Desde Cultura Galega:
“As últimas datas do ano é un bo momento para botar a vista atrás e ver que deron estes doce meses no ámbito da cultura. Hoxe, achegamos a primeira entrega destas primeiras valoracións sobre a cultura en Galicia en 2017, da man de Natalia Poncela, crítica de arte, Ramón Nicolás, crítico literario e Adrián Cunha, fotógrafo e director dun programa musical. O venres teremos outra entrega destas análises. (…)
Nunca os balances son doados, e menos aínda se gozan dunha escasa perspectiva temporal. Con todo, alén deses galardóns que fan volver a vista á importancia do que aquí se fai -e penso nas concesións de senllos premios de carácter estatal a Antonio García Teijeiro e Ledicia Costas-, das publicacións orientadas a actualizar a obra e a vida de Carlos Casares, alén das inevitables despedidas como foron as de Xohana Torres e Miguel Suárez Abel, talvez se poidan percibir algunhas liñas de sentido xerais.
En síntese apuntaría o excelente momento que atravesa a poesía con achegas de salientable calidade-, a literatura infantil e xuvenil e mesmo o ensaio, mentres que o teatro continúa a tendencia resistente dos últimos tempos. Na narrativa talvez salientaría a relevancia que van gozando os roteiros literarios organizados aquí e alá, ademais do retorno dalgunhas voces –Reimóndez, Lopo, Moure, Feijoo, Eiré, Pedreira, Calveiro, DoCampo, Nacho Taibo ou Riveiro Coello– ou a estrea de voces como as de Eli Ríos, Carracedo Porto ou Benito Reza, entre outras.
A aparición dun selo editorial moi atractivo como “Oqueleo” e a posta en marcha doutro proxecto como é Aira Editorial, cando Edicións do Cumio xa é só un recordo, completan esta visión á espera doutro ano que, coma sempre, ha traer magníficos libros. (…)”
Santiago Prol: “Manuel Vidal é un adiantado ao seu tempo, un personaxe a recuperar”
Entrevista a Santiago Prol en La Voz de Galicia:
“Aínda que pasou varios veráns nas Torres de Meirás con dona Emilia Pardo Bazán, foi profesor de Isaac Díaz Pardo e Domingo García Sabell, fundou xunto a Basilio Álvarez a revista Galicia e estivo na mesa presidencial da fundación das Irmandades da Fala en Santiago, a figura do presbítero de Maceda Manuel Vidal (1871-1941) quedou esquecida. Dese esquecemento vén de rescatala o historiador Santiago Prol (Maceda, 1960), no libro Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda.
– La Voz de Galicia (LVG): Non é a primeira vez que recupera a figura de persoeiros esquecidos: João da Nova, Benigno Álvarez…
– Santiago Prol (SP): Manuel Vidal é unha materia que eu tiña pendente dende había moito tempo. Empecei facendo un pequeno traballo de investigación sobre el no 2001, que despois se converteu nunha entrada na Wikipedia e na Xacopedia. Pero quedou moi no aire, digamos que despois me dediquei a facer traballos de investigación sobre outra xente. Foi a partir do 2011 que me metín a fondo nel e descubrín que é un galego moi interesante cun montón de produción.
– LVG: Escribiu sobre Santiago e o mito xacobeo.
– SP: El ten unha triloxía, que se chama a Triloxía Xacobea, na que hai unha obra de teatro sobre a Raíña Lupa que é moi interesante e que preside nin máis nin menos o arcebispo que estaba naquel momento, que era Lago González. Fai un libro sobre o Pórtico da Gloria que se debería reeditar, que é boísimo. A min agasalláronme con ese libro, que é de 1926, no ano 1979, daquela era un rapaz de 18 anos. Mireino e pareceume moi interesante, pero a verdade é que quedou metido nun andel e recupereino en 1999. Ese foi o meu punto de arranque. En Maceda reeditouse Deixe que xa, que é un libro do ano 1931 e Don Porrazo o mi cubierto de plata, e eu aí fixen unha descuberta: a Maceda de finais do século XIX estaba toda plasmada no libro de Vidal. Houbo unha revolución, a revolución de outubro de 1870 que el describe tal e como foi a realidade. É un personaxe a recuperar e merecería que se pense como un dos candidatos ás Letras Galegas. (…)
– LVG: Por que a súa figura quedou esquecida?
– SP: A miña teoría é que porque era un home de dereitas. Pero para a súa época era un home moi avanzado. El era un home do rexionalismo, tiña un sentimento de Galicia moi potente, pero por riba estaba España.”
Serra de Outes: presentación de Se pedra na brétema, de Ramón Blanco
O sábado 30 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura da Serra de Outes, Ramón Blanco presenta Se pedra na brétema, co que obtivo o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2016. No acto interveñen, xunto ao autor, Xoán Mariño, presidente da A. C. C. Terra de Outes, Antón Lopo, Manuel del Río e, cunha introdución musical, Pablo Sax.
Allariz: presentación de Long Play, de Lois Pérez
O venres 29 de decembro, ás 19:30 horas, na Galería Circular de Allariz, preséntase Long Play de Lois Pérez, publicado por Xerais. No acto, organizado pola libraría Aira das Letras, Galería Circular, Ben Común e a editora, César Lorenzo Gil falará co autor sobre o seu libro.
Vigo: Industriosa de Poesía, nova edición de Poetas da Hostia
Entrimo: presentación de O sol dentro da cabeza, de Suso Díaz
Ferrol: presentación de Querido H. P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga
Francisco Fernández Naval, autor de Alma e o mar
Desde Chamando á Terra, da Radio Galega:
“Escoitamos un cachiño de Alma e o mar, de Francisco Fernández Naval, e falamos co autor sobre esta novela escrita con voz feminina. Pode escoitarse aquí.”
Vilalba: acto de entrega da Medalla de Ouro a Xulio Xiz
Vigo: presentación de Home invisíbel, de Xavier Queipo
O xoves 28 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Camelias, 102), en Vigo, preséntase Home invisíbel, de Xavier Queipo, publicado pola A. C. Caldeirón, obra coa que acadou XII Premio de poesía erótica Illas Sisargas.