Quinta quenda de obradoiros de literatura

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, en colaboración co Servizo Galego de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, comezou o 30 de outubro unha nova quenda de 2 obradoiros de creación literaria.
O primeiro foi impartido na Biblioteca Municipal de Lourenzá por Mª Xosé Lamas. O segundo, con resonsabilidade de Antía Otero, terá lugar na Casa da Cultura de Sada o 14 de novembro ás 19:00.
O obxectivo xeral é o de contribuír á dignificación da identidade feminina a través da literatura, colaborando na visibilización da obra das nosas escritoras, reflexionando e demostrando a existencia dunha escrita feminina.

Unión libre nº 13: “A voz das vítimas do 36”

O número 13 da revista Unión Libre. Cadernos de vida e culturas (Edicións do Castro), que leva por título “A voz das vítimas do 36”, inaugura as súas páxinas cunha dedicatoria á figura de Manuel Sarille Lanceiro, colaborador da revista e presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, que faleceu o 25 de maio. (La Voz de Galicia)

Exposición sobre o lobo solicita colaboracións escritas

ADEGA está a organizar unha exposición que formará parte dos “II Encontros sobre o lobo galego” que será inaugurada no CEIDA-Oleiros o vindeiro 8 de Novembro. Neste proxecto, solicitan colaboracións literarias (orixinais ou xa publicadas previamente) nos próximos días.
Se tes interese, envía o teu texto a: adega@adega.info
ou ben a:

ADEGA
Travesía dos Basquiños, 9 baixo
15704 Santiago de Compostela

Para calquera dúbida, debedes contactar con Pepe Salvadores no 659683384.

Campaña en defensa da lingua e contra a violencia de xénero

Os servizos de normalización lingüística da Universidade da Coruña e do Concello da Coruña, xunto coa Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, organizan unha campaña que ten por obxectivo o de vincular a defensa e promoción da lingua galega coa da loita contra a violencia exercida contra as mulleres, pois o abandono histórico da lingua por parte das mulleres pode e debe ser entendido como un tipo de violencia de xénero.
A campaña terá o seu acto principal o vindeiro 25 de novembro, Día da Non-Violencia contra as Mulleres, e consistirá nunha lectura pública dos textos que garden relación coa temática e sexan recibidos até a data.
Todas aquelas persoas interesadas en participaren poden facelo achegando o seu texto, inédito ou xa publicado, por correo electrónico ao enderezo snl@udc.es.

Máis información aquí.
Servizo de Normalización Lingüística – Universidade da Coruña
(981 167 000; extensións: 1042, 1055, 1177)

Rubén García será soterrado hoxe en Ribadavia

Rubén García, un dos nomes clave do activismo teatral galego, será soterrado hoxe cunha bandeira republicana nunha cerimonia civil en Ribadavia.
«O mundo do teatro galego espertou onte conmocionado pola morte de Rubén García, director do Mostra de Teatro (MIT) de Ribadavia e un dos pioneiros no impulso das artes escénicas no país. En Ribadavia, a súa vila natal, o Concello decretou dous días de loito oficial. O edil de Cultura, Anxo Collarte, asegurou que a noticia causou “gran conmoción” en toda a comarca do Ribeiro e mesmo fóra dela, xa que era “moi coñecido no mundo cultural e sobre todo teatral”.
O responsable da MIT e da Feira Galega do Teatro até o ano pasado, premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega do 2008, faleceu a última hora do martes, aos 57 anos […]». (Galicia-Hoxe)