Desde Chamando á Terra, da Radio Galega:
“Entrevistamos a autora e editora Antía Otero polo seu debut na literatura infantil con O branco non pinta!, e á ilustradora do álbum María Brenn. Pode escoitarse aquí.”
Berta Dávila, autora de A pel do mundo
Desde Chamando á Terra, da Radio Galega:
“Escoitamos na voz de Pepe Carreira un cachiño do libro A pel do mundo, que edita Galaxia, e falamos coa súa autora Berta Dávila. Pode escoitarse aquí.”
“O rock and roll do Long Play, de Lois Pérez”
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Un disco para ler. Pode escoitarse a entrevista ao autor aquí.”
A arquitecta Ruth Varela presenta o seu ensaio sobre a Flor de Santiago
Desde a Televisión de Galicia:
“Acaba de presentarse en Compostela o libro Flor de Santiago. Recolle os dez anos de investigación da arquitecta Ruth Varela sobre a historia dunha flor sagrada para os aztecas que viaxou de México a España no século dezaseis. Aquí foi rebautizada con ese apelido de Santiago polo intercambio cultural, científico e relixioso que comezaba daquela entre as dúas terras. Pode verse aquí.”
Carlos Lixó: “Eu acredito, contra os tópicos, que é posíbel que a cidade sexa un territorio máis represivo que a aldea”
Entrevista de Montse Dopico a Carlos Lixó en Praza (foto de Alberte Paz Calo):
“O rural despois do rural. A aldea que xa non é habitada por unha sociedade campesiña, un lugar no que a vida se desenvolve igual que na vila ou na cidade. É o espazo no que se sitúa o poemario co que Carlos Lixó gañou o último Pérez Parallé de poesía co título Murallas de pedra sen cemento que duran para sempre, mais que será publicado, finalmente, co nome As casas. “A miña intención”, di o autor, “era elaborar unha visión do imaxinario das persoas que nos criamos no escenario da ruralidade pero que xa nunca chegamos a coñecer nada do mundo agrario”. Mais o libro é máis ca iso. Explícao el mesmo nesta entrevista.
– Praza (P): Podería ser un libro sobre a infancia e a aldea. Mais, máis que unha sorte de reivindicación dun rural que esmorece, parece que se está a falar da propia identidade e da súa relación co espazo da aldea. Un neno que quería ser da aldea mais, en realidade, era da cidade. Por que?
– Carlos Lixó (CL): Lera unha vez a Antía Otero dicir algo así como que o rural non esmorece, que xa morreu. Non só estou de acordo con ela, senón que creo que este poemario se encontra no paso seguinte desa cadea de evolución lóxica. O rural despois do rural. Quero dicir, non é que o neno sexa de cidade, certamente o poemario sucede na aldea.
Mais é unha aldea que xa non acolle unha sociedade campesiña. É unha aldea na que a vida se desenvolve igual que nunha vila ou nunha cidade, excepto polos restos que permiten intuír que aí antes houbo outra cousa. Ese conto que se lle ouve a unha avoa e que parece un disparate. Esas paredes da casa vella na planta baixa do chalé. Dalgunha maneira a miña intención era elaborar unha visión do imaxinario das persoas que nos criamos no escenario da ruralidade pero que xa nunca chegamos a coñecer nada do mundo agrario. E aí é que se incrusta a identidade, con máis forza que o espazo.
– P: Non é, para nada, unha aldea idealizada. Iso non é ningunha novidade na literatura galega. Mais o teu libro fala de violencia dun xeito moi directo. De violencia de xénero, en concreto. E de violencia patriarcal, en xeral -un pai autoritario, por exemplo-. Que relacionas coa pobreza ou coa idea da familia tradicional. Por que esa presenza?
– CL: A verdade é que a min nunca me viría á cabeza que a violencia, e concretamente a violencia de xénero, fose un tema cun peso destacado no libro. O mesmo que a respecto do rural, non hai intención consciente de reivindicación ou de emenda. Aparece como unha parte da paisaxe humana. Mesmo na familia máis comedida hai dalgunha maneira certo pouso de violencia, non necesariamente física. Case todo se funda sobre o traumático.
Eses episodios sempre parecen moi lonxe mais nunca o están. Non sei, se cadra tamén vinculo que moitas persoas maiores renuncien á súa orixe labrega e vexan o feito de que os seus netos nos criásemos fóra diso como un éxito persoal, con como ás veces falan do pasado como unha época de especial agresividade. Fronte á imaxe gris que moitas veces se impón sobre o pasado recente en Galiza, onde non acontece case nada, eu percibo violencia e intensidade, vexo algo vibrante e salvaxe tanto no bo como no insoportábel. (…)”
Crónica videográfica da II Xornada da Sección de Literatura Dramática: O papel da literatura dramática no proxecto dun teatro nacional
A II Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG, baixo o título O papel da literatura dramática no proxecto dun teatro nacional, tivo lugar o sábado 2 de decembro no Quiosco Afonso (Xardíns de Méndez Núñez), na Coruña, unha actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Concello da Coruña.
Dentro do seu programa tivo lugar a clase maxistral “O proxecto da Sala Beckett de Barcelona. Obradoiro internacional de dramaturxia e a importancia da autoría teatral nun país como Catalunya”, a cargo de Toni Casares, director artístico da Sala Beckett.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa:
– Intervención de Afonso Becerra, vogal de Literatura Dramática da AELG:
– Clase maxistral de Toni Casares:
– Coloquio:
Bases do VIII Premio Narrativas Quentes
“1. Poderá concorrer a este premio calquera obra narrativa inédita, sexa novela ou relatos, cunha extensión mínima de 60 folios mecanografados a dobre espazo e máxima de 150, que estea escrita en lingua galega, e que a temática teña relación co sexo, co erotismo.
2. Os traballos deberán enviarse por triplicado. Adxuntarase sempre o enderezo, teléfono e correo electrónico, e unha fotocopia do DNI en sobre á parte.
3. Prazo límite de presentación: 15 de xuño de 2018.
4. Haberá un único premio que consistirá na publicación do texto premiado. Dito premio pode quedar deserto.
5. O fallo do xurado farase público o seis de setembro de 2018, e acto seguido presentarase a edición da obra premiada.
6. Os orixinais non premiados non serán devoltos.
A obra a concurso e a documentación relativa remetirase ao seguinte enderezo:
EDICIÓNS POSiTiVAS
VII PREMIO NARRATIVAS QUENTES
Rúa das Carretas, 18, baixo
15705 SANTIAGO DE COMPOSTELA”
Lalín: presentación de De baleas, de Eduardo Estévez
O mércores 3 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Café Casino (Rúa Monte Faro, 8), en Lalín, preséntase De baleas, de Eduardo Estévez, publicado por Caldeirón. No acto intervirá, xunto ao autor, Celso Fernández Sanmartín e Benxamín Otero.
Xosé Constenla gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2017
Desde Galaxia:
“A obra O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país, de Xosé Constenla Vega, resultou hoxe gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2017, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano, amosa unha fonda elaboración teórica que logra demostrar a necesidade dunha lectura xeográfica da realidade que xera unha proposta politica con futuro. A vontade de transcendencia da obra demostra a posibilidade de reinterpretar Galicia desde unha perspectiva esperanzadora e, sobre todo, útil para a intervención no territorio.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Dolores Vilavedra Fernández, Luís Alonso Girgado, Manuel Núñez Singala, Inma López Silva e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.
Licenciado e Doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Constenla Vega é técnico especialista en Sistemas de Información Xeográfica (2006). Foi profesor de Xeografía na Universidade da Coruña, na Universidade Carlos III de Madrid e investigador no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Traballou durante 8 anos como xeógrafo na Área de Urbanismo e Ordenación do Territorio de IDOM. Na actualidade é profesor da Universidade de Vigo na área de Didáctica das Ciencias Sociais e tamén na Universidade de León na Área de Xeografía Humana. (…)”
Alma e o mar, unha novela de Francisco Fernández Naval
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”É o maior reto da miña experiencia literaria”, di o autor. Esta publicación de Galaxia aborda as violencias contras as mulleres. A entrevista pode escoitarse aquí.”