Ponteceso. Os Camiños do Mar
é unha iniciativa turística do Concello de Ponteceso que pon o seu foco sobre a interesante relación do municipio co mar, co transporte marítimo, coa cultura mariñeira e coa contorna que rodea ao litoral pontecesán. Nesta iniciativa propóñense dúas rutas. A primeira delas percorre o treito que hai desde a ponte de Ponteceso ata a vila de Corme e o cabo Roncudo pola ribeira. A segunda, fai un percorrido Pondaliano seguindo os monolitos dedicados ao bardo Eduardo Pondal que se atopan entre Ponteceso, a localidade do Couto e o miradoiro do monte Branco, e que, a través das novas tecnoloxías permiten vertebrar sendeiros naturais con acceso a información e xeolocalización GPS. A figura de Eduardo Pondal tamén queda patente no percorrido que parte da súa casa natal e que leva por diferentes lugares da contorna que o bardo reflectiu na súa poesía. De novo, mediante a tecnoloxía QR Ibeaken, o sendeirista poderá escoitar os poemas de Pondal co seu teléfono móbil tras escanear o código QR que se atopa a carón de cada monolito. É a primeira vez que se emprega esta tecnoloxía para divulgar a obra dun autor galego, dándolle una nova dimensión á poesía de Pondal e ofrecendo unha nova experiencia ao camiñante.
Arquivo da categoría: Roteiros
Illa de San Simón: Con barqueira e remador, obradoiro internacional de tradución poética, do 29 de outubro ao 3 de novembro
Do
luns 29 de outubro ao sábado 3 de novembro, na Illa de San Simón, terá lugar o obradoiro internacional de tradución poética Con barqueira e remador, promovido pola Consellería de Cultura e Educación, en colaboración coa institución británica Literature across frontiers, e coordinado por Yolanda Castaño.
Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia concibida a semellanza doutros proxectos de tradución de grandes literaturas que se levan a cabo en países europeos. Ao longo desa semana, os e as participantes convivirán e traballarán para trasladar os seus textos, de ata sete páxinas por autor, a cada unha das linguas representadas neles mesmos. Os participantes, Brane Mozetič (esloveno), Margrét Lóa Jónsdóttir (islandés), Txema Martínez (catalán), Marko Pogačar (croata), Sergej Timofejev (ruso), Merja Virolainen (finés) e Yolanda Castaño (galego), cumpren o dobre perfil de seren poetas de recoñecida traxectoria no marco do seu respectivo sistema literario e, asemade, posuíren experiencias no eido da tradución. Mediante lecturas en voz alta, postas en común, debates grupais ou diálogos por parellas, os autores e autoras puirán, perfilarán e rematarán os bosquexos de traducións que os e as poetas traian a Galicia. Tras este traballo inicial, o compromiso finalizará unha vez de volta nos seus países de orixe, onde rematarán os seus traballos antes de darllos a coñecer ao público lector.
Os seráns de seis días de convivencia e traballo encheranse cunha serie de actividades que lles permitirán aos participantes coñecer máis de preto o tecido cultural do país. A mesa redonda Cercando as ondas. Que significa ser poeta en… (Finlandia, Croacia, Cataluña, Letonia, Eslovenia e Islandia) será a primeira delas e terá lugar o martes 30 de outubro, ás 19:30 horas no Pazo de Mugartegui, en Pontevedra. A acción, amais de co apoio da Xunta de Galicia, conta coa colaboración da AELG e do Concello de Pontevedra.
Dous recitais poéticos multilingües que levan por título Atendendo ao meu amigo serán a mellor mostra do traballo poético dos autores e das autoras. Un deles terá lugar o mércores 31 de outubro, ás 19:30 horas, no Museo do Mar de Vigo. O outro, o venres 2 ás 20:00 horas no Auditorio Multiúsos da Xunqueira, en Redondela, en colaboración co Concello.
O programa complétase con Non morrerán fremosos. Un paseo polo Vigo de onte, unha ruta literaria polo Vigo histórico que arrancará no número 1 da rúa Urzáiz o xoves 1 de novembro, ás 17:30 horas, cunha duración de hora e media. Achegaralles aos participantes anécdotas e fitos relacionados con autores e autoras locais e universais, en colaboración coa Fundación Carlos Casares.
Todas as actividades do programa son gratuítas e abertas ao público en xeral.
A Estrada: centenario da voda de Castelao e Virxinia, roteiro e presentación de Titoán
Santiago: Roteiros literarios por Compostela, os 10 e 24 de novembro
Froito
dun convenio
de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), desenvolveranse dous paseos literarios por Compostela guiados por Euloxio R. Ruibal e Marilar Aleixandre, deseñadores e tamén guías de cadansúa ruta, coas que calquera persoa interesada poderá achegarse á Compostela literaria desde a particular visión do autor/a.
– A primeira das citas será o sábado, 10 de novembro, ás 12:00 da mañá, e o lugar de reunión para comezar a ruta é ao pé da escultura de Chillida no Parque de Bonaval, co dramaturgo Euloxio R. Ruibal como protagonista.
– A segunda iniciarase tamén ás 12:00, o sábado 24 de novembro, e partirá diante do Hostal dos Reis Católicos con Marilar Aleixandre.
Para participar destes itinerarios non é necesario inscribirse previamente.
Ponteceso: programa do Outono Pondaliano, do 13 ao 20 de outubro
Santiago: Congreso do Bicentenario de Francisco Añón, os 4 e 5 de outubro
O
xoves 4 e o venres 5 de outubro, na Cidade da Cultura de Santiago, terá lugar o Congreso do Bicentenario de Francisco Añón, coordinado por Xoán Mariño. O programa previsto é o seguinte:
Xoves, 4 de outubro
– 16:00 h. Inauguración do congreso.
– 16:30 h. Intervención de Ramón Villares: A xeración de 1846.
– 17:15 h. Inauguración da exposición Añón, precursor do Rexurdimento.
– 18:00 h. Proxección do documental Añón na memoria, de Juan Silva e Óscar Sendón.
– 19:15 h. Intervención de Gonzalo Navaza: Consideracións sobre a poesía de Añón.
– 20:00 h. Presentación do libro Poesías galegas de Francisco Añón. Con Xosé Luís Méndez Ferrín.
Venres, 5 de outubro
– 10:00 h. Roteiro literario pola Compostela do Poeta Añón: Alameda, San Clemente, edificios da Universidade, San Martiño Pinario, Facultade de Historia…
– 12:00 h. Intervención de Pilar Sampedro: Valor e valores da poesía de Añón.
– 12:45 h. Intervención de Manuel García Sendón: Añón: creador do programa literario do Rexurdimento.
– 16:30 h. Intervención de Rosario Álvarez: O Poeta Añón na forxa do galego literario.
– 17:15 h. Intervención de Xesús Alonso Montero: Añón na literatura galega do Prerrexurdimento.
– 19:15 h. Presentación do libro Vida e obra de Francisco Añón. Por Ramón Blanco, autor do mesmo, e Víctor Freixanes, editor.
– 20:00 h. Coloquio.
– 20:30 h. Clausura.
Desde Certo.
Santiago: paseo ilustrado por Compostela con David Pintor
O vindeiro sábado 15 de setembro é o último día para visitar, na Galería Sargadelos de Santiago, a exposición de ilustracións de David Pintor para o caderno de viaxe Compostela, editado por Kalandraka. Con motivo da clausura da mostra, David Pintor será o guía dun roteiro a pé por algúns dos espazos emblemáticos representados nesta obra, na zona monumental da cidade. Un paseo ilustrado por Compostela con David Pintor comezará ás 12:00 na Galería Sargadelos, onde o ilustrador comentará os aspectos máis salientables das 15 imaxes que compoñen a exposición para, posteriormente, iniciar un percorrido no que o público poderá comparar os referentes urbanos reais coas representacións gráficas.
Celanova: Xesús Alonso Montero, Arraiano Maior no 2012
Vía
Fervenzas Literarias:
“Celanova será escenario da gran festa arraiana. No centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, a Asociación Arraianos ven de recoñecer como Arraiano Universal ao autor de Longa noite de pedra. Ademais, o investigador e académico Xesús Alonso Montero será distinguido co recoñecemento Arraiano Maior da Raia Seca 2012, que concede anualmente dita asociación. Esta distinción xa lle foi entregada con anterioridade ao escritor Bento da Cruz no 2011, ao Padre Fontes no 2010 e a Xosé Luís Méndez Ferrín, que inaugurou estes recoñecementos no 2009. Os actos terán lugar o venres 31 de agosto en Celanova, e contará coas seguintes actividades literarias no seu programa:
– 10:00 h. Encontro na praza da vila de Celanova. Lectura do manifesto arraiano.
– 10:30 h. Rota literaria por distintos espazos relacionados cos literatos nados en Celanova, con lecturas de poemas e música arraiana.
– 11:30 h. No cemiterio de San Breixo. Nomeamento de Xesús Alonso Montero como Arraiano Maior da Raia Seca do ano 2012, a cargo do Arraiano Maior do ano anterior, Bento da Cruz. Entrega do recoñecemento como Arraiano Universal a Celso Emilio Ferreiro. Ofrenda floral e recital poético e musical, coa participación de poetas e músicos das terras de Celanova e do val do Limia, ao pé do xacigo de Celso Emilio Ferreiro.
– 17:00 h. Espectáculo multimedia no claustro barroco do mosteiro de Celanova, facendo unha montaxe escénica atractiva e dinámica con intervencións de diferentes persoeiros, poetas, así como as actuacións de diversos grupos musicais.




