Miguel Calvo faise co V Premio Literario Pinto e Maragota

Desde Cultura Galega (foto: Concello de Pontevedra):
“O Concello de Pontevedra e Edicións Xerais daban a coñecer este 22 de outubro o fallo da quinta xeira do Premio Literario Pinto e Maragota. Miguel Calvo Marques impúxose neste certame centrado na diversidade sexual e de xénero que conta cunha dotación de 3.000 en metálico.
A obra, As esquinas, seleccionada entre 38 presentadas, “fala da violencia dunha vítima da violencia machista na nenez, mais tamén de saúde mental, autolesións, a necesidade de atopar vías de escape á dor. E introduce, dun xeito, testemuñal, a vergoña e a marxinación do protagonista dentro da familia polo feito de ser homosexual”.
Segundo apunta o Concello, “ademais de valorar a calidade literaria e riqueza lingüística da obra, o xurado destacou o carácter poliédrico da novela, na que numerosos personaxes, animais e obxectos se unen para contar unha historia chocante”.”

Ciclo de conferencias sobre Literatura Infantil e Xuvenil 2025

Esta actividade enfócase como continuación dos Cursos de Formación. Os camiños nas narrativas literarias e artísticas da Literatura Infantil e Xuvenil, dado que desde 2020 non se levaron a cabo no seu formato habitual anterior.
Está orientada á formación do futuro profesorado de Educación Infantil e Primaria, e a todo tipo de mediador/a, no seu quefacer profesional no marco de ámbitos básicos como son a formación artístico-literaria e a comprensión e expresión escrita e lectora.

Terán lugar estes dous encontros:

Lugo. O 30 de outubro, ás 14:00 horas, na Aula 1 da Facultade de Formación do Profesorado (Campus Lugo) da Universidade de Santiago de Compostela: Conversa con Antía Yáñez, presentada por Rocío García-Pedreira.

Santiago. O 4 de novembro, de 19:00 a 20:30 horas, na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Conferencia Ensinar co teatro ou ensinar teatro: diante e detrás do pano, por Raquel Castro, presentada por Marta Neira Rodríguez.

Nos dous casos, a entrada será libre até completar a capacidade.

A AELG colabora con esta actividade da Universidade de Santiago de Compostela, ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

Rexina Vega recibe o Fernández del Riego de Xornalismo

Desde Cultura Galega:
“A escritora Rexina Vega, profesora da Universidade de Vigo, fíxoxe co XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego co artigo Aínda aprendo, que foi publicado en 2024 na revista Tempos Novos. O artigo detense na importancia de “desposuír de relato” a palabra cancro, no que reflexiona sobre o xeito no que se fala da enfermidade e no que bota man da súa propia experiencia persoal no tratamento da enfermidade. O premio está dotado con 10.000 euros e foi entregado na Sede Afundación Pontevedra. “O artigo conta momentos duros, momentos que tarde ou cedo acaban chegando a cada vida, pero teimamos por agochar”, subliñando que a súa finalidade “era calmar a imaxinación, non incitala”.”