XXIV Premios de Teatro María Casares: as gañadoras e gañadores

Desde Erregueté:
“Os XXIV Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras e gañadores. Nesta edición, en que a tradicional gala foi suspendida por mor da pandemia e substituída por unha entrega virtual que se fixo pública a través da canle de YouTube do certame, foron dez espectáculos os que recibiron algún premio, dos 16 que aspiraban a facerse con algún dos catorce galardóns nos que se dividen os María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Fundación AISGE.
Bernarda, de Malasombra Producións, acaparou o maior número de galardóns desta edición, ao levar os premios nas categorías de espectáculo, texto orixinal (Jose Prieto), actriz secundaria (Celia González) e dirección (Jose Prieto). Este último galardón, o de dirección, foi compartido ex aequo con María Peinado, directora do espectáculo O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, quen tamén levou o galardón á adaptación-tradución. Así, esta obra fíxose finalmente con dous galardóns, os mesmos que Liberto, de Rebordelos, que gañou nos apartados de actriz protagonista (Rocío González) e de música orixinal (Lucía Aldao). Pola súa banda, Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro, conseguiu o premio ao espectáculo infantil.
Outros seis espectáculos conseguiron un galardón nestes XXIV Premios de Teatro María Casares. Idiota, de Redrum Teatro, acadou o premio ao mellor actor protagonista (Machi Salgado); MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co FIOT, conseguiu o premio ao mellor actor secundario (Josito Porto); Neorretranca e posmorriña, do Centro Dramático Galego, alzouse co premio de escenografía (Marta Pazos); O empapelado amarelo, de A Quinta do Cuadrante, levouno no apartado de Iluminación (Laura Iturralde); Despois das ondas, de ButacaZero, conseguiu o María Casares de vestiario (Carlos Pinilla), e Vida de Cans, de Talía Teatro, obtivo o de maquillaxe (Martina Cambeiro).

Por categorías, as gañadoras e gañadores son:
Maquillaxe: Martina Cambeiro, por Vida de Cans (Talía Teatro)
Vestiario: Carlos Pinilla, por Despois das ondas (ButacaZero)
Iluminación: Laura Iturralde, por O empapelado amarelo (A Quinta do Cuadrante)
Escenografía: Marta Pazos, por Neorretranca e posmorriña (Centro Dramático Galego)
Música orixinal:  Lucía Aldao, por Liberto (Rebordelos)
Texto Orixinal: Jose Prieto, por Bernarda (Malasombra Producións)
Adaptación-tradución: María Peinado, por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia)
Actor secundario: Josito Porto, por Medida x Medida (Producións Teatrais Excéntricas-FIOT)
Actriz secundaria: Celia González, por Bernarda (Malasombra)
Actor protagonista: Machi Salgado, por Idiota (Redrum Teatro)
Actriz protagonista: Rocío González, por Liberto (Rebordelos)
Dirección: Jose Prieto por Bernarda (Malasombra) e María Peinado por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia).
Espectáculo infantil: Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro.
Espectáculo: Bernarda, de Malasombra.

DISCURSO DE MÓNICA GARCÍA
A vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Mónica García, encargouse de ler o habitual discurso que a Xunta Directiva fai público en cada entrega dos Premios María Casares. Na súa intervención, García agradeceu ao Centro Dramático Galego que abrise as súas portas para “unha atípica entrega de premios”, antes de reflexionar sobre a actual situación. “Hoxe por hoxe, neste aquí e neste agora, estrañamos o que xa non temos: esa normalidade que sempre foi medio e obxecto para nós, as xentes do teatro, para cuestionarnos todo dende a escena”, sinalou Mónica García antes de engadir que “sexa o momento que sexa, esa sempre foi e será a nosa vocación. E tamén o noso labor: Xogar coas fronteiras, forzar os límites, transgredir cos  conceptos e revisar os alicerces de todo aquilo que se nos di que é normal”.
“E si, houbo un tempo en que a suspensión de bolos non era o normal, senón a excepción”, sinalou García para despois subliñar que “todo mudou:  tamén o significado das localidades baleiras no patio de butacas ou a capacidade dos recintos. Por suposto, tampouco é a mesma a relación que se establece entre nós, no escenario, e o público”. “Vaia todo por facer da cultura unha actividade segura para o público, pero a seguridade da cultura debe incluír tamén a das súas traballadoras e traballadores”, sentenciou a vicepresidenta da AAAG, quen tamén se referiu á resposta da administración galega no eido cultural no actual contexto de pandemia: “A Administración deixounos á intemperie e a Consellería de Cultura e Educación empurrounos ao baleiro sen máis rede que un Plan de Reactivación que tachamos de insuficiente, de deficitario e mesmo de imprudente. Un Plan que, en definitiva, apostou todo ou case todo á distribución sen pensar en que os gromos se ían suceder, en que os teatros se ían pechar, en que nos ían cancelar”.

PREMIO DE HONRA E MANIFESTO
Flor Maceiras recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e, no seu discurso, agradeceu  o recoñecemento recibido e sinalou que “o teatro é un dereito da cidadanía, non un privilexio da xente que o facemos”. “E para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha administración pública, local, galega, estatal, que se debe implicar no investimento”, sinalou Flor Maceiras, quen tamén quixo lembrar unha parte fundamental da estrutura teatral: a formación. “Este é un premio non tanto a min e si máis a xente que sempre estivo empeñada na formación teatral na Galiza”, rematou Flor Maceiras.
Por último, tamén se escoitou a actriz Isabel Risco ao ler o seu Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro: “EI CARBALLEIRA! Este berro cheo de aire purificador das que aman a comedia, que afasta os virus todos, aumenta as defensas do noso organismo, é medicina natural porque só o pobo salva o pobo; vai para quen teima na idea de concederlles a quen exerce oficio tan honroso, dunha beira e doutra das bambolinas, a titulación de proscritas e proscritos, substancias psicotrópicas que alteran a percepción da súa realidade porque no canto diso fan abrir os ollos e espreitar as orellas. EI TEATREIRAS!”.”

Roteiros Literarios por Lugo 2020

Os Roteiros Literarios por Lugo 2020 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Os Roteiros Literarios por Lugo procuran unha ollada nova á historia e xeografía da cidade.
A inscrición é de balde, cun máximo de 5 persoas por cada roteiro, e obrigatoria. Farase no correo electrónico oficina@aelg.org.
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento. Durante os distintos percorridos será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras.

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:

– Eis umha flor para o lume e o mar, roteiro sobre Carvalho Calero.
María Casar
Sábado 14 de novembro, 12:00 h. Saída desde o Vello Cárcere.
O roteiro por Lugo centrado na figura de Ricardo Carvalho Calero fará da memoria unha chave importante para tratar de mergullarnos na obra poética do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2020. Percorreremos diferentes lugares que el camiñou habitualmente, leremos poemas e textos da súa autoría e camiñaremos no tempo recoñecendo espazos de liberdade nunha época marcada pola represión. Desde os anos 50 cando se asentou en Lugo e onde viviu até 1965 e con posterioridade regresou moi a miúdo ao longo dos anos. Estancias marcadas polos vínculos familiares e por unha decisión firme de manterse ligado a esta cidade. A importancia do seu labor pedagóxico unido ao soño dun colexio na vangarda educativa fan que Carvalho Calero deixe en Lugo numerosos testemuños entre o alumnado do colexio Fingoi, que dan conta da súa implicación nun poderoso intento de valorizar a cultura e a lingua galega nun momento especialmente difícil. Loitador incansable pola educación e pola defensa do idioma como sinal identitario, galeguista histórico, pedagogo avanzado, investigador concienzudo, novelista e, sobre todo, poeta. Os seus versos acompañarán os pasos deste roteiro coa certeza dunha voz que nos mergulla nun percorrido poético fermoso.

– Roteiro das letras violetas
Luz Darriba
Sábado 21 de novembro, 12:00 h. Saída desde o Parque Rosalía de Castro.
O roteiro comezará no Parque de Rosalía de Castro, onde falaremos da obra de Marica Campo, poeta, articulista, novelista infantil e xuvenil que viviu moi perto do parque, na rúa Cedrón del Valle. Tamén falaremos de Tareixa Campo Domínguez, cuxa contribución ás letras violetas vénse expresando dende hai moito tempo a través do teatro e do grupo Achádego, fundamental na nosa cidade. No parque de Rosalía de Castro deixaremos poesías (protexidas por folios de plástico) e relatos das escritoras das que imos falar para que quen queira as leve. Falaremos, respecto do nome do parque, dende cando se chama así e como se chamaba antes. Do parque de Rosalía andaremos até a Praza Maior para falarmos da obra de Carmen Blanco e Adela Figueroa. Tamén deixaremos poesías e relatos nos bancos desa prazas pola que pasa moita xente malia a pandemia. Da Praza Maior andaremos até a rúa das Nóreas, case na esquina con San Pedro, onde unha placa recorda o paso de Rosalía de Castro pola cidade amurallada. Sexa que viviu alí, sexa que fora a sé do prelo Soto Freire (do que falaremos porque é importante lembrar a quen contribuíu á divulgación do galego), Rosalía pasou por alí, e é o que conta. Deixaremos poesías e relatos no albergue para peregrinos que está xusto nesa rúa. Dende alí determinaremos as diferentes paradas na medida que as escritoras confirmen os seus sitios favoritos da cidade, para rematar cun pequeno recital a cargo de poetas convidadas no monólito de homenaxe á escritora na súa terra dedicado a Pilar García Negro (diante da igrexa de San Froilán).

– A Xeración Nós e Lugo
Antonio Reigosa
Sábado 28 de novembro, 12:00
Aparentemente, a nómina de persoeiros lucenses nas actividades da chamada Xeración Nós, nomeadamente as colaboracións no seu Boletín, non semella moi destacada. Porén, a pouco que revisemos os seus índices axiña comprobamos que hai dous tipos de lucenses, nativos e inmigrados, que achegan o seu saber. Os nacidos en Lugo cidade ou na provincia como Bal y Gay, Ánxel Fole, Correa Calderón, Villar Ponte, Lois Peña Novo, Fernández del Riego, Aquilino Iglesia Alvariño, Noriega Varela ou Cunqueiro e os que sendo de fóra, varios ourensáns, fixeron de Lugo residencia profesional e vital. Velaí o caso de Primitivo R. Sanjurjo, Ben Cho Shey, Antonio Fraguas ou Carvalho Calero. Hai entre eles músicos, historiadores, políticos, profesores, poetas, narradores… Por outra parte, o Boletín Nós fíxose eco de numerosas novas relacionadas coa actividade cultural desenvolvida na cidade de Lugo entre 1920 e 1936. Percorreremos, desde a evocación das súas aportación ao proxecto Nós, unha parte da pegada da súa memoria na cidade de Lugo. As rúas que levan o seu nome, os lugares onde residiron ou traballaron e a súa contribución á vida cultural e intelectual da cidade.

– Roteiro arredor de As estacións do lobo
María Reimóndez
Sábado 5 de decembro, 11:00 (2 horas). Saída desde a Avenida da Coruña, 310.
A novela As estacións do lobo (Xerais, 2019) de María Reimóndez, ten como protagonista a Clara, unha adestradora canina, mais tamén a cidade de Lugo. Por iso propomos un percorrido físico polos espazos e temáticas da novela en compaña da súa autora. O roteiro incluirá lecturas, intervencións e sorpresas para achegarse doutro xeito ao texto desta obra que forma parte, xunto con En vías de extinción, A música dos seres vivos, Dende o conflito e As cousas que non queremos oír, do Ciclo dos elementos, unha serie de novelas independentes mais interconectadas. Pode participar calquera persoa de calquera idade e, con especial relevancia, cans. Iremos camiñando sen présa e parando en diferentes lugares, algúns deles con espazo para descansar. Procuraremos que o paseo sexa relaxado tamén para participantes de catro patas. A actividade non se suspenderá se chove, poderá realizarse con paraugas igualmente.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Vídeos do XVII Simposio O Libro e a Lectura: Editar en linguas minorizadas, organizado pola Asociación Galega de Editoras (II)

Manuel Rivas: “O Fiouco é un exemplo do poder que teñen os expertos e os gurús”

Entrevista de Santiago Jaureguízar a Manuel Rivas en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): O libro [Zona a Defender] fala sobre “extralimitación ecolóxica”. Critica o paso da autovía polo Fiouco.
– Manuel Rivas (MR): Este libro é unha obra literaria con máis peso do pensamento que do emocional. A ironía define a modernidade, é ese humor amoratado que deixa un hematoma. O Fiouco é ilustrativo do que pasa no mundo, onde hai un exceso de poder dos expertos e dos gurús. No eido político levan a batuta e non escoitan á parte de cando hai eleccións. O cidadán é un cliente ao que se lle pide que compre un produto cada catro anos. Nos partidos políticos hai moi pouco espazo de participación cidadá. O exemplo é O Fiouco como poden selo o porto exterior da Coruña ou a Cidade da Cultura. (…)
– EP: Fáleme de Aníbal Otero.
– MR: Fai unha colleita de palabras para o seu Atlas lingüístico peninsular como parte do movemento de persoas ilustradas como Giner de los Ríos que concentrou os odios do fascismo español. Nese ambiente fai unha aposta por intelectual por colleitar e estudar o pluralismo lingüístico que hai. O seu traballo nos anos 30 é unha obra heroica polos medios que tiña para andar por ese camiños. Nos prolegómenos do ano 36 é detido en Tui ao ser sospeitoso de ser ‘filólogo’. É detido en Portugal e entregado porque pensan que é espía por unhas anotacións fonéticas. É absurdo. Destrozáronlle a vida.
– EP: Di que o director Oliver Laxe filma seres fráxiles. Compárao co pintor de Os comedores de patacas, Van Gogh.
– MR: Para referirme ao cinema de Oliver Laxe uso a palabra ‘fraxilidade’. No seu traballo está moi presente a fraxilidade dos seres. A vida que reflicte nas películas vai unida á idea de sutileza, á procura do matiz. O mundo é tantas veces tan bruto que esa procura da zona de sombra do ser humano soamente xermola ou se filtra se es quen de sentir esa fraxilidade e esa sutileza. Van Gogh era fráxil. Pintou desde os adentros.
– EP: Oliver Laxe é un home soamente.
– MR: Non é unicamente Oliver. Temos un movemento extraordinario de poetas en Galicia. Rosalía é unha nai fundadora, Galicia ten unha nai fundadora; non como outros países, onde os fundadores son guerreiros, heroes ou machos. Rosalía é unha célula nai, que sería o ecofeminismo do seu tempo. Escoitar á terra e as voces baixas da sociedade é unha tradición fértil. Galicia ten un horizonte enfermo ás veces, dicía Manuel Antonio; pero o noso rescate é a ollada que atravesa a historia da vangarda perenne da muller que se expresa na soidade solidaria, na soidade de comprender mellor aos outros e a propia terra. (…)”

Entrevista de Eva Veiga a Xosé Neira Vilas en De perfil (TVG, 1989)

Entrevista de Eva Veiga a Xosé Neira Vilas no programa De perfil (TVG):
De perfil é un programa de entrevistas que facía un percorrido pola biografía dos persoeiros convidados. O primeiro programa, que é o que se pode ver, consiste nunha conversa entre Eva Veiga e o escritor galego Xosé Neira Vilas. É unha entrevista en profundidade que dura uns 40 minutos. Pode verse aquí.”

“Decálogo da novela”, por Xosé Monteagudo

Desde Euseino?:
“Continúa a serie do Decálogo da novela, desta volta cunha achega de Xosé Monteagudo. O autor de Todo canto fomos propón unha concepción do xénero novelístico como aproximación ao inesperado e ao descoñecido, a aquilo que o relato agocha e, debido a ese mesmo ocultamento, tamén axuda a albiscar. A perspectiva, o estilo e o conflito trazan na novela as marcas da singularidade. A novela asolaga a consciencia de quen le, invade tempo e lugar, subsume a realidade nesoutra realidade que é a ficción.
Nesta sección que coordina e edita Iván García Campos, en semanas vindeiras imos continuar publicando novos decálogos sempre escritos por novelistas. A novela pénsase desde a novela, a ficción tamén é reflexión.

A novela como forma de vida
1) Carácter. Toda novela mostra sempre a personalidade de quen a escribe. No que conta e no que oculta. No que pon a énfase. Na perspectiva desde a que relata. Unha novela xorde por necesidade, para alumear algunha dimensión persoal. Ás veces, incluso contra a propia intención.
2) Lupa. A literatura máis grande é a que presta atención aos detalles máis pequenos. Incluso as novelas que relatan as historias máis coñecidas e universais valen só polo interese particular que lle outorgan aos eidos diminutos e insospeitados. Son os que lles confiren unha significación propia e celmosa. (…)”

Charo Pita obtén o premio do XV certame de Poesía Erótica Illas Sisargas con O cuarto de Jane

Desde o Concello de Malpica:
“O xurado da XV edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas escolleu a obra titulada O cuarto de Jane. Aberta a plica, a autora da obra resultou ser Charo Pita, escritora, actriz e narradora oral nada na Coruña en 1966. O seu traballo levouna a contar historias polo mundo (Alemaña, Polonia, Italia ou Nicaragua). Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidad de Salamanca, obtivo en 2001 o Premio de Poesía Espiral Maior co libro Desde Arcadia para Govinda e é autora dunha extensa obra de literatura infantil e teatro.
Na acta do certame consta que que “O cuarto de Jane, foi escollida unánimemente por ser un libro transgresor, pola súa beleza e pola frescura coa que se aborda o erotismo, sempre de forma directa, sen complexos, libre”. E engade que se trata dun “poemario moi ben construído, radicalmente heterodoxo, protagonizado por mulleres e onde a poesía brilla na transparencia de cada verso”.
O xurado acordou, asemade, conceder un accésit á obra rascamaceiras, enviada por Laura Ramos Cuba. Nada en Burela en 1993, graduada en xornalismo e comunicación audiovisual, Ramos Cuba ten colaborado en diversos medios do país como La Voz de Galicia, El Progreso, Sermos Galiza, Adiante, Coralia ou Novas da Galiza. Foi coordinadora do Portal Galego da Língua e voluntaria no Observatorio da Mariña pola Igualdade. En 2018 obtivo o certame de poesía Victoriano Taibo co libro A situación actual. É bolseira de comunicación no Parlamento de Galicia.
rascamaceiras, segundo di a acta do xurado, é un relato “profundamente lírico e á vez cotián cargado de fino erotismo e sostido nunha linguaxe poética na que destacan o coidado do vocabulario, o ritmo dos versos e a tensión das pausas”.
O xurado desta edición estivo formado por Paco de Tano, poeta e Presidente de Caldeirón, Leticia Naya Varela, concelleira de Cultura de Malpica e Medos Romero, poeta gañadora da XIV edición deste mesmo certame. A reunión do xurado tivo lugar hai uns días de forma telemática. O fallo ía ser anunciado, como é tradición, na Cea das Letras que Caldeirón organiza cada ano pero o evento debeu adiarse pola situación sociosanitaria.
Neste acto ía ter lugar tamén a presentación do libro gañador do ano pasado, Peixes que esvaraban ao unísono, de Medos Romero. O libro, editado por Caldeirón xa está dispoñible nas librarías. Será presentado en Malpica, xunto coa entrega do premio e a prometida actuación do dúo Aldaolado en canto as circunstancias o permitan.
En canto ao libro premiado este ano e o accésit, ambos serán publicados por Caldeirón en 2021 na colección Illas Sisargas.”