Goián: representación de #camiños, de ButacaZero

O sábado 5 de outubro, ás 22:00 h., chega ao Auditorio de Goián #camiños, de ButacaZero en coprodución co Centro Dramático Galego.
Quen somos os galegos e as galegas do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade? Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira son os creadores desta peza que nos leva de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser.
Para tecer este mapa botaron man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.
Tanta festa se xuntará no Auditorio de Goiáns que estarán presentes As churrascas, que levarán a escena aDiosRíos_aDiosFontes, o título do seu primeiro “hit” de música electrónica cos versos de Rosalía de Castro.

O FIOT Carballo levanta este venres 27 o pano da súa 28ª edición

Desde Erregueté:
“Carballo convértese, a partir deste venres 27 de setembro, no corazón das artes escénicas de Galicia. Esta fin de semana comeza unha nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro, a número 28 do FIOT, unha cita que ateigará as rúas e escenarios da localidade con 38 espectáculos e numerosas actividades para todos os públicos ao longo de cinco semanas.
Como adianto, o xoves 26, chegan as primeiras funcións nos centros escolares de Carballo do FioTEEN, o ciclo que achega as artes escénicas á mocidade a través de propostas singulares e espefícas para o público adolescente. O primeiro espectáculo que se representa é Por unha peseta, da nova compañía Apatacón [na foto], formada pola vocalista Faia Díaz (De Vacas ou Coro Encaixe) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa). A peza é un traballo onde voz narrada e cantada achéganse para abordar historias de vida recollidas na contorna, e que se achega, con moita retranca, ao humor, á sensibilidade e á tenrura da nosa xente e a os seus saberes e tradicións.
Ademais de Por unha peseta, o ciclo FioTEEN ofrecerá á xuventude a posibilidade de asistir, nas vindeiras semanas, aos ensaios xerais de dúas das estreas absolutas desta edición co-producidas polo FIOT, como son Medida x medida, de Producións Teatrais Excéntricas, e O electo, de Contraproducións e Focus. Ademais, as mozas e mozos terán a oportunidade de ver, por vez primeira en Galicia, o espectáculo Dados, de Ventrículo Veloz, obra gañadora do Premio Max 2019 ao Mellor espectáculo para público infantil, xuvenil ou familiar. Dados, que chegará a Carballo o martes 8 de outubro, aborda as dificultades da adolescencia, que se incrementan especialmente polo feito de ser trans. En todos estes espectáculos, ademais, a mocidade tamén terá a oportunidade de participar en encontros das compañías co público para achegar visións sobre as propostas escénicas.
Na fin de semana, o venres 27, ábrese o pano do 28º FIOT para o público xeral cos espectáculos da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que este ano celebra a súa 21ª edición. O primeiro en saír á escena será Pedro Brandariz, coa estrea absoluta da súa nova peza Un conto de michos. As entradas para esta proposta pódense reservar, gratuítamente, na Biblioteca Rego da Balsa, espazo no que terá lugar a función contra ás 18:00. Xa pola noite, a partir das 21:00 no Café Valle Inclán, o dinamizador cultural e músico Xurxo Souto presentará O océano de dentro, unha peza na que ducias de historias e os contos do mar inundarán as rúas de Carballo. De seguido, ás 22:30, a compañía coruñesa ArtesaCía, conformada por Laura Villaverde e Roi Fernández, presentarán no Casino 1889 a súa creación Chola a it girl, na que unha “it girl rectificada” explicará que o rural e o auténtico tamén poden ser tendencia. Esta ecléctica e singular noite pecharase coa música ao vivo do dúo Blues do País, que ofrecerán versións en galego, e con xeito, de grandes éxitos da música internacional.
Xa na noite do sábado 28, Carmen Conde presentará os Premios Darwin, unha selección natural das historias máis curiosas vinculadas a mortes absurdas que a artista recolleu por toda Galicia. Logo desta sesión de ateigada de humor negro, e cuxa entrada é libre, Conde dará paso ao Tito Rober, quen dará a coñecer na Cervexería Beos a Vida e milagres do zume de laranxa. O espectáculo, cuxo acceso tamén é gratuíto, ten como protagonista a un rapaz dunha familia humilde de Ourense que chega a un colexio de privado no que lle acontecerán miles de aventuras. Finalmente, o humorista Oswaldo Digón pechará esta sesión da Rúa dos Contos ás 00:00 no Mesón do pulpo co seu espectáculo Anecdoloxía, no que recolle e ironiza arredor con aquelas escenas da vida cotiá que calquera pode vivir nun ascensor ou sala de espera.
Por último, o domingo 29 Carlos Blanco revisará, no 2º andar do mercado municipal, os seus mellores monólogos nun espectáculo no que se darán cita grandes éxitos como As bravas de Arousa (queres kiwis?), As grandes frases das nosas avoas e avós ou A dobraxe porno, narracións nas que o actor incluirá, como é habitual nas súas intervencións, elementos de actualidade. As entradas para a función, que comezará ás 20:00, están xa esgotadas.
Teatro de Rúa
Ademais da Rúa dos Contos, o 27 de setembro tamén comezará a programación do Teatro de Rúa, o ciclo vinculado ás artes circenses, acrobacias e clown que ten lugar a ceo aberto no espazo público de Carballo, e que nesta edición contará con catro espectáculos. O primeiro deles terá lugar este venres ás 20:00 na praza do Concello e chegará da man de Xampatito Pato, que ofrecerá , unha creación de malabares imposibles que desafían os sentidos apta para todos os públicos. O seu intérprete e creador é o artista galego Jesús Velasco, que conta cunha importante traxectoria internacional e que está a ser unha das revelacións dos festivais de novo circo da tempada.
O Teatro de Rúa continuará a vindeira fin de semana, coa participación da compañía Sincronacidas, que presentará as súas OhLimpiadas (Premio Fetén 2019 ao Mellor Espectáculo de Rúa) o venres 4 de outubro, ás 20:00, e do recoñecido clown Jean Philippe Kikolas, que estreará en Galicia a súa nova creación, Calor (sábado 5, ás 19:30). O ciclo pecharase o sábado 12 de outubro, ás 19:30h, coa singular DistanS, o traballo da compañía andaluza Vol’e Temps, repleto de numerosas acrobacias nun espectáculo emocionante, único e divertido con música en directo.
Unha noite no teatro
Outra das liñas de programación que se inicia este venres 27 é O Fiotiño, a serie de actividades paralelas do FIOT dirixidas á xente miúda para achegar o mundo das artes escénicas. En concreto, esta fin de semana desenvolverase A noite branca no teatro, unha sorte de campamento infantil que terá lugar no propio Pazo da Cultura, e no que as e os participantes se mergullarán nunha auténtica experiencia teatral. Baixo o acompañamento do coñecido narrador Caxoto, o grupo vivirá unha noite con obradoiros e talleres de creación, que lles permitirá estrear ante o público de Carballo unha nova creación, no propio Pazo de Cultura, o sábado 28, ás 11:00. A obra xirará arredor das #MIRADASFIOT e de temáticas como o feminismo ou o medio ambiente. As prazas para participar nesta actividade están completas desde a semana da apertura do prazo de inscrición.
Entradas esgotadas para diversos espectáculos
O pasado venres, 20 de setembro, saíron á venda as entradas e abonos para o público xeral do Programa de Sala, OTNI e Rúa dos Contos. Na primeira xornada esgotáronse tanto os abonos como os billetes para asistir ás funcións de Fariña, Jauría e La Golondrina, incluídas na programación do Pazo da Cultura, así como de Carlos Blanco, quen actúa este domingo no mercado municipal de Carballo. As entradas para o Hamlet da singular Companhia do Chapitô están tamén esgotadas desde onte.”

Compostela: representación de Deixa de tocala, Sam, de AveLina Pérez e Velpister

O sábado 21, ás 20:30 horas, e o domingo 22 de setembro, ás 18:00 horas, no Salón Teatro de Santiago, represéntase a peza Deixa de tocala, Sam, de AveLina Pérez e Velpister.
Dirección escénica, dramaturxia e actriz: AveLina Pérez.
Dirección musical e piano en directo: Velpister.

Compostela: Dramaturxias/Dramaturgias Itinerantes, o 1 de outubro

Outras itinerancias:
Mércores 2 de outubro.
16:30 horas
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD)
R/ Poza Cabalo, s/n
36211 Vigo (Pontevedra)
Xoves 3 de outubro.
18:00 horas
Cine Teatro João Verde
Largo da Alfândega 1
4950-432 Monção

Josi Lage: “Precísase poñer en valor o feito de que o FETEGA sexa o único festival integramente dedicado ao teatro galego”

Entrevista a Josi Lage en Erregueté:
“Josi Lage anunciou que despois desta edición deixaba a dirección do Festival de Teatro Galego do Carballiño (FETEGA) para dedicarse de cheo á súa profesión de actriz. Nos moitos anos que leva á fronte deste encontro, o FETEGA medrou, mais a costa de pasar por moitas vicisitudes que ela tivo que enfrontar sen contar con axudas institucionais, só co apoio do seu equipo. A presente edición semella deixar atrás as ameazas que se cerniron sobre o encontro en anos anteriores, cando a continuidade estivo en perigo. Lage fai un balance do seu traballo nun festival que cumpre agora tres décadas. | Manuel Xestoso |
– Erregueté (E): Este ano o Fetega celebra o seu 30 aniversario, despois dos problemas do ano pasado e cun mellor orzamento nesta nova edición, como afrontaron esa dificultade?
– Josi Lage (JL): O feito de que este ano o concello case dobrase o orzamento, coas axudas da AGADIC e o apoio tanto da Deputación, que sempre está, como da empresa Montañesa e os establecementos do Carballiño que colaboran con nós, a vida vese doutra cor. O Festival estivo a piques de desaparecer en dúas ocasións e sempre tivo que ver coa falta de axudas de Agadic; e o ano pasado pasámolo realmente mal. Somos o único festival de teatro galego, exclusivamente en lingua galega, e é unha mágoa que iso ás veces non se considere como un valor. Nós tratamos de ser fieis ao noso nome e ser profesionais. Iso require tempo, require unha programación e require un esforzo durante todo un ano. No Fetega non temos a sorte doutros festivais subscritos a un concello que pon o seu persoal e os seus técnicos en funcionamento. Nós contamos cun equipo que fai todo e que leva 30 anos sacando este proxecto adiante. É difícil pero estamos satisfeitos de que todo o que fixemos é pola xente, polo Carballiño e polos compañeiros que teñen unha praza máis onde mostrar en verán os seus traballos. Que o festival desaparecera ou que estivese a piques de desaparecer, a min doíame sobre todo polos compañeiros, independentemente do traballo de tantos anos. Que non se tivera en conta no seu momento, evidentemente, a min fíxome sacar as unllas. Pero tamén son unha persoa agradecida e se digo cando as cousas non están ben, tamén as teño que dicir cando están ben e estoume referindo tanto ao apoio de Agadic como polo feito de que o concello dobrase o orzamento este ano.
– P: De feito, na rolda de prensa do luns apelaban á vontade das institucións para que o festival non dependese dos vaivéns políticos.
– JL: Ten que estar claro e sempre o tivemos claro e é que o festival non podía politizarse. Soa político o de dicir que isto é do pobo e para o pobo, pero concibiuse así, como se concibiu a MIT en Ribadavia. Entón imos respectar esa idiosincrasia e imos a respectar a lingua galega. Non é de ninguén máis, de ningún partido político e imos loitar para que se siga mantendo así. É unha das cousas que máis teño en conta de cara á sucesión: que non se politice e que siga no Carballiño. Que despois siga medrando e que se poida algunha parte noutra cidade, estupendo porque eu aspiro a que a persoa que veña o faga medrar. Ese polbo, nunca mellor dito, con ese concepto estamos traballando agora. O epicentro é o Carballiño pero pode haber tentáculos que se estendan. Eu quero que o festival medre e eu creo que a persoa que veña o vai conseguir.
– P: Aínda que está fóra do programa, como valoras o que esta sucedendo agora no FITO?
– JL: Unha tristeza. Tanto a nivel particular como a nivel de festival porque son compañeira, e porque eu estiven nesa situación. Eu sei o que doe non ter as axudas, non ter as colaboracións das institucións e esa é unha das cousas que a min máis me cansaron nestes 20 anos de traballo; lidar coas autoridades é o máis duro.

O que lle pasa ao FITO é inconcibible. Un festival que leva tantos anos que leva e que é un referente a nivel galego en que ser apoiado. O concello debería facelo a súa bandeira. Dóeme a súa situación do FITO e gustaríame mostrarlles o meu apoio como compañeira e como directora do festival de teatro galego. (…)”

A AELG solidarízase coa AAAG e Sarabela Teatro en relación á decisión do Concello de Ourense de retirar o seu apoio ao FITO

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) súmase á nota emitida pola Asociación de Actores de Actrices de Galicia (AAAG) en relación á decisión do Concello de Ourense de retirar o seu apoio ao Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), ao tempo que amosa a súa solidariedade con Sarabela Teatro, compañía que organizou esta actividade anualmente desde 2007.

Desde a AELG consideramos que a cultura e as artes, como a educación e a sanidade, son bens necesarios para que unha sociedade se desenvolva de maneira sa, equilibrada e feliz. Por iso é de valorar que Concellos, Deputacións e Xunta velen por facilitar o acceso ás artes escénicas tanto de aquí como de fóra, auspiciando e axudando, tamén, a que as compañías e artistas galegas/os poidan realizar procesos de creación fóra da precariedade.

“Cando o noso Hamlet subiu ás táboas”

Artigo en La Voz de Galicia:
“(…) «Non hai nada que teña maior actualidade ca os mitos. Son sempre noticias de última hora», escribiu o autor mindoniense, que, cómpre lembralo, dedicou ao xornalismo moitas horas da súa vida. Hai agora 60 anos, o 31 de agosto de 1959, Hamlet achegouse á Coruña e no Teatro Colón estreouse a obra á que Cunqueiro dedicara esforzos, ás veces envoltos en dúbidas, nos meses anteriores.
Nunha carta ao amigo Alberto Casal, incluída no volume Saiban cantos estas cartas viren, o escritor anota antes da estrea que viaxará de Mondoñedo á Coruña para ver os derradeiros ensaios, pero en realidade confesa o seu desacougo: «Non é nada esa estrea, e porén tenme inquedo e impaciente, e con temor», di.
Os temores semellaban fundados, non por inexperiencia dun autor que xa tiña unha longa traxectoria na poesía e na narrativa, pero si máis ben por circunstancias habidas nos meses anteriores. Noutra carta do devandito volume, escrita en xullo de 1959, Casal recolle os problemas xurdidos antes da estrea por mor das dificultades para a difusión da obra. O Ministerio de Información e Turismo xogara un papel importante nese asunto, aínda que a obra puido logo representarse. (…)
Chegado por fin o verán de 1959, Cunqueiro contaba, nunha entrevista en La Voz de Galicia asinada por Vicencio, que coa obra tentara dar resposta a «vellas e eternas preguntas» e que confiaba nos actores -a obra foi representada polo grupo Teatro Cultura, da Asociación Cultural Iberoamericana- polo «verdadeiro amor» posto nos ensaios. Tamén engadía que se a obra resultaba un fracaso, a responsabilidade sería súa por ter emprego unha linguaxe «escura e torpe». O xornalista remata a entrevista cun comentario que lectores, espectadores, actores e críticos semellan asumir 60 anos despois: que Cunqueiro amose escuridade ou torpeza na linguaxe, escribe Vincencio, «resulta imposible». (…)”

Miguel de Lira, Premio de Honra do FETEGA do Carballiño

Desde Erregueté (foto do autor: Rosinha Rojo):
“A 30ª edición do Festival de Teatro Galego (Fetega), que se celebra dende o día 2 ata o 6 de setembro no Carballiño, entregará o seu premio de honra ao actor e cofundador da compañía Chévere Miguel de Lira, pola súa achega “imprescindible” ao mundo das artes escénicas.
Así o explicou este luns a directora do evento, Josi Lage, durante a rolda de prensa de inauguración do Festival. Na mesma, a actriz volveu a anunciar a súa retirada da dirección do Festival e asegurou o “compromiso total” de que o Fetega continúe celebrándose no Carballiño, como un do requisito que deberá adquirir o seu predecesor ou predecesora no cargo, aínda por coñecer.
Na mesma liña, pediu á Axencia Galega dás Industrias Culturais (AGADIC), o Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e as empresas e establecementos privados que continúen coa súa colaboración para facer posible a continuidade do festival. A este respecto, Lage non puido evitar lembrar que a pasada edición “pasaron un mal momento e o festival resentiuse”, cando Agadic non colaborou co mesmo. Por todo iso, agradeceu a achega de 15.000 euros este ano e pediulles que sigan na mesma liña.
Neste contexto, a xefa territorial de Cultural e Turismo de Ourense, en representación de Agadic, recolleu a testemuña despois de destacar que se trata dunha “cita obrigada para os amantes das artes escénicas” e un “reclamo para que a cidadanía consuma cultura”.
Durante a convocatoria tamén estiveron presentes varios membros do xurado que entregará os premios do Festival. Un “xurado de altura”, como os definiu Josi Lage, cunha “tarefa complicada”.“Os grupos e compañías participantes son do mellor do noso teatro galego”, explicou Mariana Carballal, para a continuación agradecer o traballo de Josi Lage para converter ao festival xa “maduro” en todo un “referente”, con “moitas posibilidades para ser viable”.”