Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Afonso Becerra coordina a sección de Literatura Dramática da AELG que organiza na Coruña a I Xornada Literatura Dramática e Teatro Nacional. Na súa opinión, ‘a literatura dramática non se edita, non se estuda, non se escenifica. Non existe’. Pode accederse á entrevista aquí.”
A AELG realiza unha xornada sobre Literatura Dramática e Teatro Nacional
Desde Sermos Galiza
“A sección de Literatura Dramática da AELG nace coa vontade de poñer fin á situación anómala que vive a literatura dramática dentro campo cultural galego, sendo “un xénero sen apenas publicacións e case inexistente nos nosos estudos académicos”, comenta para Sermos Galiza Afonso Becerra, vogal de Literatura Dramática da asociación e profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galiza. Este feito deixa ver “unha eiva grande da literatura e cultura galegas”, engade. Trátase dun xénero que goza de prestixio noutras literaturas, representado por figuras imprescindíbeis como Shakespeare, Lorca ou o galego Valle-Inclán. E é que “non se pode estudar nin entender a literatura española sen considerar Luces de Bohemia ou La casa de Bernanda Alba”, aliás na Galiza esta situación de total descoñecemento da literatura dramática “denota que temos un sistema literario e cultural anómalo”. Unha situación cando menos preocupante dun xénero que se move entre o teatro e a literatura.
A I Xornada Literatura Dramática e Teatro Nacional, baixo coordinación de Afonso Becerra, érguese como “un espazo onde realizar unha análise e partillar coñecementos sobre literatura dramática galega”, un encontro idóneo para poñer sobre a mesa a situación actual deste xénero en Galiza e “sacar algunha acción que nós poidamos levar adiante porque eu non creo que as institucións nos vaian a quitar as castañas do lume”.
Desde a organización propoñen un par de actividades, dous encontros abertos para todas as persoas interesadas, desde as dramaturgas e dramaturgos, estudosos das artes escénicas contemporáneas e tamén para calquera persoa con inquedanzas artísticas e culturais. O interesante destas xornadas é que teñen non só un valor simbólico, “mais tamén de utilidade, deseñadas cunha clara orientación de proveito, laboral incluso, para que sexa rendíbel na nosa realidade cultural, e este é un pouco o obxectivo”. (…)”
A Coruña: presentación de Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena
O martes 8 de novembro, ás 11:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, terá lugar unha roda de prensa-presentación do libro Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Xesús Alonso Montero e Manuel Bragado.
Xavier Queipo gaña o premio de poesía erótica Illas Sisargas con O Home Invisíbel
Desde Sermos Galiza:
“O escritor Xavier Queipo acaba de ser distinguido co XI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas por un poemario intitulado O Home Invisíbel.
O xuri do certame reuniuse na Coruña a pasada sexta feira e estivo composto por, na súa calidade de presidente, Francisco Souto, secretario da asociación cultural Caldeirón, ben como polo gañador da edición anterior, Mário J. Herrero, e por Antón Lois Noceda, animador sociocultural do concello de Malpica, que actuou como secretario.
Un total de 19 obras concorreron a este premio.
O fallo do xuri foi emitido por unanimidade e nel valorouse “a perfeita estructura do libro con elementos recurrentes en formación de bucle. Así como o coidado uso da lingua a fornecer unha intensa e heterodoxa carga erótica”.
Convocou este premio a Asociación Cultural Caldeirón, coa colaboración do concello de Malpica.”
Bases do X Certame Literario Terras de Chamoso
Carballo: presentación de Ode à Madison Ivy, de Verónica Martínez Delgado e faladoiro sobre literatura erótica
A Coruña: inauguración da exposición filatélica do Centenario da Fundación das Irmandades da Fala
O Pleno da Real Academia Galega elixe a Chus Pato académica de número
Desde a Real Academia Galega (foto da RAG):
“O Pleno da Real Academia Galega, na sesión que celebrou o sábado 5 de novembro, elixiu académica numeraria a María Xesús Pato Díaz. A candidatura da escritora ourensá, coñecida como Chus Pato, fora oficializada no Pleno anterior para ocupar a vacante de Xosé Fernández Ferreiro, falecido o pasado 16 de decembro. Na mesma xuntanza de hoxe tamén foi elixido académico correspondente Clodio González Pérez.
Chus Pato (Ourense, 1955) conta cunha frutífera traxectoria poética e artística na que, sen esquecer un arraigado compromiso ético coa condición feminina e co país, desenvolve unha voz renovadora, rupturista cos modelos tradicionais. A súa é unha das voces poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea desde os anos 80 do século pasado, recoñecida tanto en Galicia como alén das nosas fronteiras. (…)
No mesmo Pleno foi elixido ademais novo académico correspondente Clodio González Pérez (Cenlle – Ourense, 1947). Docente de formación, compaxinou este labor cunha fecunda actividade investigadora e divulgadora no campo da historia e da etnografía, recollida en numerosos artigos e libros e recoñecida desde hai tempo con numerosos premios. (…)”
Aberto o prazo de inscrición no curso: O folclore como recurso na estimulación cognitiva de persoas con demencia?
O Departamento de Educación do Museo do Pobo Galego e a Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencias Tipo Alzhéimer (AGADEA) colaboran, desde 2006, coa finalidade de estimular, a partir do patrimonio cultural que o Museo atesoura, ás persoas con demencias tipo alzhéimer. Como froito deste traballo, nace en 2016 a guía Activando a Memoria desde o Museo do Pobo Galego. O folclore como recurso para a estimulación cognitiva, pensada para implementarse desde o ámbito da educación patrimonial e da terapia cognitiva.
No curso O folclore como recurso na estimulación cognitiva de persoas con demencia?, Beatriz Rey e Carme Campo, coautoras da guía, explicarán as diferentes fases de traballo para elaborar estes materiais e porán en práctica varios dos exercicios recollidos nela.
Será no mércores 23 de Novembro, de 16:00 h. a 19:00 h. no auditorio do Museo do Pobo Galego. Está dirixido a persoas do ámbito terapéutico, das eduación patrimonial e a coidadores e coidadoras de persoas con doenzas tipo alzhéimer.
O curso é gratuíto e conta con prazas limitadas polo que é necesario inscribirse antes do 18 de Novembro en deac@museodopobo.gal ou no 981 583 620.
I Xornada da Sección de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional
A I Xornada da Sección de Literatura Dramática: Literatura Dramática e Teatro Nacional, que contará co apoio do Concello da Coruña, terá lugar no Quiosco Alfonso, co seguinte programa previsto:
– 12:00 h. A Literatura Dramática galega na actualidade.
Encontro-asemblea das dramaturgas e dramaturgos que forman parte da AELG, así como doutras persoas non pertencentes á AELG que estean interesadas neste ámbito artístico e literario, aberta a todas as persoas interesadas no ámbito da literatura dramática co obxectivo de tratar do estado no que se atopa a literatura dramática galega actual e intentar formular algunha iniciativa ou actividade que, desde esta Sección da AELG, se poida levar adiante.
– 18:00 h. O proxecto artístico dun Teatro Nacional nunha nación sen estado e o papel da Literatura Dramática nese proxecto.
Clase maxistral a cargo de Xavier Albertí, director artístico do Teatre Nacional de Catalunya (TNC), sobre o proxecto artístico dun teatro nacional, nunha nación sen Estado propio, e cal é o papel da literatura dramática nese proxecto. Contar cun artista do mérito de Xavier Albertí nesta primeira edición das xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG é unha honra e unha ledicia, non só polo interese dos seus contidos, senón tamén polo feito de establecer lazos e complicidades con quen dirixe a principal institución teatral de Catalunya. Este acto está aberto ao público xeral até completar aforo.
A coordinación corre a cargo de Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG.