Carme Adán: “A violencia de xénero non é unha mostra da desigualdade, senón o elemento fundamental da mesma”
Entrevista de Montse Dopico a Carme Adán en Praza:
““Coñecer algo tan complexo como a violencia que se exerce sobre as mulleres é unha forma clara de tomar partido”. Así o di Carme Adán, autora de Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión, un dos libros que abren a colección de Galaxia sobre feminismos. Falamos con Carme Adán deste libro en conexión con moitos debates actuais arredor da violencia de xénero.
– Praza (P): Este libro nace para axudar a coñecer, a comprender, a violencia de xénero. O cal xa implica “tomar partido: é unha acción política”, segundo explica o limiar. En concreto, como xorde o libro?
– Carme Adán (CA): Coñecer nunca é un acto neutro, ningunha acción humana o é. Coñecer implica situarse nun marco de referencia, partir dunhas hipóteses, primar máis uns valores ca outros… Coñecer algo tan complexo como a violencia que se exerce sobre as mulleres é unha forma de tomar partido clara. Pensa como a extrema dereita pelexa polas palabras, sabe perfectamente que reducir a unha cuestión privada e doméstica a violencia contra as mulleres é involucionar décadas na conquista dos nosos dereitos. Por iso é tan importante chamala violencia doméstica para eles.
Sobre como xorde este libro é difícil responder… Non sei, décadas lendo teoría feminista, o traballo cando nova nas comisión feministas do BNG, o contacto directo coa violencia na Secretaría de Igualdade, a redacción da lei galega no 2006 e posta en marcha a partir do 2007, os debates parlamentarios, as vivencias con moitas mulleres que sufriron violencia, a experiencia propia, debates, charlas…
Mais a idea central xurdiu nun debate en setembro de 2015 no Parlamento mentres defendía a incorporación do termo feminicidio e de súpeto entroume a dúbida “filosófica” de “que é a violencia contra as mulleres?”… Foi como se despois de tantos anos as palabras encolleran e non foran quen de dicir ou explicar que é a violencia. Comecei a cavilar que a violencia non é unha mostra da desigualdade, senón que é o elemento fundante da mesma… Sobre esa idea comecei o traballo de relecturas e lectura novas e logo o da escrita.
– P: A epistemoloxía feminista, explicas, cuestiona as ideas de “neutralidade” e “obxectividade” do coñecemento desa ciencia occidental que durante tanto tempo xustificou a discriminación das mulleres. Por que é tan relevante ese cuestionamento?
– CA: O coñecemento é un proceso sempre inacabado e permeado de valores. Cando non recoñecemos os valores e pensamos que unha especie de “ollo divino” ve a realidade desde todos os puntos de vista… malo. A ciencia ten aspectos enormemente liberadores e tamén puntos cegos nos que contribuíu a manter e reproducir os prexuízos sobre as mulleres.
A posta en cuestión de nocións como o de obxectividade é algo que neste momento podemos dicir comeza a ser asumido por unha parte importante diso denominado comunidade científica. A obxectividade é unha convención máis, non unha calquera por suposto, e eu non creo que poidamos prescindir da materialidade do mundo. Porén, a idea dunha ciencia que descobre a verdade do mundo é algo xa superado. No referido en concreto ás mulleres, unha parte dos discursos científicos contribuíron a reproducir e perpetuar moitos dos estereotipos e prexuízos sobre nós. Sobre a nosa debilidade ou menor capacidade. Aínda hoxe perviven algún deles na teoría da medicina, a psicoloxía ou a bioloxía. (…)”
Betanzos: presentación de O parque do Pasatempo de Betanzos, de Ángel Arcay Barral
A Coruña: exposición en homenaxe a Perfecto Estévez
O 13 de marzo, ás 20:30 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos 16-18, 1º), inaugúrase a exposición de pintura sobre a serie Mulleres, de Perfecto Estévez, realizada en colaboración coa AELG.
Ese mesmo día agasallarase tamén cunha publicación realizada para a ocasión con textos dos seus amigos: Ignacio Basallo, Margarita Ledo, Manuel Lourenzo, Francisco Rodríguez, Felipe Senén e Henrique Tello.
Perfecto Antonio Estévez García, nado en Ourense o 27 de xullo de 1955 e falecido o 5 de maio do 2010 na Coruña, foi un pintor, cartelista e escenógrafo galego. Deseñador da editorial Espiral Maior e de A Nosa Terra. Colaborou con traballos gráficos co Concello da Coruña e coa Universidade, numerosos concellos galegos e tamén con distintas editoriais como Baía Edicións, ou Edicións Xerais de Galicia.
Foi tamén xeneroso colaborador realizando cartelería para un gran número de asociacións culturais.
Compostela: Polvorín de versos. (10) Prender
Bases do XVI Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego
Bases do 31º Premio de Novela Manuel García Barros
Bases do XXIII Premio Avelina Valladares de poesía
Eva Mejuto recupera heroínas do silencio
Desde Radiofusión:
“Lola, Amparo e Xulia eran tres mulleres, sen formación, que vivian en Ribadavia e de maneira silenciosa e altruista, sen ter unha adscripción política, forman parte dunha rede “que salva a persoas coas que non tiñan nada en común”. Teñen moito mérito e non quixeron nunca colgarse medallas, apunta a escritora. “Para os seus netos foi unha sorpresa, non deixaron rexistros escritos pero tiñan unha rede articulada con dous taxistas e un toneleiro que falaba inglés e axudaron a moitos xudeos a escapar da persecución nazi”. Memoria do silencio está publicada por Xerais na colección Fóra de xogo. Pode escoitarse aquí.”