principio, publicado por Kalandraka.
– 19:30 h. Presentación conxunta das obras Patente de corso, de Rafa Villar, e Acuario, de María Canosa, publicadas por Embora. No acto, nenas e nenos recitarán poemas dos libros.
– 20:30 h. Espectáculo poético-musical de presentación de Vinte en escena, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Positivas. No acto participan, xunto á autora, Mon Búa, Mon Lendoiro e Chiña.
Parlamento das Letras: Miro Villar
Entrevista de Armando Requeixo a Miro Villar, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Miro Villar (MV): Na miña opinión visibilidade. O coñecemento (escaso) que hai da nosa literatura no exterior, ben sexa na Península (porque inclúo a Portugal) ben sexa en Europa ou en América, é debido case sempre a azares, provocados polo interese persoal de alguén que chegou a nós e que decide promocionar ese discurso literario porque lle di algo. Non é estraño que isto suceda así, porque o mesmo ocorre entre nós a respecto doutras linguas que están, pola razón que sexa, nas marxes, na periferia do sistema literario. A literatura galega (como as outras literaturas periféricas do estado español: a catalá ou a vasca) apenas se traduce e son moi poucos os autores, case sempre narradores, que son coñecidos fóra das nosas fronteiras. Aos poetas tradúcesenos pouco e case sempre en antoloxías colectivas, como A tribo das baleas (2001), que reúne trece poetas galegos dos anos 90 nunha edición trilingüe galego/castelán/inglés. Pero esta é unha iniciativa dunha editorial galega. As foráneas non se arriscan a publicarnos. Polo tanto, as dificultades á hora de promocionar a nosa literatura son inmensas. Cómpre xa crearmos un organismo semellante ao Ireland Literature Exchange ou o catalán Institut Ramon Llull que subsidian que a súa literatura propia sexa trasladada a outras linguas do mundo. Só lle teño lido unha opinión algo semellante ao editor Manuel Bragado nas súas Brétemas. E doutra banda, visibilidade aquí tamén, nas librarías e na prensa galega (feita en Galicia, pero con case todas as súas páxinas en castelán), porque calquera novidade editorial en español adoita ocupar máis espazo que a aparición dun libro en galego. Así sucede que a literatura galega é invisible no seu propio país. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MV: Feraz, moi feraz, mais falto de lectoras e lectores. Os inquéritos son teimudos, metade da nosa poboación nunca le e das persoas que o fan tan só unha pequena porcentaxe é lectora na nosa lingua. Sempre boto de man dunhas palabras do poeta alemán Arnfried Astel: O home, para quen escribo/ non le. Velaí pois un dos maiores problemas. E como tamén dixo Jean Paul Sartre: “Por tanto, o autor escribe para dirixirse á liberdade dos lectores”, esa mesma liberdade que teñen para nos ignorar. Dicíalle isto a Ramón Vilar Lavandeira en Letraenobras hai uns meses á pregunta de como avaliaba o momento polo que pasa hoxe a literatura galega: “Coma unha moeda de moito valor e de escasa circulación. Explícome. Pola banda de arca a nosa literatura está nunha época feraz e de moito dinamismo, conviven nela varias promocións ou xeracións en plena produtividade, cultívanse todos os xéneros posibles (mesmo algúns que até hai moi pouco non tiñan tradición no noso idioma) e hai obras de moitísima calidade. En poesía, por exemplo, é algo recoñecido por autores doutros ámbitos como o poeta Antonio Gamoneda. Agora ben, pola banda de couso, temos dous graves problemas, que mesmo están incardinados. Velaí a situación regresiva da lingua que nos presenta un futuro pouco esperanzador, e non só polas continuas agresións que recibe o noso idioma senón porque a sociedade está a mudar e nesa muda semella desexar perder o seu maior signo de identidade. E, en paralelo, está a mingua do público lector atraído por novos soportes que está a levar a unha crise da literatura da que aínda non somos quen de agoirar a onde nos vai levar. Os meus amigos libreiros xa levan tempo advertíndome da crise de vendas, as feiras son agora case “descampados”, e non estou certo de que iso só teña a ver coa crise económica, senón coa tamén coa crise das humanidades, algo que apalpo todos os días nas aulas, como docente que son, onde o “lóxico” semella encarreirar o alumnado cara ás ciencias”. (…)”
A Coruña: Medre o mar!, homenaxe a Bernardino Graña, o sábado 1 de setembro
Medre o mar! é o título dunha homenaxe nacional a Bernardino Graña que se celebrará na Coruña o sábado 1 de setembro, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Colectivo ArTeu, coa colaboración da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega. O programa está composto polas seguintes actividades:
MIRANDO O MAR. No Parque da Torre de Hércules, zona dos menhires.
– 11:00 h. Os artistas crean arredor da obra do poeta, sendo expostas pola tarde no patio da Reitoría (Maestranza) da Universidade. Con: Carlos Botana, Carmen Cierto, Alfonso Costa, Suso Cubeiro, Inma Doval, Rubén Mariño, Martazul, Miguel Melero, Augusto Metztli, Mercedes Molares, Begoña Pastoriza, Ánxela Pérez Meilán, Isabel Pintado, Soledad Pite, Tino Poza, Mely Secas, Nolo Suárez e Begoña Tojo.
– 12:00 h. Contacontos e lecturas dramatizadas, a cargo de Ana Hermida e Zezilia Meléndrez.
– 12:45 h. Outras voces, recital. Con Natalia Concheiro, Berta Dávila, François Davo, Alfredo Ferreiro, Nolim González, Denís Graña Fernández, Tati Mancebo, Mou de Lugh, Alexandre Nerium, Begoña Paz, Alexandre Ripoll, Dores Tembrás e Ramiro Torres.
PASAR A MAROLA. Na Dársena.
– 16:45 h. Travesía polo mar da Coruña. Con Anxo Angueira, Xabier P. DoCampo e Luís Dopico. É preciso reservar previamente no correo oficina@aelg.org ou no teléfono 981-133233, de 10:00 a 14:00 h. As prazas son limitadas, e o prezo é de 5 euros.
– 18:00 h. Marcha gaiteira en louvanza do poeta, con Maghúa, Peixe e amigos e Os Vicentes de Elviña.
MEDRE O MAR!. Paraninfo da Universidade da Coruña, na Maestranza.
– 18:30 h. Acto poético-musical, con proxeccións audiovisuais. Coa participación de: Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Marica Campo, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Millán Otero, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, A Quenlla, Pablo Coello e Xacobe Meléndrez Fassbender, TingaLaranga Audiovisual, Coro mar das Acentes, Xurxo Souto e María José Martínez López, Vicerreitora de Estudantes, Deporte e Cultura da Universidade da Coruña.
Betanzos: recital de poesía e presentación de Berros no roncar das ondas
Moncho Iglesias: “A poesía de Darwix chega a todo o mundo porque é o berro dun pobo”
“A poesía de Darwix é unha poesía fácil, que pode chegar a todo o mundo, porque é o berro dun pobo, é como ler panfletos dunha manifestación, que tamén poden ser poéticos”. Así define Moncho Iglesias os textos do poeta palestino, que xa se poden ler en galego grazas á escolma bilingüe (árabe-galego) de 48 textos que vén de publicar Barbantesa baixo o título de Carné de Identidade. Os textos, que abranguen todas as etapas da obra de Mahmud Darwix, non son 48 por casualidade, senón que conscientemente se quixo facer referencia ao ano da ocupación de Palestina por Israel. Iglesias, tradutor e poeta (Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos, Positivas) coñece ben a Darwix e coñece ben Palestina, pois dende hai anos é profesor na Universidade de Belén. O proxecto de traducilo ao galego naceu coma un hobbie, hai uns tres anos, e como un intento de deitar “unha ponte entre o árabe e o galego, entre Palestina e Galicia”. O carácter bilingüe da escolma permitirá, ademais que o libro se poida distribuír dalgún xeito en Palestina: “Estamos pensando en facer presentacións alí, para dar a coñecer Galicia e a cultura e lingua galegas, do mesmo xeito que coas presentacións que facemos en Galicia damos a coñecer Palestina”. É a primeira vez, ademais, que se publica en galego un libro traducido do árabe, pois até o de agora só tiñamos algunhas traducións de textos soltos, coma as realizadas por Xavier Frías Conde para A Trabe d’Ouro.” Vía Praza.
Parlamento das Letras: Xosé María Álvarez Cáccamo
Entrevista de Armando Requeixo a Xosé María Álvarez Cáccamo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lles sobra definitivamente?
– Xosé María Álvarez Cáccamo (XMAC): Falta normalidade: presenza suficiente dos nosos libros nos escaparates e nos andeis das librerías, circulación fluída e natural dos mesmos entre as mans dunha sociedade lectora galega non constituída preferentemente por escolares e profesorado, escritores e críticos, políticas de apoio e difusión por parte da administración, canles axeitadas para a visualización pública da literatura galega. Fáltanos, pois, a paisaxe da normalidade lingüística e cultural, máis ameazada hoxe por causa do rearme centralista dos gobernos de Galiza e de España. Como lector, a min sóbranme a hipervaloración de certos discursos poéticos atonais que se expresan en verborrea hermética de mal disimulada base libresca ou daqueles outros que asentan a súa proposta nunha ollada inxenuísta e elemental adobiada con chiscadelas de pretendida sorpresa provocativa. A carón destas dúas liñas de escola, que non me interesan, conviven hoxe en Galiza voces e rexistros variados, moi atractivos, densos e necesarios. Sobra tamén o exceso promocional de produtos narrativos febles e de consumo que con frecuencia desvían a atención que se debería prestar ao texto literario concibido como proposta para unha recepción activa e enriquecedora. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XMAC: Na resposta á pregunta sobre as eivas e o prescindíbel nas nosas letras ficou apuntada algunha valoración do presente literario. Unha consideración restrinxida ao panorama textual colectivo de hoxe permite apreciar un bo nivel xeral de calidade, con algúns autores e obras que sobrancean por riba do horizonte medio. Como en todas as literaturas do mundo. A normalidade do discurso literario galego contrasta coa situación anormal do contexto sociocultural e político. (…)”
Dossier Autopoéticas, en Poesía Galega
“O dossier Autopoéticas recompila os materiais do repositorio de poesiagalega.org que encaixan nesta modalidade discursiva. Integran o sumario grupos de autopoéticas que, pola súa aparición nunha determinada publicación periódica ou colección editorial, constitúen corpus textuais coherentes e representativos da poesía galega contemporánea. Foron incluídos, ademais, materiais doutro tipo igualmente interesantes para a conformación dun panorama diverso e significativo da poesía galega contemporánea, que abrangue desde mediados da década de 1980 até a actualidade.” Desde Poesía Galega.