Xavier Queipo: “Este libro contén a ‘queipostura’, a miña postura ética e estética”

Reportaxe de Santiago Jaureguizar en El Progreso:
“”Cando eramos rapaces cortababamos a mondadura completa dos kiwis para lanzala ao chan. Mirabamos a forma na que quedara porque a letra que se podía ler era a inicial do nome da futura namorada”, conta Xavier Queipo.
O escritor compostelán, asentado en Vigo tras unha vida de biólogo da Unión Europea en Bruxelas, fai súa unha frase do editor Constantino Bértolo: “Os algoritmos son a ideoloxía do noso tempo”. Seguindo esa premisa, escribiu Algoritmos (Galaxia), que presentou en Lugo. “O libro é fragmentario, multuiforme, contén varios estilos e tamén microcontos, notas, poesías e reflexións”, indica.
Todo contén esa secuencia de datos que é un algoritmo sometidos a un caos controlado, como pode ser a influencia da gravidade na caída dunha mondadura para conducir cara ao amor. O texto de Queipo móvese de xeito aleatorio. “Falo das librerías de vello, onde podes atopar unha obra excepcional”, como lle aconteceu a el con Prehistoria dos estiarios do francés Hubert Nyssen, “un poeta que coñecía”.
Salta dese asunto de tesouros de segunda man a contar sobre outros tesouros, como os descubertos en persoa por Marco Polo. O explorador veneciano “nunha escribiu un libro, o relato das súas viaxes contoullo no cárcere a alguén que sabía escribir en francés, que era o idioma da época para estas cousas”. Os tesouros conviven coa descrición que Xavier Queipo fai do día “no que morreu Julio Cortázar”, o 12 de febreiro de 1984, “cando me sentín tan mal como se perdera un amigo meu”, ou coa estadía de Hemingway en Cuba.
O escritor, xubilado este ano, viaxou incesantemente durante a súa vida laboral. “Había tempadas nas que collía tantos voos que non sabía se vivía nun avión ou na miña casa”. A única vantaxe de estar continuamente desprazándose dun país a outro era que aproveitaba “os resquicios de tempo para escribir textos, unha boa parte deles recollidos neste libro”.
Ese condicionante determina que Algoritmos teña carácter fragmentario, conectado sen solidez. “Hai notas de lectura, artigos, entradas sobre cinemas, exposicións; iso vai acompañado de digresións culturais e políticas”.
Xavier Queipo define o ton do seu libro como “prepandémico pola ledicia coa que escribo, ao estar redactado entre 2011 e 2018, cando pensabamos que viviamos no mellor dos mundos posibles”. Polo que “non ten a angostura”, en referencia a medicina que se usa como licor, “senón a queipostura, que é a posición ética, estética e política do seu autor”.
Daquela, “estaba lendo a autores franceses, como Pascal Quignard e o seu Vida secreta, a Roland Barthes, a Jean Daniel e mesmo a Fernando Arrabal, co seu O enterro da sardiña; uns libros que, entende, influíron en que “a sintaxe de Algoritmos teña máis que ver co francés e mesmo co inglés” que co galego no que foi escrito orixinalmente.
A maiores do idioma, hai presenza galega no volume a través de “pizzicatos de Cunqueiro“. Aclara que, a maiores da técnica para tocar o violín, “a palabra pizzicato fai referencia en italiano ao acto de esparecer un condimento, como pode ser o pirixel, sobre unha comida”.”

Luz Darriba: “Escribín a primeira obra na biblioteca porque me cortaran a luz”

Artigo de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“A escritora relata na novela O encaixe de Bruxelas a estadía na capital de Bélxica.
Luz Darriba non usa a palabra casa con peso emotivo. Durante unha boa parte da súa vida, a artista e escritora non tivo un lugar que puidese considerar casa como un sitio estable no que sentirse abrigada. Hai uns anos erguíase no seu piso de Lugo, compraba pan e talvez embutido, e preparaba un bocadillo. “Cortáranme a luz e o teléfono, polo que ía á Biblioteca Nodal porque tiña luz e calefacción. Como non tiña un taller onde traballar na arte, escribín unha novela”.
A súa familia gastou os pasaporte. O avó de Luz era un lugués de Ombreiro que emigrou a Uruguai e volveu cunha pontevedresa, un neno e unha maleta. Regresaría a Montevideo, onde naceu Luz en 1954 e onde viviu ata os 15 anos. A maleta dos Darriba subiu “como polizóns” nun barco a Bos Aires. “Non era habitual que unha muller emigrase soa coas súas fillas, polo que nos fixeron unhas fotos para o diario Acción”. A singularidade foi tan grande que a imaxe de Luz e as súas dúas irmás competiu coa coche no que agonizou de John Kennedy en Dallas o 22 de novembro de 1963.
Botou vinte anos na capital arxentina. Volveu facer as maletas para establecerse en Lugo, o que parece literal porque leba tres décadas na cidade. As tres fillas criáronse en Galicia, pero agora dúas colleron o billete de volta a Bos Aires e outra vive na ribadense Vilaousende. (…)”

Antón Cortizas gaña o Premio Arume de poesía infantil 2022

Desde Cultura Galega:
“Unha nova edición do premio Arume de Poesía para a infancia vén de fallarse, a segunda tras retomar este certame o pasado 2021 logo de anos de parada. O xurado desta edición decantouse pola obra Os versos da mariola de Antón Cortizas (Ferrol, 1954) destacando dela a reivindicación que fai do xogo tradicional a través da poesía, que explica como “unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan no tempo de vagar da infancia de hoxe en día”, un tema do que Cortizas é un dos grandes coñecedores como deixou claro no volume Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais (Edicións Xerais, 2013). No caso desta obra poética o xurado explica que é unha proposta lúdica, “atraínte por orixinal e pola riqueza da linguaxe”, asegura na súa acta. O Premio Arume de Poesía para a Infancia foi creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil e que tivo a súa primeira edición hai xa vinte anos, hoxe en día é unha iniciativa conxunta da Fundación Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación GÁLIX – Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, con Edicións Embora como empresa editora dos libros premiados. Este venres, 16 de decembro, ás 18.00 h. no Auditorio Neira Vilas, da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela terá lugar a entrega do premio, que ten unha dotación en metálico de 1.000 euros. No mesmo acto presentaranse os libros Violeta Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, gañadores da edición anterior.”