Arteixo: III Concurso de Recitados Homenaxe a Rosalía de Castro

Celébrase a terceira edición do concurso de recitados en homenaxe a Rosalía de Castro, que está organizado pola Rede Municipal de Bibliotecas do Concello de Arteixo e que será o broche de ouro a unha serie de actividades coas que conmemoran o mes do libro. Serán 12 participantes, de entre 8 e 12 anos, que levarán un libro de poesía como agasallo e a persoa premiada recibirá un libro electrónico. A encargada de conducir o acto será Ana Hermida, quen ademáis renderá homenaxe ás tres figuras máis representativas do Rexurdimento: Rosalía, Curros e Pondal.
A cita coa poesía será o martes 25, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 18:30 h. e a entrada é libre e gratuíta.

Faleceu Mariví Villaverde, nomeada Boa e Xenerosa pola AELG en 2009

A AELG lamenta a perda dunha outra voz da memoria á que sempre debemos volver: Mariví Villaverde.

O 28 de marzo de 2009 vivimos canda ela unha xornada nunca esquecida ao lle entregar a AELG o premio Boa e Xenerosa.

Recoñecíase en Mariví Villaverde un referente dinamizador da cultura galega no exilio arxentino a través da tradución e representación de obras en lingua galega, xunto ao seu compañeiro e escritor Ramón de Valenzuela, recoñecida hoxe tamén como escritora, como directora, noutrora, do xornal Galicia xunto a Arturo Cuadrado, mais sobre todo como muller-testemuña consciente das cicatrices dun tempo privativo e coutador.

Unha vida solidaria, xenerosa, coherente e entregada aos valores sólidos que chantan en nós a grandeza da liberdade.

Hoxe, 24 de abril, será incinerada e en xuño farase o funeral.

XXXII Premio Antón Losada Diéguez: Inma López Silva, en Creación Literaria, e Xosé Ramón Pena, en Investigación e Ensaio

Desde o Concello do Carballiño:
“A novela titulada Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva, e a publicación Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena, resultaron gañadoras nas modalidades de creación literaria e investigación e ensaio, respectivamente, no XXXII Premio Antón Losada Diéguez, que se fallou o sábado 22 no concello do Carballiño.
O xurado valorou moi positivamente a gran calidade das obras a concurso nesta edición (trinta en creación literaria e doce en investigación e ensaio), e tivo que prolongar o debate e realizar varias votacións para dirimir as obras premiadas.
Ao final, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez na modalidade de Investigación e Ensaio, á obra titulada Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, editada por Edicións Xerais de Galicia e cuxo autor é Xosé Ramón Pena. O Xurado destacou “a metodoloxía utilizada, o enfoque novidoso e actual, os contrastes con outras investigacións e á referencia a acontecementos históricos e a culturas que enriquecen este ambicioso proxecto”.
Así mesmo, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez, na modalidade de Creación Literaria, á novela titulada Aqueles días en que eramos malas, editada por Galaxia, e cuxa autora é Inma López Silva. O xurado destaca na novela galardoada “a utilización de varias voces femininas que lle van confesando á narradora as súas experiencias e as circunstancias que as levaron ó cárcere”. Salienta tamén o xurado “os diversos rexistros lingüísticos e unha habelencia discursiva que ofrece diferentes posibilidades de lectura, resultando un conxunto de historias vitais ben trabado e con categoría literaria”.
Este premio, que convocan os concellos de Boborás e O Carballiño, así como a Deputación Provincial de Ourense, e que está dotado con 6.000 euros en cada modalidade, será entregado no transcurso dun acto que se celebrará o 10 de xuño en Moldes, no Pazo da familia Losada.
O xurado estivo formado por:
Presidente: don Diego Fernández Nogueira.
Vocais:
Pola Real Academia Galega, don Manuel González González.
Polo Consello da Cultura Galega, don Pegerto Saavedra Fernández.
Polo Museo do Pobo Galego, don Francisco Fariña Busto.
Pola Deputación de Ourense, don Luís González Tosar.
Polo Concello de Boborás, dona Ana Patricia Torres Madureira.
Pola Universidade de Santiago, dona María do Carme Silva Domínguez.
Pola Universidade da Coruña, don Carlos Paulo Martínez Pereiro.
Houbo unha ausencia xustificada pola Universidade de Vigo, don Xosé Henrique Costas González.
Actuou como secretaria, para dar fe do acto, dona Julia Rodríguez Fernández.
A sesión comezou ás 11:00 h., no salón de plenos do concello do Carballiño, a quen lle correspondeu a organización do premio nesta edición, e rematou ás 13:30 h.”

A cultura de base do país homenaxea Francisco Rodríguez como unha “figura imprescindíbel”

Desde Sermos Galiza:
“Hai un Francisco Rodríguez profesor mozo que se rebela contra a ditadura fascista non en nome dunha abstracción cosmopolita, senón dun país concreto, unha nación negada, unha nación anónima na súa infancia de Serantes. “Eu de cativo non ouvía pronunciar o nome do meu país”, evocou na emocionada intervención coa que fechou o acto. Hai un Francisco Rodríguez activista que aterra en Ourense a principios dos 70 do pasado século coa firme determinación de falar galego en toda a parte, custar o que custar, e que contribúe para revitalizar o asociacionismo cultural, a comezar pola Auriense da cidade das Burgas. Hai un Francisco Rodríguez que imparte maxisterio ás súas alumnas e aos seus alumnos, aos que non só lles transmite coñecimentos, senón tamén paixón por unha materia concreta chamada Galiza. Hai un Francisco Rodríguez investigador que resgata da deturpación e da mistificación os clásicos da literatura galega, Curros, Pondal e nomeadamente Rosalía, un dos motores da súa vida (non por acaso é del a primeira tese de doutoramento sobre a autora fundacional da literatura nacional galega). Hai un Francisco Rodríguez político que se nega a aceitar a negación do país e que dedica todos os seus desvelos á construción dun movimento nacionalista galego con capacidade para disputarlle espazos políticos ás organizacións de obediencia estatal.
Todos eses Francisco Rodríguez apareceron no acto de entrega do premio da Fundación Galiza Cultura, un xantar fraternal con máis de trescentos comensais, todas elas persoas con múltiples historias de Francisco Rodríguez que contar, todas elas unidas por un nexo común, o coñecimento dalgún aspecto da biografía do homenaxado e o compromiso pola conquista dunha Galiza distinta, dona de si, non satélite, senón planeta. (…)”

Teresa Moure e Sara Castro López, premiadas nos mellores Relatos de agua da Fundación Acuorum (Canarias)

Desde Fundación Acuorum:
“A Fundación Acuorum Iberoamericana Canaria entregou os premios do I Concurso Literario Internacional Relatos de Agua o mércores 19 de abril na capital grancanaria. (…)
Os relatos gañadores foron os seguintes:
– Castelán: El maestro ha muerto. Francisco León.
– Catalán: Dos dits de vida. Daniel Borrull.
– Galego: Babuxa, a pinga. Sara Castro López.
– Euskera: Itsasaldia. Judit Ruiz de Munain.
– Portugués: Águas livres. Teresa Moure.
A convocatoria fixaba un premio de 3.000 euros para os relatos gañadores en cada un dos idiomas a concurso, así como a edición dos seus textos nunha publicación conxunta, que foi entregada durante o evento e que tamén contén os relatos finalistas en cada unha das linguas. A publicación, realizada en formato Acuamag (revista da Fundación), estará accesíbel de forma online na web www.acuorum.com.
A calidade dos relatos seleccionados vén avalada pola comisión calificadora encargada de escoller os textos gañadores, e que estivo formada por escritores de recoñecido prestixio como son Andrés Sánchez Robayna e Fernando G. Delgado, presidentes do xurado e responsábeis de valorar os relatos en lingua castelá, así como Carme Riera (catalán), Pedro Feijoo (galego e portugués) e Bernardo Atxaga (euskera).”

Eva F. Ferreira: “O teatro hai que escribilo desde a epiderme, desde a carne. Sóbranos logocentrismo”

Entrevista de Montse Dopico a Eva F. Ferreira en Praza:
“Di o crítico Afonso Becerra que o seu é pura “poesía visual”. Que é un dos nomes máis salientables do posdrama galego, sexa iso o que sexa. E algo diso debe haber. Eva F. Ferreira é unha dramaturga de poucas aparicións no centro, no miolo, onde facer cultura dá algo máis de visibilidade. Pero sempre está aí. Coas súas colaboracións en distintas publicacións, como Casahamlet, a casa na que comezou a darse a coñecer. Quedara varias veces finalista do premio de teatro radiofónico do Diario Cultural. E vén de gañalo, por segunda vez. Ten claro o que quere. Fala de desigualde de xénero, ou de clase. De exceso de ruído. De indiferenza. Dun teatro que é entraña, pel, carne. Apegado ao corpo. Á vida. Falamos con ela para repasar a súa obra.
– Praza: Es dramaturga, directora, filóloga, docente, titulada en arte dramática… Que veu primeiro e que despois?
– Eva F. Ferreira: Primeiro fixen Filoloxía Inglesa en Compostela. Despois empecei o doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Daquela eu ía moito ao teatro, andaba con xente que escribía… e fun a un obradoiro de escrita con Manuel Lourenzo. Comezara a investigar con moita ilusión -interesábanme os cruzamentos entre literatura e cinema-, pero decateime de que a da Universidade era unha perspectiva moi teórica, e deixou de interesarme.
Despois matriculeime na Escola de Arte Dramática de Vigo…, e empecei a escribir. Naquela altura chamáronme para que escribise en Casahamlet… E así foi. Cando comezou o premio de teatro radiofónico do Diario Cultural pareceume moi interesante e decidín presentarme… Quedei de finalista varias veces, despois escribín outras pezas para os Cadernos Laiovento, para a revista Núa, para a Revista Galega de Teatro…
Despois marchei para Monforte e desde hai uns meses estou en Sober. Dediqueime a traballar no que puiden, á docencia, a facer unha curtametraxe… e a coidar de Breixo… Fixen tamén algúns textos a partir de fotos de Iván Merayo… e o ano pasado volvín escribir, para presentarme outra vez ao premio do Diario Cultural. Para min, todo o que fago son textos, non distingo os escénicos dos non escénicos. (…)”