Crónica videográfica da XII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú (I)

A XII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, coa que se tentou, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas/os especialistas na materia, propoñer unha reflexión ao conxunto da sociedade sobre a evolución da nosa cultura popular. A xornada tivo lugar o sábado 26 de outubro de 2019 no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Inauguración. Maite Ferreiro, Vicepresidenta da Deputación de Lugo:

Inauguración. Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG:

Conferencia: O romanceiro tradicional e a cultura galega: identidade, língua e normalização (I), por José Luís Forneiro:

Conferencia: O romanceiro tradicional e a cultura galega: identidade, língua e normalização (II), por José Luís Forneiro:

Conferencia: O romance tradicional; relación entre texto e melodía, por Dorothé Schuberth, Antón Santamarina, Lucía López Cedrón e Cástor Castro Vicente:

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Tito Pérez

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Tito Pérez, celebrado o pasado 9 de novembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

A Estrada: entrega do Premio Manuel García Barros 2019 a Berta Dávila

O 15 de novembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal da Estrada, celébrase a entrega do Premio de Novela Manuel García Barros 2019. No acto intervirán a gañadora Berta Dávila, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o alcalde da Estrada, José López e o Concelleiro de Cultura, Manuel Constenla Carbón.
A gala contará coa actuación musical da man dos músicos Suso Vaamonde e Xosé Luis Romero.

Javier Rodríguez González acada o primeiro premio no VIII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Desde Fervenzas Literarias:
Citerea de Javier Rodríguez González acada o primeiro premio no VIII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
Javier Rodríguez, natural de Ourense, álzase como gañador da VIII edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, Premio convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo. Unha edición marcada polo gran número de participación de obras, preto dun cento de orixinais recibidos.
O segundo premio recaeu na obra titulada A ferida, da que é autor, Manuel López Rodríguez, de Noia. Pola súa banda a viguesa Branca Trigo Cabaleiro, acadou o terceiro premio coa obra presentada baixo o rótulo O heroe de vidro. (…)
O xurado desta edición estivo formado por Aura Ramil, Armando Requeixo e Chema Felpeto.
O premio Leiras Pulpeiro leva convocándose dende o ano 2012 coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores.
A entrega do premio terá lugar o sábado, día 23 de novembro de 2019, segundo o seguinte programa:
12:00 h. Recepción oficial na Casa do Concello.
12:15 h. Ofrenda floral ante a tumba do poeta.
12:45 h. Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.”

II Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Contos e cantos de Tradición Oral

As II Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Contos e cantos de Tradición Oral son unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Terán lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (como chegar).

7 novembro 16:30
Paula Carballeira: Reinventando a tradición oral.

13 novembro 16:30
Bea Campos: Orella pendella: obradoiro para xogar cos ditos de sempre.