Ourense: representación de Mago Goma, por Toño Núñez

O venres 13 de maio, ás 18:00 horas, na Libraría ZampaContos (Rúa Santo Domingo. Galerías Sol, Local 21) de Ourense, Toño Núñez, autor de Mago Goma, publicado en Kalandraka, recitará este conto rimado e compartirá cos rapaces e rapazas a súa experiencia como escritor, lector e mestre. Ao remate do encontro co autor farase a entrega dos premios do IV Concurso A conquista da illa marabillosa de Relatos Ilustrados.

Lugo: presentación de Lois Pereiro. O negro leite da aurora

O venres 13 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4), preséntase o libro Lois Pereiro. O negro leite da aurora, de José Luís Calvo e Carlos Gegúndez, publicado en Toxosoutos. Tras a presentación terá lugar un recital por parte dos poetas colaboradores no volume.

Chapela: Encontro poético no Edificio Multiusos

O venres 13 de maio ás 19:30 horas, no Multiusos de Chapela ( Redondela), celébrase o Encontro Poético na Biblioteca da Chapela, no que recitarán Belém Andrade, Concha Rousia, Asun Arias, Carlos Rafael, Carmeliña Garcia, Rosa Garcia e Nolim González.

A Coruña: Voces nas letras, lectura pública aberta na Universidade o 23 de maio

“A Universidade da Coruña quere convidarvos a participar de modo activo nunha lectura pública aberta ao conxunto da cidadanía, Voces nas Letras, que se desenvolverá o luns, 23 de maio, entre as 10:00 e as 14:00 horas no Paraninfo da Reitoría (Maestranza, s/n, A Coruña). Por cuestións organizativas solicitamos que nos fagades chegar ao enderezo electrónico vocesnasletras@udc.es as vosas propostas de textos, que deben cumprir as seguintes condicións:
– 1) Os textos para ler estarán escritos en lingua galega, con independencia de seren traducidos doutra lingua.
– 2) Non existen limitacións temáticas nin estilísticas ou de autoría.
– 3) A duración da lectura non poderá exceder os cinco minutos.
– 4) A propia persoa propoñente será quen o lea.
– 5) Acéptanse, xustificadamente, como alternativa aos textos outras intervencións, como execucións musicais, mimo, danza etc., sempre que estas non superaren tamén os cinco minutos.

As propostas poden enviarse ao enderezo arriba mencionado até o mércores, 18 de maio.”

A Coruña: Gala homenaxe a Lois Pereiro, con poesía e música

O mércores 11 de maio, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, terá lugar unha Gala homenaxe a Lois Pereiro, composta por un recital poético de compañeiros de Lois Pereiro no grupo De Amor e Desamor e un concerto de Manu Clavijo versionando obras do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

VENTO LOIS no Monte Xalo (Cerceda), o domingo 8 de maio

O domingo 8 de maio ás 17:00 horas, no Petón do Monte Xalo (Cerceda), adianto do VENTO LOIS, organizado pola Asociación Cultural Lucerna, coa participación de Estibaliz Espinosa, Miguel Mato, Ramón Vilar e Samuel Paris, entre outros.
“‘O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande’, escribiu Lois Pereiro. Mais, por onde comezar a expandilo? Velaí a cuestión á que lle queremos poñer resposta desde a Asociación Cultural Lucerna, de Cerceda.
O Vento Lois anda soprando con forza en todos os recunchos do país. Ao noso concello tamén chegou algo desa brisa e empurrounos a artellar un novo xeito para expandir o universo. O lugar escollido? O Monte Xalo, un deses espazos onde peta ben o vento e desde o que polinizar o aire con palabras xeitosas para contribuír á expansión do universo.
En que consistiría exactamente o acto? Apoiándonos no vendaval que percorrerá o mundo o vindeiro 12 de maio convocado pola seita loisista leremos o Manifesto Loisista no Petón do Monte Xalo. De seguido abrirase un recital para compartir coas persoas que asistan e cos grandes bolos graníticos do Xalo poemas de Lois Pereiro, textos propios, mensaxes a/sobre Lois… Logo, a música pechará o acto para impulsar as mensaxes lanzadas ao vento do Xalo, contribuíndo así á expansión do Universo…
A devandita expansión do universo será gravada para compartila o 12 de maio con todo o planeta.
Gustariamos de contar coa túa presenza nesta homenaxe para participar na lectura do manifesto e no posterior recital. Agardamos a túa presenza para conseguir unha expansión do Universo potente e duradeira.’