Faleceu Isidro Novo

Con profunda dor a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega comunica o pasamento do seu membro do Consello Directivo até 2017, o escritor Isidro Novo. Á calidade humana e á excelencia do seu múltiple traballo como creador súmase o compromiso activo e propositivo na defensa da cultura, da lingua e da literatura culta e popular. Foi vogal da AELG por Lugo e membro fundador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e partícipe en todas as iniciativas que desenvolveu (Xornadas de Literatura de Tradición OralPolafías, Obradoiros de Narración Oral, Letra das FestasGala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria), alén de coordinador do portal “Palabras con Memoria” da web da AELG. Destaca tamén o seu papel como excepcional guía en diversos obradoiros de creación literaria.

No seu espazo da web da AELG pódese ver unha mostra da súa traxectoria.

O seu corpo está no Tanatorio de Velatorios Lucenses As Arieiras (Camiño do Seixo, s/n, Lugo –como chegar). A incineración terá lugar o venres 2 de febreiro, ás 19:00. Estase organizando un acto de despedida previo en forma de recital, que terá lugar no propio tanatorio sobre as 18:30.

Morreu unha Mestra da Memoria, morreu Manuela Cortizo Medal, Manuela de Barro

A AELG lamenta fondamente a perda dunha das súas Mestras da Memoria.
Manuela de Barro, tamén coñecida por Manuela das Marianas, nacera o 13 de xullo de 1930 en Cerdedo (Pontevedra). De nena trasladouse ao lugar de Barro de Arén, no mesmo concello, onde residiu desde aquela. Alí casou con José Álvarez Sieiro, criou dúas fillas, Sinda e Ana, e dedicouse aos labores do campo.
Da súa tía, Mariana Cortizo Lorenzo, aprendeu os primeiros cantos que, coa súa prodixiosa voz, axiña lle deron renome e prestixio en toda a comarca. Tras unha vida intensa, dura, apenas escolarizada, cando chegou á xubilación promoveu a creación da agrupación “Pandereteiras de Barro de Arén”, grupo que chegou a gravar un disco e que achegou ao panorama da música popular tradicional un repertorio infinito de coplas e cantigas extraídas da memoria prodixiosa de Manuela. Con esta agrupación tamén participou en programas de radio e televisión, e foi entrevistada por numerosos investigadores do folclore popular galego, cuxo resultado se pode comprobar en libros como Cantares de Manuela de Barro, de Calros Solla, e Cantareira de Barro de Arén. Manuela Cortizo Medal, de Xosé Lois Foxo. O seu repertorio como cantareira é moi amplo: cantos de ronda, de berce, Reis, Nadal…, cantares de oficios (de arrieiros, alfareiros…), parrafeos, romances (históricos, de cego …), coplas de todo tipo, interpretadas con ou sen acompañamento da pandeireta.
Manuela foi unha muller alegre, de voz potente e transparente. Da calidade da súa voz, a mesma daquela nena á que ás súas tías lle pedían que cantase mentres alindaba as vacas polo monte para saber onde andaba, dá unha cabal idea o apelativo que lle dedica o escritor Calros Solla, biógrafo e gran recompilador do inmenso arquivo da súa memoria, cando a define como a “Monserrat Caballé de Terra de Montes”.
Poucas veces tropezamos nas nosas camiñadas polo país con persoas tan sensibles e amantes da cultura tradicional, tan preocupadas pola recreación e difusión dos cantos e das músicas populares. Grada na súa memoria milleiros de pezas para cantar, pero tamén contos e lendas ou historias da súa querida Terra de Cerdedo.
Por todos estes méritos o concello de Cerdedo concedeulle a Medalla de Ouro, o concello de Forcarei a Medalla “Gaiteiro de Soutelo”. Conta co Diploma da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e co Diploma “Mestra da Memoria”, concedido pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) o ano 2013.
Deixounos onte, 31 de xaneiro de 2018. Será enterrada hoxe, 1 de febreiro. A saída do Tanatorio de Cerdedo (sala 2) está prevista para as 16.45 cara a Igrexa Parroquial de San Xoán de Cerdedo, onde se celebrará o funeral ás 17.15.
Vexa o fondo videográfico coas participacións de Manuela Cortizo no Proxecto Polafías.”

María do Cebreiro fálanos do seu novo poemario A lentitude

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A ultima vez atopámonos con ela en O Deserto… daquela viña dun proceso de convalecencia… Agora María do Cebreiro continúa en proceso… e arrástranos canda ela cos versos de A lentitude… que di, na contracapa do libro, nos aproximan á mística, ao zen, ás sentencias morais… á intimidade confesional… A entrevista pode verse aquí.”

“Castelao: raíces, árbore e froitos”

Entrevista de Xesús Fraga a Miguel Anxo Seixas Seoane en La Voz de Galicia:
“«Castelao é máis evocado que visitado». A frase de Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1970), quen vén de poñerlle o ramo a sete anos de intenso traballo académico sobre o intelectual -nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado en Bos Aires o 7 do mesmo mes en 1950-, resume a necesidade de afondar nunha figura tan influínte como complexa. Próbao o feito de que a tese de doutoramento de Seixas –Castelao. Biografía dun construtor da nación, dirixida por Lourenzo Fernández Prieto e cualificada con sobresaliente cum laude– sexa das poucas sobre o escritor, artista e político. E coa novidade de achegarse á súa vida dende unha visión holística.
Hai factores externos e internos que contextualizan esas achegas parciais a Castelao en detrimento dunha máis global. Primeiro, o franquismo fixo todo o posible por desfigurar a súa memoria a partir de 1936; dous feitos son sintomáticos disto: cando morreu en 1950 a información oficial foi cativa e centrada na súa faceta como artista e cando Galaxia publica en 1953 Os vellos non deben de namorarse aínda tardará varios anos en esgotar os douscentos exemplares da primeira edición. Xa que logo, cando morre o ditador en 1975, «é un descoñecido para as novas xeracións», di Seixas. E segundo, o seu labor múltiple facilita a fragmentación: «É coma un acio de uvas, cada un colle a que quere, ou un hotel, onde sempre hai un cuarto que che gusta máis», explica o historiador. «Un colle o debuxante, outro o escritor, outro o político…».
O propósito de Seixas era pescudar nun Castelao de «raíces, árbore e froitos», no que o home, a árbore, «unha figura exemplar», tamén contribuíse ao entendemento da «obra excepcional». Así, deste perfil de conxunto pódense extraer conexións na obra, como a que enlaza o debuxo dunha rapaza nova cun home rico e que semella anticipar Os vellos non deben de namorarse. Ou sintetizar o pensamento político de Castelao en catro termos: «Republicano, federalista, demócrata e nacionalista solidario». (…)”

A Rede Galega de Teatros e Auditorios achégalle ao público de Tui seis espectáculos

Desde Agadic:
“O Teatro Municipal de Tui ofrecerá durante os meses de febreiro e marzo seis espectáculos de teatro, música e maxia como escenario da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto financiado pola Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e as entidades xestoras dos seus 44 espazos asociados.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta axenda cultural xunto ao alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín; o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente, Eduardo Martínez Freiría, e os representantes da meirande parte das compañías galegas que lle dan forma á nova carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios no escenario tudense. Nel actuarán Mamá Cabra, Culturactiva, Cayetano Lledó, Sarabela Teatro e Baobab Teatro, ademais da formación catalá Titzina Teatre.
Musical para público familiar
A programación arrancará o venres 2 de febreiro (20,00 h.) co musical para público familiar O paxaro amigo-Músicas para a paz, de Mamá Cabra, ao que seguirá o sábado 3 (20,30 h.) La zanja, traxicomedia de Titzina Teatre que propón unha viaxe paralela entre o presente e o pasado para transportar os espectadores á época do descubrimento de América.
Xa en marzo, será a quenda de Falar sen cancelas (venres 2, 21,30 h.), espectáculo de humor de Culturactiva que xunta sobre o escenario a Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz; Sherlock Holmes (sábado 3, 19,00 h.), do mago Cayetano Lledó; O rei morre (venres 9, 21,30 h.), montaxe de Sarabela Teatro dirixida por Ana Vallés, e Pum, pum! (sábado 10, ás 19,00 h.), proposta de Baobab Teatro para público infantil.
Ademais da súa oferta en rede, o Teatro Municipal de Tui ofrecerá dúas proxeccións cinematográficas os días 9 e 10 de febreiro: o filme de animación Ballerina e a longametraxe de produción galega kmaría (e os demais). (…)
As entradas para asistir aos espectáculos da Rede en Tui estarán á venda no despacho de billetes do Teatro Municipal desde hora e media antes do comezo da función, así como en www.culturatui.info desde unha semana antes e ata as 12,00 h. do día da representación.”

“Non outra novela máis sobre a Guerra Civil”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Dá a sensación, cando falamos da Guerra Civil española, que xa todo está escrito e que nada queda por levar ao papel. Que dalgún xeito todo o de irresoluto que ficou atrás do conflito está a pairar fisicamente sobre a nosa realidade mais que na cuestión literaria a tinta xa ten secado como o sangue en cicatrices vellas. Pero tamén dá a sensación de que só a tinta masculina ten contribuído a esta teima de sanación. Son moitas e moi boas as liñas que se concentraron a falar do conflito (sen contar con lateralidades, marxinalidades, tanxencialidades, testemuños, alegorías e derivativos que ten dado a guerra e as súas consecuencias), mais, canto hai de feminino na escrita, ben de ficción ben testemuñal, da Guerra Civil? (…)
Ocorre igual en Galiza, hai esta escaseza? Podemos dicir que, na ficción narrativa e en masculino, si. É abondosa a narrativa escrita por homes que andou a refollar no antes-durante-despois da Guerra Civil. Outra cousa diferente é a memoria e aquí poderiamos rescatar a prosa testemuñal de Syra Alonso nos seus Diarios ou de Mariví Villaverde en Tres tempos e a esperanza (Colección Mulleres, A Nosa Terra), Residente Privilexiada de María Casares (Trifolium).
Na ficción narrativa a guerra ou o período de represión e loita antifranquista posterior é un algo de esguello en Atracción total de Carmen Blanco (Xerais), Seique de Susana S. Arins (Através editora) e As mans da terra de Laura Rey Pasandín (Toxosoutos). Memoria de cidades sen luz de Inma López Silva (Galaxia) e, para crianzas, A sombra descalza de An Alfaya e Tristes armas, de Marina Mayoral (Xerais).
Seguen as sensacións cando pensamos en cal sería, daquela, o papel da muller no momento do conflito: gardar a casa, gardar a apariencia, gardar os fillos, a leira, o gando (se é que era muller do rural), gardar os segredos, gardar a memoria. E por que, se tan enorme era a súa función, non se detivo a literatura a falar do lugar das mulleres durante a guerra, e o seu foco está no masculino só, a omnisciencia narrativa dá en seguir escapados polo monte, agochados nos tobos, presos nas cadeas ou soldados na fronte? Non quero determe a falar das mulleres que teñen pasado polas obras desta temática da man de Fernández Ferreiro, Rivas, Riveiro Coello, pois a miña teima é buscar a voz feminina retratándose a si mesma nun determinado momento e lugar.
Por iso é xusto dar a benvida a novelas como Escapados, de María del Carmen Rey Núñez, que ten na editorial Toxosoutos a súa estrea como autora. De Mazaricos e do 61, Rey Núñez non se axusta con fidelidade á etiqueta de “outra novela máis sobre a Guerra Civil” que adoitamos saloucar cando temos nas mans outra obra máis destas características. Enumerar as carencias é o que ten, que ficamos a escoitar o que se nos conta e se, por engadir atractivo, isto o fai unha voz absolutamente descoñecida e que desde a contracapa do seu libro continúa a nutrir o misterio do case anonimato, imos ter que adicarlle horas ás case catrocentas páxinas de Escapados. (…)”