Marta Dacosta: “Vivimos nunha sociedade enferma”

Entrevista a Marta Dacosta en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Fío é unha verba constante no poemario [Na casa da avoa], como se repite na historia das mulleres a loita contra o destino.
– Marta Dacosta (MD): O que pretende o libro é construír unha nova idea de muller. A pesar do paso do tempo, nós necesitamos falar da nosa realidade. Recentemente, pasou pola televisión unha serie na que aparecía un personaxe histórico galego, a raíña dona Urraca. Mostrábana como unha persoa manipuladora, mala. Ese é o prezo que paga a memoria desa raíña. Na Idade Media, era unha muller antinatural porque en lugar de deixarse someter, reclamou para exercer o seu dereito como herdeira lexítima. A sociedade quixo impoñerlle o ideal de muller como obxecto. Iso recólloo no último poemario do libro. Aparece como oculta na néboa, fáltannos datos sobre ela.Este é un exemplo de como hoxe prevalecen os prexuízos.
– FdV: Un estudo entre alumnos da ESO en Santiago recolle a dominación machista nas redes sociais con adolescentes.
– MD: Os alumnos son reflexo da sociedade e repiten o que ven. Todas e todos vivimos nunha sociedade determinada, que está enferma de machismo, de patriarcado. Cada un de nós está enfermo. Algúns somos conscientes desa situación. Tivemos que librar as nosas propias batallas para chegar a ese punto. É certo que avanzamos pero tamén é verdade que, ás veces, os medios que temos para transformar a sociedade non actúan para iso. Unha polémica reiterada é como se recollen os feminicidios nos medios. Non se fala claramente de violencia ou asasinato machista. No seu lugar, aparecen eufemismos para ocultar a realidade. Os adolescentes viven nesta sociedade, consumen publicidade? e vemos que a eses ámbitos se traslada o machismo. Non podemos ser etiquetadas de maneira desprezativa.
– FdV: En Na casa da avoa abunda a mitoloxía, como ve a perda no currículo da Filosofía, Grego ou Latín.
– MD: Estannos empobrecendo. Se podemos expresarnos con corrección e ter bagaxe cultural ampla, vai en beneficio noso. A cultura constrúenos como persoas, dános capacidade crítica. Se se nos priva delas somos máis pobres e menos capaces de analizar. Ímonos facendo analfabetos para comprender o mundo.”

Mondoñedo: curso-roteiro Álvaro Cunqueiro e o Mondoñedo literario, con Armando Requeixo, o sábado 29 e domingo 30

O sábado 29 e domingo 30 de abril, a partir das 09:30 horas, na Alameda de Mondoñedo, Armando Requeixo guiará o curso-roteiro Álvaro Cunqueiro e o Mondoñedo literario. A actividade, inicialmente ideada para o profesorado, admite tamén participantes por libre. Haberá dous grupos para que poidades escoller, un fará o roteiro o sábado e outro o domingo. A(o)s participantes entregaráselles un completo dossier de traballo elaborado para a ocasión.

Cae a edición de libros en galego, mentres crece en castelán, catalán e euskera

Desde Praza:
“O número de obras editadas en galego segue descendendo. En 2016 inscribíronse no ISBN un total de 1.211 na nosa lingua, un 13,5% menos que en 2015, fronte aos ascensos experimentados polas restantes linguas do Estado. A edición en castelán creceu un 7,5% (un total de 67.212 títulos), en catalán o ascenso foi do 7,2% (7.873 títulos); e o euskera foi o idioma que máis mellorou os seus datos (+34,5 %, ata os 1.644). Xunto ao galego, só descende o valenciano, de forma moi abrupta (-48,8%, ata os 629). Chama a atención, igualmente, o forte incremento da edición en linguas estranxeiras, encabezadas polo inglés, o portugués e o francés.
Os malos datos de 2016 para a edición en galego enmárcanse nunha tendencia moi negativa arrastrada de anos anteriores. Fronte aos máis de dous mil títulos publicados nos anos previos á crise económica, o número reduciuse ata os 1.143 de 2013. A recuperación de 2014 (1.439) foi só unha excepción, seguindo a descender en 2015 e 2016.
En 2016 si aumentou lixeiramente o número de libros editados en Galicia, independentemente do idioma. Os 2.388 títulos melloran algo os 2.266 de 2015 e móvense nos mesmos datos de 2012.”

Ana Cabaleiro: “A voz da muller non sempre tivo unha consideración igualitaria no mundo da literatura”

Entrevista de R. Castro a Ana Cabaleiro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de publicar a túa primeira obra, entras nas listaxes dos máis vendidos e, ademais, bendecida pola crítica. Como foi este parto de Sapos e Sereas, que ademais é o teu primeiro?
– Ana Cabaleiro (AC): Ben, realmente a min píllame un pouco desprevida todo isto porque toda a miña ambición era escribir os relatos, xuntalos nun libro e conseguir publicalos. Entón unha vez que o vexo, parecía que esa parte do soño estaba cumprida e aí está a miña función como escritora, que é algo no que longamente levo traballando e a parte toda de como é recibida polo público e pola crítica é algo que de momento non me atrevo a valorar, aínda que obviamente estou contenta e satisfeita.
– SG: Empezas a publicar agora, pero desde cando escribes? Cando comezaches a escribir?
– AC: Realmente é un pouco difícil, empecei a escribir como case todo o mundo, supoño, na adolescencia, e despois sempre hai unha viraxe entre que escribes nos ocos libres, cando queres desafogar ou cando che parece que estás algo inspirada, a cando empezas realmente a plantexalo como unha tarefa e como unha responsabilidade. Cando queres contar xa cousas conscientemente, cando queres darlle unha voz ou un determinado punto de vista ás historias ou cando empezas a reflexionar sobre cuestións estéticas, sobre cuestións de narrativa, sobre como contan as cousas ou como che gustaría que se contasen. Entón entras nesa segunda parte, cando lle queres dedicar unha parte importante do teu tempo a ese traballo, porque é un traballo, desde o meu punto de vista. No meu caso, como non tiña -digamos- un plan concreto, fun achegándome a diversos obradoiros de escrita, que hai moita xente que renega deles, pero eu confeso e digo abertamente que foi o que me cambiou totalmente a perspectiva. A chegada doutras persoas que escriben, persoas que tiven de mestres, que son escritoras e escritores recoñecidos e moi xenerosos e que nos abriron a súa maneira de pensar e de plantexar a escrita, axudoume moito a pensar en serio como quería afrontar a miña responsabilidade como escritora. Aí eu creo que llo teño que agradecer sobre todo a Francisco Castro, unha persoa que sempre me axudou e apostou por min e que ademais me axudou moitísimo a atopar a miña propia voz, porque é algo que inconscientemente temos, pero ás veces non somos quen de velo abertamente e de poder explotalo dun xeito consciente. Entón aí foi onde se produciu toda a viraxe e onde por fin podes chegar a ver ese produto, porque aínda que é un produto, porque ten un prezo e se vende, para min realmente publicar é como un soño que despois de moitos anos se converte en realidade. (…)”

Mondoñedo é Poesía 2017

Mondoñedo é Poesía 2017 chega á súa cuarta edición convocando, como nas edicións anteriores, a máis de dúas ducias de homes e mulleres, poetas e músicos, que recitarán e cantarán os seus poemas o día 1 de maio nas rúas, prazas e espazos culturais da cidade.
Esta actividade enmárcase dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas, que se celebran desde 1541 (hai xa 476 anos) en Mondoñedo, cidade creativa e cultural, capital galega da poesía.

ACTIVIDADES PROGRAMADAS

TENDAL DE POESÍA: “Paxaros na cabeza” [Auditorio Pascual Veiga]
Instalación de traballos coordenados polo profesorado con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo e do CEIP Álvaro Cunqueiro.
Horario de visitas: sábado, 29 de abril, e domingo, 30 de abril: de 17:30 a 21:30 horas. O luns, 1 de maio: de 17:30 ata 21:00 h.

OFRENDA-HOMENAXE A EDUARDO LENCE-SANTAR
Cemiterio Vello: Luns, 1 de maio, 17:00 h.
Loador: Armando Requeixo
Con motivo de cumprirse o 25 de abril o centenario do nomeamento de E. Lence-Santar como primeiro Cronista oficial de Mondoñedo.

MONDOÑEDO é POESÍA 2017
Luns, 1 de maio
Nas rúas e prazas coa seguinte orde e horarios:
17:30 h.: Praza da Concello
Daniel Irimia Yáñez, Montse González Álvarez, Marina Oural Villapol, Carmen Pavón Souto e Silvia García. Poema musicado: Paloma Suanzes.
18:00 h.: Praza da Catedral
Antón de Guizán, África Sánchez, Eva García González, Chema Merino e Silvia García Fernández. Poema musicado: Paloma Suanzes.
18:30 h.: Praza Jaime Cabot (ao lado do Auditorio Pascual Veiga)
Carmen Rodríguez Lage, Antón Fortes Torres e Iria Rivas. Poema musicado: Paloma Suanzes.
No Auditorio Municipal Pascual Veiga
De 19:00 a 20:30 h.-Recital poético-musical

Música: Paloma Suanzes.
Regueifas: Trioliro Regueifeiros (Luís “O Caruncho”, Josiño da Teixeira e Bieito Lobarizas).
Poetas: Tamara Andrés Padín, Ana Vila Portomeñe, Xavier Rodríguez Baixeras, Eva Veiga, Miriam Ferradáns Ferradás, Modesto Fraga, Marta Dacosta e Manuel Rivas.

Publicacións*
Papel de color. Publicación conmemorativa de MONDOÑEDO é POESÍA 2017 con deseño e ilustracións de Antón Caxoto e textos poéticos dos e das poetas e músicos participantes.
*Esta publicación entregarase gratuitamente aos asistentes ao final do recital poético-musical no Auditorio Municipal Pascual Veiga.

Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Patrocina: Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Educación, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo.
Colaboran: Concello de Mondoñedo, CEIP Álvaro Cunqueiro e IES San Rosendo.