As persoas interesadas deben anotarse en ogalo.ac@gmail.com antes do 27/09/2018, indicado o nome e apelidos das persoas que acudirán ao roteiro, pois é o xeito de poder encargar o número preciso de audioguías.
Compostela: presentación de Loanzas sentidas e outros poemas, de Xoán Xosé Fernández Abella
O 19 de setembro, ás 19:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela (Praza de Mazarelos), Xoán Xosé Fernández Abella presenta Loanzas sentidas e outros poemas, publicado por Follas Novas. No acto participan, xunto ao autor, Benita Silva Hermo, Xesús Alonso Montero, Sabela Arias Castro, Pilar Sampedro, Luís Alonso Girgado e Rafael Silva Costoyas. Miro Casabella e Manoele de Felisa, pola súa vez, participarán musicalmente cantando textos do autor.
Pedregal de Irimia (Meira): VI Festa da Afirmación e Dignidade, o 22 de setembro
Pontevedra: presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás
Uxía Casal: “Supoño que nos modernizamos e aceptamos, por fin, que a literatura non ten por que ser plúmbea”
Entrevista de Montse Dopico a Uxía Casal en Praza:
“(…) – Praza (P): Ao mesmo tempo, había xa, claro, unha tradición de relato de medo na nosa literatura, (penso en Ánxel Fole, por exemplo), e por suposto unha tradición oral do mesmo. De que maneira poden estar os teus relatos conectados con esa tradición oral? (Que non é só galega, claro, senón de todo o mundo). Algúns dos teus relatos son moi axeitados para ler en voz alta…
– Uxía Casal (UC): Ás veces sinto non responder ao estereotipo de escritora “galega” que bebeu desde o principio da literatura do país, pero non é o meu caso. Nacín en 1957 nunha casa na que había moitos libros e, daquela, poucos estaban escritos en galego; formeime como lectora cunha mestura curiosa: Enid Blyton, Malcom Saville, Tagore, Jules Verne, Hermann Hesse… En fin, ao principio os autores e autoras que, a medida que ía medrando, coidaban axeitados para min na casa.
Peteirei de aquí e acolá, case todo o que tiña ao alcance da man e o que fun escollendo eu co paso do tempo. Lin, iso si, moitísimos contos, desde os marabillosos ou de fadas ata os de autoría individual, e como, por riba, sempre me gustou ler en voz alta, cando me puxen a escribir busquei sempre a cadencia e o ritmo, que soase ben e harmónico, que tivese música. A literatura galega de medo coñecina bastante máis tarde. Algo influíu en min, claro, pero a semente xa estaba botada.
– P: Hai, nos 14 relatos deste libro [Saturno tamén é deus], medo, terror ás veces, angustia, desacougo… María Reimóndez comentou nunha crítica doutro libro teu, Vidas exemplares, que é na “normalidade do cotián” onde “o terror e a violencia amosan a súa cara máis sinistra”, exercida por persoas “normais”. Por que sitúas o terror, a violencia, precisamente no cotián, na “normalidade”? (Aínda que en Saturno si hai algún elemento de fantasía).
– UC: Houbo unha época na que accedín a relatos que se baseaban nese terror que partía do cotián, nese medo que xurdía do que en aparencia era seguro, pero que agachaba sorpresas inquietantes; quizais non haxa nada máis inquietante que iso que coidamos familiar se transforme en pavoroso dun momento para outro. Gustoume xogar con iso, se cadra porque é o que máis nos pode trastornar: perder a seguridade no familiar e cotián.
Tamén influíu, claro, a miña imaxinación ardente que me levou a experimentar episodios de auténtico pavor, cando era aínda unha adolescente, ao ocorrérseme ideas que lle daban a volta á realidade. Saturno contribuíu moito, moito, a que eu perdese os meus medos “irracionais”.
– P: Os relatos tecen, en Saturno, relacións entre si. É evidente no caso do primeiro e o último, nos que hai continuidade no personaxe. Mais logo pode haber nexos, por exemplo, entre o segundo -un home solitario e machista ao que acaba saíndolle unha muller de dentro-, e o 12º, no que unha muller maltratada loita, como pode, contra o seu maltratador. Es consciente destes nexos? Tiñas, na época, intención de denunciar a violencia machista e, en xeral, o machirulismo, ou é unha lectura que podemos facer máis ben desde a perspectiva de hoxe?
– UC: A relación entre o primeiro relato e o último está buscada, é evidente. Entre o segundo e o duodécimo, non. O segundo naceu dunha teima que tiña eu daquela: para min estaba claro que o feminino e o masculino eran as dúas caras dunha mesma moeda; supoño que escollín un home como protagonista porque me parecía que eran máis remisos a aceptar os aspectos femininos da súa propia psique.
Pareceume unha especie de vinganza poética que fose xusto a el –un home gris e convencional– ao que lle ocorre unha transformación que o leva, non só a aceptar os aspectos femininos dentro de si, senón tamén a desexalos para sentirse un ser humano completo. O duodécimo foi máis un desexo de querer xogar coa ambigüidade, de despistar o lector para facelo dubidar entre a realidade e a imaxinación. Creo que ese xogo non o conseguín moi ben, se cadra porque me deixei levar polo meu aborrecemento cara aos maltratadores.
Sobre a segunda parte da pregunta, hai trinta anos –cando eu comecei a escribir estes relatos– o mundo era, creo, máis machista ca agora, aínda que non se falase tanto do tema. Recoñezo que este é un tema do que non me gusta demasiado comentar, quizais porque teño moi presentes os machirulos cos que me topei –sen ser xa unha nena- e que teñen nomes coñecidos, ás veces valorados (mesmo idolatrados) por unha crítica da que chegas a pensar “pero, como?, como pode este ou aquel verlle valor a este libro escrito por A ou por B e que a min me parece mediocre?”, “como pode considerarse este autor marabilloso se non é máis ca un foguete de feira?”. Claro que é a miña visión e, polo tanto, única e intransferible. (…)”
Booktrailer de Pantallas, de Celia Parra
Fase Lunar fanzines (proxección para Cervatos, de Lucía Novas)
Vídeo realizado pola artista plástica Natalia Umpiérrez para proxectar nas presentacións do libro Cervatos, de Lucía Novas.
Fernando Redondo gaña o XXIII Premio Reimóndez Portela cun artigo sobre o cine galego
Desde o Diario de Pontevedra:
“O xornalista Fernando Redondo Neira foi galardoado co Premio Xornalístico Reimóndez Portela, na súa vixésimo terceira edición fallada na Estrada. O xurado concedeulle o galardón polo artigo Derivas e encrucilladas do novo cinema galego, publicado na revista Tempos Novos.
O xurado, que agradeceu a presentación dunha vintena de traballos e destacou a calidade dos mesmos, valorou do artigo gañador “a impecable redacción e plantexamento, sendo preciso e concreto, ben informado e moi documentado”.
Nesta ocasión, a deliberación correou a cargo do concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, como presidente do xurado, Victoria Reimóndez Sanmartín, Evaristo Mato Oliveira, Enrique Otero Fernández e Juan Andrés Fernández Castro, exercendo como secretario con voz pero sen voto José Manuel Bouzas Blanco.
O premio, que está dotado con 1.000 euros, unha talla conmemorativa e un diploma acreditativo, entregarase no transcurso da 32ª Feira do Moble de Galicia, concretamente o venres 21 de setembro ás 19:00 horas.
O acto, que presidirá o alcalde da Estrada, José López, e que contará coa presenza de persoeiros do ámbito cultural de Galicia, estará precedido dunha ofrenda floral a cargo do Coro Parroquial de San Miguel de Castro e será presentado pola profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do Dicionario de Literatura Galega publicado pola Editorial Galaxia, Dolores Vilavedra Fernández.”
Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A lectura como ferramenta de equidade
O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A lectura como ferramenta de equidade é unha actividade onde a AELG colabora ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Ledicia Costas, Yolanda Castaño, Carlos Negro, María Lado e Esther Carrodeguas ofrecerán os martes de outubro cadansúa intervención, sempre a partir das 18.00 e na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense) da Universidade de Vigo, reflexionando sobre a lectura como ferramenta para a equidade nesta cuarta edición do ciclo, coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Ciencias de Educación, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).
A entrada libre, con inscrición gratuíta en imocino@gmail.com se se quere acceder ao recoñecemento de 15 horas para créditos de libre elección.
2 outubro | Ledicia Costas | Luces e monstros, da realidade á fantasía
9 de outubro | María Lado | Como pode a literatura cambiar (un pouco) a túa vida
16 de outubro | Yolanda Castaño | Chaves en letra miúda
23 de outubro | Carlos Negro | Versos para especies diversas (menú de aula)
30 de outubro | Esther F. Carrodeguas | Cambiar coas palabras