Artigo
de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Ningún ámbito relacionado coa literatura foi alleo a María Victoria Moreno. Escritora en xéneros diversos, editora, libreira, tradutora, profesora. E aínda así, considera a súa biógrafa Montse Pena Presas, “unha grande descoñecida”. A tirala desa zona de sombra pode contribuír o Día das Letras Galegas deste ano, que a Academia dedica á autora de Anagnórise (1988). (…)
Pena Presas presenta A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida (Galaxia, 2018), a súa indagación na obra e nos días desta “escritora total”. “Aos poucos días do anuncio da Academia, e a proposta do editor Francisco Castro, embarqueime no proxecto”, relata, “que encaixaba co meu ámbito de especialización na literatura infantil e xuvenil”. Nel traballou para a súa tese de doutoramento.
E María Vitoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005) foi pioneira en transitar ese campo. “De feito, eu creo que esta foi a súa achega fundamental á literatura galega”, sinala a súa biógrafa, “decatouse do que pasaba noutros sistemas literarios con eses libros deostados e esforzouse en que iso pasase tamén no galego”.
Conectar a literatura para a mocidade coa súa propia realidade social resultou chave na estratexia de Moreno. “A cuestión da droga, por exemplo, aparece en Anagnórise ou en Guedellas de seda e liño (1999)”, explica. A primeira das novelas citadas é, talvez, a máis celebre das súas obras, lectura obrigada nos institutos e narración sobre as identidades, o espertar ao mundo adulto e certo “feminismo iconoclasta”, en palabras de Pena Presas.
Anagnórise foi o seu traballo máis vendido e recoñecido, fito dunha existencia dedicada a suturar a fenda entre lectura, adolescencia e lingua galega. Que ela adoptou con entusiasmo, militancia e alén de ideas exotizantes.
“No volume Escritores alófonos, ela rexeita esa etiqueta e lembra a súa ‘historia de amor’ coa lingua”. Se alófona é aquela autora que escolle para a súa obra un idioma diferente ao propio, María Victoria Moreno prefería falar de “autofonía”. Unha vez tomada a decisión, non hai separación, o galego xa era dela. Compromiso e vontade definen mellor, a dicir da biógrafa, a súa relación con Galiza. Ou coa que foi a profesión que a identificou: a docencia. “O meu corazón florece nas aulas”, escribiu unha vez.
Para elaborar A voz insurrecta, Montse Pena entrevistou familia -a filla e o seu segundo marido-, compañeiras -o escritor David Otero, con quen codirixiu a colección Árbore, de Galaxia-, amigas –Fina Casalderrey ou Xavier Senín, que tamén prepararon estudos sobre Moreno- ou alumnas -a académica Rosario Álvarez.
“Fixo todo o que pode facer alguén desde o ámbito literario”, conclúe a biógrafa (…).”
Fai 37 anos da morte de Álvaro Cunqueiro
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”Se de min algun día despois de morto se quixera facer un eloxio e eu estivera dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: aquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.
Señor Cunqueiro, xa pasaron 37 primaveras desde que nos deixou e, mal que ben, aquí seguimos. Lembrámolo e loámolo como vostede loou a Deus por terlle dado o don da fala nosa. Ensinounos que ao dicir rula, bidueira, dorna, ponte e fonte convertiámonos en señores.
Sempre dixo que non cría na inspiracion, pero si na memoria, sempre deformante, e no poder da evocación co que se vai tecendo ese soño incerto que lle chaman vida, que sempre empeza unha vez, nunha ocasión, un día.
Dicían que xa de pequeno lle daba por lerlles o xornal en voz alta aos clientes da xastreria e da barbería que había pegadas á farmacia do seu pais ali en Mondoñedo, e contan que vostede amecíalles as historias e dun crime facía catro. Din tamén que alí descubriu que as palabras máis valiosas son as que enmudecen os que escoitan, e vostede aprendeu a escoitar os que tiñan o don da palabra, aínda que non soubesen escribila, porque o reino das palabras e o reino dos galegos.
“Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo”.”
Compostela: presentación de O tesouro acobillado e outros relatos de Ricardo Carballal Lafourcade
A Coruña: palestra Sobre a poesía e os poetas da Irmandade da Fala, por Teresa López
Bases do V Premio de poesía Gonzalo López Abente
Bueu: presentación de O branco non pinta!, de Antía Otero, e Lumes, de Ismael Ramos
Os mouros do Pico Sacro gaña o premio Antón Risco de literatura fantástica
Desde
Sermos Galiza:
“A terceira edición do premio de literatura fantástica que leva o nome de Antón Risco vén de distinguir Os mouros do Pico Sacro, de Luís Rodríguez Rivera (Mos, 1971). O galardón, convocado pola Fundación Vicente Risco e a editora especializada en ciencia ficcón e fantasía Urco, fallouse o pasado sábado en Allariz.
Fixeron parte do xurado o crítico e editor César Lorenzo Gil, a xornalista Llerena Perozo Porteiro, o escritor Lois Pérez e a novelista portuguesa Fausta Cardoso Pereira, vencedora da pasada edición coa obra Dormir com Lisboa (2017). O ano anterior fora Antonio Manuel Fraga con Querido H.P. Lovecraft (2016) quen se fixera coa distinción. (…)
O xurado do terceiro premio Antón Risco tamén recomendou a edición da obra presentada a concurso baixo o título Sopas New Campbell.”
O Courel: presentación de Os Eidos, de Uxío Novoneyra
Compostela: Filocafé con Inma López Silva
O
domingo 4 de marzo, de 18:30 a 20:00 horas, na cafetaría do CGAC (Rúa Valle Inclán, 2), en Santiago de Compostela, terá lugar un novo Filocafé, coa presenza de Inma López Silva. A entrada será libre e gratuíta. Os filocafés son conversas públicas enfocadas desde un punto de vista filosófico nas que poden participar todas as persoas interesadas en intercambiar inquietudes ou puntos de vista desde calquera área ou nivel de coñecemento.





