Entrevista a Manuel Rivas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): No libro maniféstaste Contra Todo Isto, pero se tiveses que identificar Todo Isto cunha cousa, cun conceito, cunha idea, con que o identificarías?
– Manuel Rivas (MR): O libro arrinca cunha palabra que actúa como unha especie de dínamo que mobiliza o resto das palabras. A Vergoña. A palabra Vergoña.
– SG: Unha palabra fetiche?
– MR: É unha boa palabra. Porque cando sentes vergoña de algo é que tomas conciencia dese estado de inxustiza. Mentres non tes esa sensación de vergoña… Eu tamén procurei non utilizar demasiado a terminoloxía discursiva… Non é un libro que nacera dunha elaboración teórica. Máis ben nace desde a propia linguaxe. As palabras notas que están inquietas, queren dicir. Porque non sempre as palabras queren dicir. Vivimos nun tempo de moita desconfianza na linguaxe. Normal, porque está sendo manipulada constantemente. Hai unha corrosión das palabras. Aquilo que dicía Samuel Becket: “Hai que sacar as palabras co tirarrollas”. E dicíao nunha época -lembremos que escrebe Esperando a Godot despois da segunda guerra mundial- en que a linguaxe estaba moi queimada. É cando fai esa análise extraordinaria Victor Kemplerer, o filólogo xudeu que consegue sobreviver e que nos entrega A linguaxe no III Reich. Nese libro relátanos como as palabras pavimentaron o camiño cara ao horror, cara a Auswichtz. Hoxe en día tamén a manipulación das palabras está a pavimentar o camiño cara ao post-fascismo, un réxime autoritario ao que non lle vemos ben a cara. (…)
– SG: Sobre as redes sociais, reflictes tamén sobre un aspecto do que penso que non somos excesivamente conscientes: o feito de que hai empresas multinacionais que se lucran a costa da mercantilización das nosas vidas privadas, que poñemos on line en troca de nada. Falas de “grandes maquinarias comerciais, para os que somos non só clientes, senón valiosa materia prima que vender”.
– MR: É un control social como nunca se coñeceu. Un control evidentemente que ten uns fins comerciais. Vemos como en pouquísimo tempo as empresas de big data, as axencias de dados, viraron nas compañías máis poderosas. É un proceso exponencial, aceleradísimo. Un deses gurús dicía que dentro de 10 anos xa estaremos todos na nube, non? [risos] E sabía ben de que falaba. Agora xa está todo na nube. E todo isto, que vai en paralelo ao proceso de robotización, o que conleva é unha doma do ser humano, unha escravización, o control das mentes e tamén un abaratamento da condición humana. Como está todo absolutamente desregulado, hai unha especie de impunidade trans-fronteriza con todo isto. Unha das cousas que xa se albiscou coa última campaña americana -velaí o asunto de Cambridge Analytics (por certo, un dos donos é este Steve Bannon, o ideólogo de Trump do que falamos antes)- é que xa non só estamos a falar do que saben de nós, senón do que imos facer nós. Teñen dados sobre o que somos e sobre o que supostamente seremos. Fano através do que chaman Intelixencia Artificial e que nós ben poderíamos chamar Estupidez Artificial. En fin, chega un momento en que deberíamos -xa se está niso, xa hai movimentos- poñer un pouco de distancia. Houbo unha especie de inxenuidade en toda esta cuestión. Todo este entusiasmo coa nova cacharraría. Este entusiasmo de facer cola para comprar o último modelo Iphone. Apuntarse a todas as redes. Estar aquí, estar alá. Eu propio teño unha cota. Non é que teña moito, mais teño unha conta de twitter, que fixemos polo de Luzes. Mais todos os días estou pensando que facer con todo isto. Debería haber unha revolución fronte á estupidez artificial.
– SG: Imos concluíndo. Falas da Man Invisíbel do Mercado e contrapola á Man Común. Mais logo falas da fragmentación desa Man Común. Falas dun personaxe dun conto de Onetti que era un militante dun dos 17 grupos trotskistas de Santa Fe [risos]. Hai algo que facer fronte a esta fragmentación ou nos resignamos?
– MR: Home, eu creo que non hai que se resignar. O tesouro que temos é obrigado. Nese “acordo secreto de xeracións” sabíano moi ben, non? E os momentos en que se resgatou a esperanza, que os hai, que vemos como faíscas, como vagalumes na historia, son eses momentos en que dentro da diversidade, e do libre pensar, dáse unha liberdade solidaria. Houbo un problema histórico, un erro, que foi o de considerar que o interese común, o colectivo, o interpretaban sempre os líderes. E aí determinados asuntos -de xénero, de liberdade individual, de dereitos sociais- ficarían aprazados para o momento de ter o poder e xa… (…)”
Siro: caricatura, humor e arte para deformar a realidade
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Siro, o caricaturista, pintor e teórico da arte, vén de publicar dous libros no mes de maio, e catro o ano pasado. Neles reflexiona sobre a historia da caricatura, o humor no Quixote ou como Castelao formou parte da vangarda gráfica europea. (…)”
Alberte Momán presenta Tripas como un punto de inflexión
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Un punto de inflexión. Así presenta Alberte Momán Tripas, o poemario que publica Belagua en edición bilingüe galego-castelán. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Faleceu o escritor Plácido Betanzos aos 65 anos
Desde Fervenzas Literarias (foto da Wikipedia):
“O sábado 2 de xuño faleceu o escritor, profesor e político ribeirense Plácido Betanzos.
Betanzos naceu no ano 1952 en Palmeira (Ribeira) e foi profesor de tecnoloxía no I.E.S. Leliadoura de Ribeira. Na súa vertente política foi voceiro do BNG de Ribeira entre os anos 1992 e 2002, sendo candidato a alcaldía dese mesmo concello nos anos 1995 e 1999.
Como narrador gañou algúns certames de relato e publicou varias novelas, a última Bágoas na chuvia, publicada hai un par de anos en edicións Fervenza.”
María Reimóndez: “Non fai falla ser ‘extraordinaria’ para deixar de mirar para outro lado e intervir. Todas temos ferramentas para a rebelión do día a día”
Entrevista de Montse Dopico a María Reimóndez en Praza:
“(…) – Praza (P): Tanto A música dos seres vivos como As cousas que non queremos oír forman parte do Ciclo dos elementos. Cada novela desta serie desenvolve unha personaxe. Foi desde o principio un proxecto de serie, ou xurdiron o resto das novelas a partir da primeira? Haberá máis?
– María Reimóndez (MR): O ciclo está deseñado como tal desde o principio. Todo tiña que estar predeseñado, esbozado desde o principio, para que o conxunto funcione. Despois en cada novela vou desenvolvendo unha personaxe en particular, pero a historia de fondo, as relacións entre as personaxes, están pensadas desde o inicio. Cada unha das novelas é autocomprensible: pódese facer unha lectura individual de cada novela. Pero quen as lea todas terá outra historia que non coñece quen non o fai. E si, vai continuar. Faltan tres entregas.
– P: Non sei se haberá outra serie tan longa na literatura galega…
– MR: Penso que non a hai, non. Cando naceu este proxecto, eu quería contar a historia de tres personaxes: Gaia, Aurora e Clara. Pero cando comecei a investigar e a facer probas decateime de que era unha historia demasiado complexa para contala nunha soa novela. Ademais, había personaxes, ademais desas tres, das que tamén me interesaba contar máis. Tamén penso que é un proxecto diferente: non é un conxunto de novelas que poden ter relación entre si nin unha saga que continúa dunha novela a outra. É un modo distinto de entender a escrita e tamén a relación coas lectoras, que actúan de cómplices e participan de xeito necesario na construción do relato.
– P: Tanto Aurora, en As cousas que non queremos oír, como MK, en A música dos seres vivos, son arrincadas do lugar no que vivían para emigrar a outro. Aurora vai de Cataluña a Galicia. MK de Támil Nadu a Escocia. No caso de MK, a nai tenta ensinarlle a esquecer a súa cultura. No de Aurora, é ela quen renega do rural, do lugar de orixe da familia. Supoño que pode representar a experiencia de moitas crianzas de familias migrantes mais, por que escolliches ese conflito, crucial nos dous libros, -o do alleamento-?
– MR: En todas as novelas do Ciclo dos elementos está presente a identidade, a xestión das identidades non hexemónicas. O xermolo do ciclo está aí. No caso de Saínza, a protagonista de Dende o conflito, é unha identidade forxada na súa relación coas periferias do mundo como xornalista de guerra que é. No caso de Gaia, a de En vías de extinción, é pola súa orientación sexual, por ser galego-falante… No caso de MK e Aurora é, si, pola migración, aínda que son migracións distintas, con resultados distintos. Aurora, que pode que non sexa a personaxe máis simpática, non ten os recursos que ten por exemplo Saínza para xestionar a alteridade. Non ten recursos para afrontar a situación, a identidade non hexemónica, en positivo, que é o que fai MK a través da súa arte, da súa música, Saínza a través do xornalismo e Gaia a través da rebeldía. MK é quen de recompoñerse, de aceptarse. Aurora non é quen de superar o conflito identitario que ten. (…)”
Crónica fotográfica do Paseo Literario por Compostela con Diego Ameixeiras
Estas son algunhas das fotografías do Paseo Literario por Compostela con Diego Ameixeiras que tivo lugar o 31 de maio. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Tabela dos libros. Xuño de 2018
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros de xuño. A seguir ofrécese a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
A Coruña: presentación do número 2 da revista de estudos rosalianos Follas Novas
A cuarta feira 6 de xuño, ás 20:00 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos 16-18, 1º), na Coruña, preséntase o número 2 da revista de estudos rosalianos Follas Novas. No acto participan Anxo Angueira, Xosé Luís Axeitos, Pilar García Negro e Diego Rodríguez González.
Iolanda Zúñiga: “Marleen MaLone está feita con retallos de vida de moitas mulleres”
Rosario Álvarez Blanco é elixida Presidenta do Consello da Cultura Galega
Desde o Consello da Cultura Galega:
“O Pleno da institución votou favorablemente a candidatura de Rosario Álvarez Blanco, única presentada para a presidencia do Consello da Cultura Galega trala finalización do mandato de Ramón Villares. A nova Presidenta do CCG xa ostentaba a vicepresidencia da institución desde 2010.
Rosario Álvarez comparecerá como presidenta electa no Parlamento de Galicia nas datas que fixe esta institución e o seu nomeamento será efectuado no Consello da Xunta de Galicia, tralo que será publicado no Diario Oficial de Galicia. Trala súa incorporación oficial, o Pleno do Consello da Cultura Galega elixirá os membros da Comisión Executiva por proposta da presidenta.
No seu discurso de presentación, Rosario Álvarez debullou as liñas estratéxicas da súa candidatura, que definiu como de “continuidade, non continuísmo” e como unha nova etapa que incorporará “novo pulo, novos retos e novos modos” á institución. Álvarez destacou a súa aposta pola xestión participativa e por “explotar ao máximo a fortaleza representativa do CCG” e o seu “carácter referencial” para a cultura galega.
Rosario Álvarez subliñou a necesidade de traballar desde o CCG pola igualdade de xénero na cultura, pero tamén na igualdade de oportunidades no acceso a esta, a través de tres eixos: “a idade, o territorio (eixo atlántico /provincias orientais) e o hábitat”. (…)”