Adeus ao escritor chairego Xosé Manuel Carballo Ferreiro

Desde As crebas, blog de Miro Villar:
“Finou o 28 de outubro o escritor chairego Xosé Manuel Carballo Ferreiro (San Martiño de Goberno, Castro de Rei, 1944 – 2017), tamén coñecido como activista cultural e sacerdote na Terra Chá, e, malia non termos trato persoal, interesounos a súa obra que revisitamos para a antoloxía Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), Alvarellos Editora 2017, coordinada por min propio e por Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación. (…)”

Malpica: actos arredor do XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, en homenaxe a Paco Souto

María Reimóndez gaña o I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade

Desde Sermos Galiza:
“A escritora María Reimóndez é a gañadora do I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, polo Concello de Vilalba e por Edicións Xerais.
Fóra do normal é o título da obra gañadora. O xurado destaca nela o tratamento da temática trans, dos personaxes e da banda deseñada como camiño de comprensión do mundo, así como o valor de contar con heroes á hora da superación do conflito.
O xurado estaba composto por Marica Campo, Manuel Bragado e Xabier Puente DoCampo.”

Cesáreo Sánchez Iglesias: “A poesía está tamén nos bordes efémeros da vida, os máis eternos”

Entrevista a Cesáreo Sánchez Iglesias en Coruña Magazine:
“(…) – Coruña Magazine (CM): Que é, pois, Tempo transfigurado?
– Cesáreo Sánchez (CS): Un poemario que ten como elemento aglutinador a música, que é tempo acrisolado, transfigurado e convertido en materia poética. Dentro dese tempo transfigurado acontece a vida dos compositores, a súa música. É tamén unha aproximación ao que é o amor en clave do que é memoria do amor. Hai poemas á persoa que nos amou de maneira incondicional; a nai, que representa unha forma do máis alto amor.
Aparece a aceptación da orfandade dos seres polos que fomos amados. En concreto, hai algúns poemas vencellados á norte da miña nai, hai xa trece anos, que me fan tomar consciencia da asunción da orfandade, extensible á ausencia doutras mulleres que formaron parte da miña vida. Mulleres ás que amei e que quizais me amaron. Tamén aparece outra variable, que é que cando todo falla, xurden os territorios da infancia, que teñen moito que ver co amor materno. (…)
– CM: Hai detrás de Tempo transfigurado unha metáfora do tempo actual?
– CS: Hai. Ante o tempo veloz está tamén o tempo do poeta, que non é un tempo histórico. O tempo do poeta trascende a historia no sentido do día a día, aínda que se poida falar da historia. O tempo do poeta busca aquilo que permanece. Diante do banal busca o que permanece, diante do urxente busca o que permanece. Comentaba hai uns días que estamos no tempo da desinformación por sobreinformación do banal e efémero. A poesía é todo o contrario: é unha maneira de cuestionar o tempo actual.
Aquí está a música que me formou ó longo dos anos. No poemario, cando falas, falas tamén do presente, aínda que fales do pasado. Eu falo do que permanece do pasado. Poeticamente hai que buscar no presente aquilo que permanece, aínda que a poesía está tamén nos bordes efémeros da vida, que son os máis eternos; pero no fondo sempre escribes do presente.
E ninguén escrebe fóra da propia vida. (…)
– CM: Tempo transfigurado invita a iso. A conxunción de palabra e música convida a tomar as cousas con calma?
– CS: Claro, sería bo que tivese esa función de que a quen le o libro o axude a sacar do seu interior sentimentos que non leve o vento. E ser críticos con aquilo que nos negue humanos. Sempre lles digo aos rapaces: buscade o poético que hai dentro de vós. O carpinteiro que está a facer unha cadeira ten unha poética porque quere facela con cariño, con amor, con beleza… En todo oficio hai unha poética. O poema invita a que busques no interior, dá instrumentos para diferenciar entre o fundamental e o banal. Hai que ter criterio para elixir. A cultura non é a erudición do coñecemento, senón a capacidade de saber elixir. (…)”

Roberto Abuín: “O comunitarismo é patrimonio inmaterial do pobo galego”

Entrevista a Roberto Abuín en BiosBardia (foto do autor da propia revista BiosBardia):
“A editorial Axóuxere leva desde o 2010 creando pensamento crítico desde Rianxo. Falamos cun dos seus responsables, Roberto Abuín (Rianxo, 1979), sobre unha proposta singular para a lingua galega que vai máis alá dos textos dos libros.
– BiosBardia (B): Cónteme, que é Axóuxere?
– Roberto Abuín (RA): Axóuxere é un proxecto cultural que nace en Rianxo como resposta ao oco que había na nosa produción cultural de ensaio e pensamento crítico. Queriamos poder dispoñer en galego de textos imprescindibles nestas áreas e tamén favorecer que as persoas que están a pensar arestora en Galicia tivesen un lugar onde publicar. (…)
– B: Antes indicábame que había un oco na edición galega de ensaio.
– RA: Correcto. É curioso porque o interese polo ensaio e o pensamento era fundamental na Xeración Nós pero a verdade é que a día de hoxe a maior parte da produción editorial en galego é literaria. O noso interese era reverter esa situación e sermos ambiciosos. Queriamos que os textos relevantes do pensamento crítico da actualidade estivesen accesibles na nosa propia lingua. (…)
– B: Que outros proxectos lle gustaría que nacesen a partir de Axóuxere.
– RA: Hai moitos. Pero quero destacar dous.
Por unha banda, coido que nos fai falta unha revista de pensamento. Unha publicación de pensamento crítico mais feita cun criterio moi plural. Coido que nos falta en xeral dialogar, entender os argumentos das persoas que pensan diferente a nós. Conseguir un espazo de debate razoado é unha arela á que non renunciamos.
E pola outra, gustaríame moito que se crease unha comunidade de aprendizaxe, a nivel galego, que favorecese o intercambio e o diálogo entre creadores. Que viñesen escritores galegos e doutros lugares e falasen de creación. Unha convivencia semellante á que se establecía nos seminarios de verán do Laboratorio de Formas de Sargadelos. Converter a Rianxo no primeiro punto de desenvolvemento do pensamento crítico e que desde aquí a iniciativa fose sumando outros espazos para crear unha rede galega.”