O mércores 2 de agosto, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Zas, Lois Pérez presenta o espectáculo de narración oral Historias da fronteira.
Dúas investigacións sobre rituais curativos e espirituais gañan o XVIII Premio Xesús Ferro Couselo
Desde o Concello de Valga:
“Dous traballos sobre rituais protectores e máxicos tanto a nivel autonómico como local son os gañadores do XVIII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, un certame que busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e que o Concello de Valga convoca dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas ao Fillo Predilecto da vila e insigne figura da cultura galega.
O 30 de xullo, no día no que se cumpren 111 anos do nacemento de Xesús Ferro Couselo, dase a coñecer a decisión do xurado que se reuniu o pasado 21 de xullo na Casa do Concello e que, presidido polo alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, estivo integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Municipal de Ourense, técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia e neto de Xesús Ferro Couselo; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuou José Ramón Rial Becerra, membro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.
Na primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte, o gañador foi o antropólogo Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971). Concorreu ao certame baixo o lema “Vade Retro” e coa investigación titulada Ritualista protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega. Fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafael Quintía xa se proclamou gañador no ano 2015 do XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co traballo “Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega” e no 2016 gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio coa obra “Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia”. A esta modalidade da XVIII edición do Premio presentáronse, ademais, outros dous traballos: O auxe do priscilianismo na Gallaecia trala decapitación de Prisciliano e Orixe e evolución da fortaleza baixomedieval das Torres de San Paio.
No tocante á segunda modalidade do certame, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, o xurado decidiu premiar a proposta titulada A veiga máxica. Rescate da cosmovisión popular no municipio de Valga, co que a autora, a xornalista Natalia Sueiro Monje (gañadora do VII Premio Internacional de Periodismo Álvaro Cunqueiro, entre outros certames xornalísticos e literarios), pretende abordar cuestións espirituais e máxicas que formaron o imaxinario popular da vila no seu pasado recente. Neste caso a investigación non está aínda realizada, xa que os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entrégase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto. A esta segunda modalidade do XVIII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo concorreron un total de catro propostas. Á marxe da gañadora, as outras tres estaban centradas nas seguintes temáticas: a vida e obra de José Bouchet, pintor nado en Valga e emigrado na Arxentina, os anos da Segunda República no municipio e o catastro en Valga.
Ademais de debater sobre os traballos presentados ao concurso, na reunión do xurado non faltaron palabras de lembranza para Fernando Acuña Castroviejo, catedrático de Arqueoloxía e membro da Real Academia Galega falecido en 2016 e que formou parte do tribunal do Premio Xesús Ferro Couselo dende as súas primeiras edicións. A acta da sesión recolle, así pois, “un recoñecemento especial á figura do profesor Fernando Acuña, que tristemente nos deixou o ano pasado”, engadindo que “posiblemente moita da sona e prestixio que ten hoxe en día este premio de investigación débese ao labor e adicación que don Fernando lle dedicou ao longo da súa vida. Hai que recordar que formou parte de todos e cada un dos tribunais dende a primeira convocatoria do premio aló polo ano 1996”.
O Concello trasladou a noraboa aos dous gañadores, felicitándoos pola calidade dos seus traballos.”
Patricia A. Janeiro: “Cústanos máis identificar a explotación laboral na hostalería cando o local é do noso ‘rollo’ político”
Entrevista de Montse Dopico a Patricia A. Janeiro en Praza:
“Patricia A. Janeiro foi reaparecendo como escritora nos últimos meses, tras publicar no 2009 unha das poucas obras da narrativa galega que tratan o tema da represión do movemento independentista, A perspectiva desde a porta. Primeiro, a plataforma A Sega escolleuna como señora do Día das Galegas nas Letras. Despois, editouse con motivo da SELIC, a nova semana do libro de Compostela, o seu libro Os últimos indios. E hai unhas poucas semanas, Positivas tirou do prelo a súa nova novela, Manual básico de hostalería. Un libro directo, sinxelo e, como ela mesma di, lixeiro e humorístico. Que fura na explotación laboral na hostalería compostelá e na corrupción política e mediática que fixeron posible, por exemplo, ter tres alcaldes nunha soa lexislatura. Mais, tamén o advirte ela, esa non é a Compostela que ela ama. É outra, que non puido ser real. Quen o crería?
– Praza (P): É verdade o que pos ao final de que o libro foi xestado en tres anos e escrito en tres días?
– Patricia Janeiro (PJ): Tiña os dous primeiros capítulos feitos e o resto saíu, si, en tres días. Estiven bastante tempo parada, sen saber como avanzar coa historia das camareiras, pero ao final atopei a maneira e acabei a novela.
– P: Xa dis, tamén ao final, que é unha farsa, porque non podería ser real que nunha cidade houbese tres alcaldes na mesma lexislatura, que un medio de comunicación quixese dirixir a política local e que os explotadores se cresen libertadores.
– PJ: Exactamente…
– P: Aínda entendendo que é ficción, como traballaches de camareira, algo haberá baseado en feitos reais…
– PJ: Si, claro. Xa poño nesa dedicatoria que non saen Isa e Emma, que non responden ao patrón de xefe da hostalería que sae na novela. Polo demais, si que está baseado na miña experiencia e na doutras persoas que coñezo que traballan en bares, sobre todo de noite. Porque cando quedas para tomar algo con outros camareiros sempre se fala das cousas que che di o xefe, de como te trata… O que si é certo tamén é que non hai, na novela, personaxes identificables cunha persoa en concreto. Están construídos con retallos tirados de aquí e de alá. (…)”
Un congreso sobre a poesía galega que a reivindica como “pedra basilar” da literatura galega
Desde Sermos Galiza:
“O 6 e o 7 de outubro Pontevedra acollerá a celebración de Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega, un congreso de poesía organizado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, que pretende “darlle unha visibilidade social máis ampla” á poesía e reivindicala “como pedra basilar do sistema literario galego”, segundo Cesáreo Sánchez. Terá lugar no Pazo de Cultura de Pontevedra e estará formado por 6 mesas redondas, abertas á interacción co público asistente.
O obxectivo da AELG é “facer un debate aberto sobre o estado actual e recente da poesía galega, unanimemente recoñecida pola súa grande valía literaria, mais que padece dunha certa invisibilidade social, o que fai máis necesario que nunca un Congreso que se converta nun punto de encontro onde reflexionar serena e abertamente arredor de todas as perspectivas vinculadas ao feito poético”.
Segundo Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, “era necesario un monográfico para darlle unha visibilidade social máis ampla e tamén, dalgún xeito, reivindicar a poesía como pedra basilar do sistema literario galego, que ten un peso determinante”. É un dos poucos territorios, afirma o tamén poeta, “nos que se pode dicir que somos unha terra liberada, un lugar de normalidade cultural”.
Para Sánchez foron 40 anos “moi fructíferos” a pesar de que se foi dificultando a condición do poeta, pois “a precariedade laboral no mundo da cultura ten moito que ver na poesía”. Afortunadamente, na súa opinión, a poesía “sempre gozou dunha moi boísima saúde malia as dificultades para publicar, que continúan xeración tras xeración” e lembra as palabras de Antonio Gamoneda cando afirmou que a poesía galega é a máis importante dentro do Estado.
Ademais, nos últimos anos xurdiron proxectos especializados en poesía, como as editoriais Apiario ou Chan da Pólvora, que son -segundo o presidente da AELG- un “síntoma de saúde, xunto coa certa normalidade no resto das editoriais, con coleccións estables de poesía”.
O Congreso estará formado por 6 mesas redondas, que tratarán temas como a poesía galega de 1976 a 2016; o teatro e outras formas de comunicación do poético; interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia; traducións e diálogos con outros sistemas poéticos; 40 anos de poesía aos ollos da crítica; e innovación poética, trans-xénero, novas modalidades.”
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do martes 1
O martes 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Presentación de Meu avó, rei das pequenas cousas, de João Manuel Ribeiro, publicado por Hércules. No acto, o autor estará acompañado por Armando Requeixo e Laura Rodríguez.
– 19:00 h. Presentación de Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé María Lema Suárez, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
– 19:00 h. Presentación do proxecto Contos Estraños, a cargo de Xosé Duncan e Fernando M. Cimadevila. Na carpa das librarías.
– 19:45 h. Presentación de Conto x conto, de Anxo Moure, publicado por Baía Edicións. Na carpa infantil.
– 20:00 h. Fran Rei: A galiña azul, no Palco da Música.
– 20:30 h. Presentación O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad, publicada por Xerais. Con Mercedes Queixas.
– 20:30 h. Sinatura de Anxo Fariña na Caseta da librería Lume.
– 21:15 h. Charla arredor de Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño, publicada por Xerais.
Luz Pozo Garza: “Sen poesía non podería vivir”
Entrevista de Mercedes Queixas a Luz Pozo Garza en Sermos Galiza (orixinal de 2015):
“(…) – Sermos Galiza (SG): Precisamente en 2001 a AELG entregouche a Letra E e celebrou contigo a “Homenaxe á Escritora na súa Terra” en Ribadeo.
– Luz Pozo Garza (LPG): Así foi. Déronme a escoller o lugar onde celebrar a homenaxe e sentín que tiña que ser Ribadeo. Moi perto da casa onde nacín chantouse un monólito cun poema que seleccionei do libro Vida secreta de Rosalía, aludindo, implicitamente, a Ribadeo e Viveiro, os meus dous espazos vivenciais. Foi un día emocionante, como se estivese nunha nube entre tanta xente amiga e querida. Sentinme moi arroupada, acompañáronme moitos amigos e moitas poetas novas, que sempre emociona. Déronme unha rúa na miña vila de nacemento e iso tamén impresiona moito.
– SG: Que pouso de Ribadeo está na túa escrita poética?
– LPG: Ribadeo está moi presente nos meus poemas, sobre todo nos primeiros tempos. Está en todo, aínda que non o mencione explicitamente. Alí é onde coñecín o mar bravo e as primeiras visitas á praia coa miña nai e meu irmán vividas con moita emoción; o mar onde un día descubrín con sorpresa os golfiños saltando no horizonte. En Vida secreta de Rosalía está o mar de Ribadeo e as cunchiñas de Reinante. En Prometo a flor de loto reaparece, así como no propio título de Ribadeo, Ribadeo.
– SG: Ánfora (1949) foi o primeiro poemario publicado en castelán e O paxaro na boca (1952) o terceiro, xa en galego. Como se produce a mudanza de lingua no teu proceso de evolución creativa?
– LPG: É completamente diferente para min escribir nun idioma ou noutro, mais a progresión da obra está en toda a poesía, independentemente da lingua de creación. O paxaro na boca nace grazas a Manuel María, despois do éxito de Ánfora. El mesmo escribiu críticas moi eloxiosas sobre o meu primeiro poemario. Animoume moito a escribir en galego. Dicíame que Galicia necesitaba poetas. Era boísimo, moi boa persoa. A min non se me ocorría escribir en galego porque non o falaba, mais non era para min un idioma descoñecido porque o tiña interiorizado desde a lectura de poemas de Rosalía de Castro e de Curros Enríquez (a quen admiraba meu pai). Tiña moitos poemas aprendidos de memoria. Despois de cear, todos os días liamos en voz alta e comentabamos os poemas. (…)
– SG: Que é a poesía para ti?
– LPG: É a miña vida. Nacemos con ela, levámola dentro. Sen poesía non podería vivir. Aínda que non a escribas, vívela. O primeiro que fago cando me ergo é mirar pola ventá como se move o mar, como se moven as follas… a vida é poesía, os sentimentos e as emocións. Pódese ser moi feliz coa poesía.”
Xosé Luís Axeitos: “A ideoloxía de Manuel Antonio é a do independentismo nacionalista, do arredismo”
Entrevista a Xosé Luís Axeitos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): No libro [Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía] sácaslle importancia ás relacións de Manuel Antonio co mundo do anarquismo.
– Xosé Luís Axeitos (XLA): Eu non lle saco importancia. No ano 90 ou 91 falei da decepción do poeta co nacionalismo e falei da súa vinculación anarquista, entre outras persoas. El séntese moi decepcionado co nacionalismo por dúas razóns: primeiro, pola inactividade política á que os conduce a ditadura de Primo de Rivera no 23; e, en segundo lugar, pola cantidade de dúbidas e de xente que sendo das Irmandades, Losada Diéguez, e en Rianxo un grupo importantísimo de xente que el respectaba, nada menos que Cándido González e Arcos Moldes, e sendo os mentores del, acaban pasándose á Unión Patriótica. E logo, porque fai numerosas viaxes a Vigo, ten contacto con xente anarquista, como Moledo ou Marín, e iso lévao a escribir determinados textos nos que fala das carencias democráticas do Estado, mesmo das pistolas e da acción, pero son momentos nos que se sente atraído froito da decepción co nacionalismo.
Pero el segue até o seu último momento, a finais do ano 29, sendo confidente político e cultural de todo o grupo de nacionalistas cos que estivo sempre. As últimas cartas políticas que escribe escríbellas a Blanco Torres e a Paz Andrade, porque seguen a ser os seus colegas, porque el segue sendo un independentista nacionalista. Polo tanto, eu non lle resto importancia, eu digo que a ideoloxía e as formas de Manuel Antonio son do independentismo nacionalista, do arredismo. E as súas lecturas e as súas referencias sociolóxicas e culturais seguen sendo nacionalistas e independentistas, aínda que puntualmente teña eses contactos, que eu valoro e valorei, e aínda que nun primeiro momento me levaron a dicir que se arredara do nacionalismo, pero hai dados moi concretos despois que fan que non sexa así.
– SG: Quen foron as persoas que tiveron máis influencia intelectual sobre el?
– XLA: Eu penso que temos que diferenciar contextos e situacións. Hai unha primeira etapa desde que el, con 16-17 anos, quere ser poeta, e até o ano 22 el está totalmente inmerso e asolagado polo modernismo. El non fai máis que ler libros modernistas e pregoaba constantemente a estética modernista, porque en Con anacos do meu interior e mesmo unha parte de Foulas levan o carimbo do modernismo. Rubén Darío foi para el un auténtico deus. A partir de aí as súas lecturas diversifícanse enormemente. E conecta con todos os grandes renovadores da literatura universal: Poe, Baudelaire e Mallarmé… esa é a gran triloxía e a gran panca que o impulsa á renovación. E logo toda a literatura futurista, Huidobro, o surrealismo… Ese afán de procura de saber é o que caracteriza a actitude creativa e innovadora del.”
“Mondoñedo, Paraíso da Fantasía”, por Antonio Reigosa
Desde o Caderno de Antonio Reigosa, o pregón lido polo autor na inauguración da Feira do Libro de Mondoñedo:
“Todo o mundo sabe que Mondoñedo está nun val que se asemella a “unha man a medio abrir”, así llo pareceu a Manuel María, ou a unha “cunquiña deleitosa, onde todo frolece e todo medra”, segundo o venerable mestre e referente ético, Manuel Leiras Pulpeiro. Álvaro Cunqueiro confirmounos en letra impresa que, efectivamnente, Mondoñedo señorea unha valgada que “ten a medida xusta do ollo humano”.
Miss Honor Tracy, a escritora irlandesa que visitou Mondoñedo en agosto de 1955 deixou posto en papel que “Mondoñedo é un dos máis estraños lugares a visitar” e que a Alameda dos Remedios lle fai imaxinar a unha Madame Bovary paseándoa ou como o escenario ideal para un capítulo de Dickens.
Con quen máis se relacionou Miss Honor nos dous días que andou por aquí foi con Lence, entón xa home maior, fraco e barbado, ao que describiu como un tipo extravagante. Cando Cunqueiro lle traduciu a Lence o que dicía sobre el a irlandesa, sobre todo cando aseguraba que para cociñar tiña que atar as longas barbas polas costas (para non enzoufalas na pota ou na tixela), Lence, enfadado, comentou: “Esta escribidora é unha Eleuteria calquera…”
Viríanos ben unha antoloxía cos textos dos escritores e escritoras viaxeiros que nos visitaron en diferentes épocas. Urxe facela para descubrir, por voces alleas, o encanto do pequeno e recollido, o valor do pouso do pasado e do silencio, a melancolía do ambiente e tamén, claro, como viron eles a señora néboa emparellada con ese barruzo fino que nos visita cada poco e que tamén despediu a Honor Tracy en agosto do 55.
Velaí a nosa pequena patria, dimensionada arquitectónica e urbanisticamente, cativa industrialmente pero fecundísima culturalmente, coa medida exacta para percorrer a súa paisaxe nun só golpe de vista, para gozar das súas esencias en doses concentradas. (…)”
Premio Mondoñedo10 2017. Poesía
Feira do Libro de Ponteareas: actividades literarias destacadas do sábado 29 e domingo 30
O domingo 30 de xullo remata a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 29
– 12:30 h. Diego Giráldez asina exemplares de Galería de saldos, publicado por Xerais.
– 18:45 h. Carlos Meixide (Cans) participa nunha mesa de debate da autoedición.
– 20:00 h. Presentación do poemario Na casa da avoa, de Marta Dacosta, publicado por Xerais. No acto participa, xunto á autora, Malores Villanueva.
– 21:00 h. Recital Kneves no autoblues Chicago Fornelos, co poeta Kiko Neves e os guitarritas Phil Chicago e Rober Fornelos.
Domingo 30
– 18:00 h. O mundo de Carliños, espectáculo musical de Luís Vallecillo baseado en Carlos Casares.
– 19:00 h. Salvador Rodríguez presenta Historias de galegos extraordinarios, publicado por Belagua.
– 20:00 h. Presentación de Xogos Florais. Ponteareas, 2016/2017, polo Concello de Ponteareas.