Contos estraños: “Convocatoria para o volume 11 – A rebelión de Prometeo”

Desde Contos estraños:
“Abrimos unha nova convocatoria para que nos fagades chegar os vosos relatos e poemas que formarán parte do novo volume da revista Contos Estraños, “A rebelión de Prometeo“. A nosa procura desta volta vai dirixida a textos enmarcados dentro do tema da rebelión da humanidade fronte aos poderes dos deuses ou os poderes ultraterreos. Admítense desde contos de corte clásico de traxedia grega, pasando polo gótico do moderno prometeo de Mary Shelley até entrar de cheo no xénero steampunk e deixarnos levar polo entorno futurista para ambientar os avances e implantes tecnolóxicos cos que a humanidade pretende loitar contra a morte e/ou crear vida onde non a hai.
Os terrores primixenios viñeron e marcharon por un tempo, mais deixaron atrás unha semente cósmica, un gran latente cheo de loucura que espera, paciente, para agromar no lugar onde menos o agardan. Se callar, nos corazóns de quen soñan con ser titáns achará calor e humidade dabondo como para florecer e incitar estas fráxiles criaturas a desafiar o estabelecido.
Podedes enviar os relatos até o 1 de Outubro ás 23:59.

BASES DE PARTICIPACIÓN:
Os relatos e poemas deben estar escritos en galego, na norma da RAG ou da AGAL.
Enviaranse en formato OpenOffice, LibreOffice ou Word ao correo electrónico: revistacontosestranhos@gmail.com baixo o asunto: “Contos Estraños – Relatos – volume 11”.

TEXTOS:
Cada relato disporá dun espazo de entre 5000 – 8000 palabras mentres que no caso dos poemas marcaremos un rango de entre 20 – 150 versos. Podes usar ese espazo como gustes, cun só relato/poema ou con varios, mais deberá cumprir o mínimo de palabras (5000) ou de versos (20). Cada relato/poema debe vir sinalado cunha etiqueta simple de xénero (Fantasía, Terror, Anticipación, Agroterror, Realismo máxico…) Dentro dunha lóxica e sen esaxerar, non buscamos cousas como Agrofantasía-retrofuturista.
Cada relato/poema pode ir acompañado dunha presentación da túa vida e obra (prégase o uso do humor e do frikismo para a devandita presentación) de non máis de 100 palabras, que contarán no cómputo xeral das 8000 palabras límite (no caso dos relatos). Se se presentan varias obras e estas superan o máximo de palabras 8000, debe especificarse a orde pola que che gustaría que fosen incluídos.
Os relatos e poemas deben ser orixinais, nunca antes publicados (publicacións electrónicas non contan).

ILUSTRACIÓNS:
Os relatos e poemas poden ir acompañados de ilustracións se así o desexas, mais deberán estar acreditadas (cubrindo a mesma folla de datos de autores) e no caso da súa publicación o autor/autora do texto responderá do seu uso legal en caso de non ser el mesmo o autor da ilustración.

EXEMPLARES:
As persoas seleccionadas recibirán un exemplar independentemente do número de relatos ou ilustracións realizadas, así como un desconto do 30% para a adquisición de exemplares que poderán comercializar pola súa conta.”

Henrique Alvarellos: “Hai que facer libros cos que un non se acorde das redes sociais cando os ten diante”

Entrevista a Henrique Alvarellos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A obra dun editor é o seu catálogo, claro. Como definirías ti o teu catálogo?
– Henrique Alvarellos (HA): É a cultura galega expresada en galego ou en castelán, neste caso. Eu como autor se cadra só publicaría en galego, pero como editor a idea é a partir de contidos galegos chegar, como fan outras editoriais que o conseguiron con moito éxito, como Kalandraka por exemplo, a todos os públicos que poidamos. Acabamos tamén de comezar unha colección infantil para traer autores de fóra e traducilos ao galego. Esa é a idea. A editorial defínese polo asentamento na nosa cultura e despois intenta unha transversalidade total nos temas. Definímonos polas cousas que non facemos: non facemos libro de texto, nin novela contemporánea, tampouco infantil e xuvenil, aínda que agora empezamos. E logo: moito ensaio, poesía, diarios, gústanme moito os temas de non ficción, ou a prosa realista ficcionada. O que pasa é que hai que buscar un equilibrio entre o que lle gusta a un e nesa parte máis pragmática está Marta -a miña muller – dicindo: “tranquilo, porque che gusta moito como lector pero como editor se cadra non funciona”. Ese equilibrio é o que teño que andar buscando sempre, hai cousas que me gustan como lector moitísimo, pero despois… tiven fracasos por aí importantes. Ás veces un cre que é imposíbel que determinados títulos non se vendan, pero é así. Xa non digo miles de exemplares, pero pasar dos mil… E pasar dos mil hoxe en Galiza é complicado. E nós hoxe temos o 80% do mercado aquí.
– SG: Sodes unha editorial diferente no mercado: clásicos esquecidos, gastronomía antes de que fose mainstream… Case diría que fostes buscando ocos.
– HA: Si, iso é. Tamén queriamos facer libros diferentes esteticamente. O libro como obxecto estético, agora hai que facer libros que un non se acorde das redes sociais cando os ten diante, que queira telo na casa, na mesiña de noite, no andel da libraría, que esteticamente aguanten ben. E con moito aparato gráfico. (…)”

Lorena Conde: “Pasamos a vida derrubándonos e reconstruíndonos outra vez”

Entrevista de Montse Dopico a Lorena Conde en Praza:
“Tras a derruba, a desintegración, vén a reconstrución. Os muros, máis fortes, erguidos cos cascallos. Coas pezas que aínda valen. Desbotando as demais. Diso fala Entullo, o libro co que Lorena Conde gañou o Premio de Poesía Miguel González Garcés 2016. A autora era coñecida polo seu traballo no teatro, sobre todo en Matrioshka. Con este poemario, revélase coma unha poeta que fai, da imaxe, a súa mellor forma de expresión. Coa palabra xusta.
– Praza (P): Empeza o libro cunha dedicatoria a catro mulleres, entre elas María Victoria Moreno. A escolla desas mulleres dá pistas sobre o contido do poemario…
– Lorena Conde (LC): Cando o libro estaba xa a piques de publicarse preguntáronme da Deputación, na fase de maquetación, se quería engadir algo. E si, tiña que engadir unha mención a mulleres que foran moi importantes na miña vida. Hai máis, pero no libro quixen lembrar as que xa non están comigo, por todo o que me deixaron. Por iso, que estivesen no libro era unha cuestión de xustiza. Son mulleres poderosas, exemplos de fortaleza.
– P: Unha cita de Beckett encabeza o primeiro poema. Logo sae outra vez, polo menos, no libro. E ti vés do teatro…
– LC: A relación entre Beckett e o libro vén de que, cando empecei a tomar as notas que despois acabaron sendo un libro, cadrou que estaba lendo moito a Beckett. Non eran obras amables, senón bastante duras, e eu mesma estaba a pasar un momento revirado, polo que me resultaba fácil recoñecerme no que estaba a ler. Por iso pensei que non estaría mal mencionar a Beckett… (…)”

Cesáreo Sánchez: “A cultura galega está vencellada inequivocamente ao idioma”

Entrevista a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Como avalías o estado actual da cultura galega?
– Cesáreo Sánchez (CS): O estado da cultura galega está vencellado inequivocamente ao estado do idioma, máis é a cultura como ferramenta de creación, tamén de idioma, a que ten que axudar a subvertir as tendencias de asfixia institucional do noso idioma. A cultura ten que ser unha creadora de espazos de normalidade para o idioma. É un tempo de organizar unha ampla base social, con potenciación de plataformas existentes ou creación de novas, que a defendan activamente coa súa capacidade de construcion dunha sociedade crítica para coas dinámicas de colonización cultural. Estando como está, a nosa cultura, neste tempo tan duro, tan á intemperie institucional, (no libro galego en galego, o descenso entre 2005 e 2015, en axudas á edición, foi de 80%) con algunhas illas en concellos e algunha deputacion, con persoas á fronte con sensibilidade cultural, comprobamos a capacidade que temos de anovar, en tempo presente, con fonda raíz no patrimonio cultural onde beber das fontes da propia tradición. A globalización, tan depredadora, non nos derrotou. Podemos velo na escrita, en todos os soportes, tamén no cinema ou na música. As novas xeracións están a ter un peso determinante e coa aportación tan importante das novas creadoras.
– SG: Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?
– CS: A evolución virá dada polas propias dinámicas que nós sexamos capaces de desenvolver para que a situación de regresión cultural reverta. Sempre se construíu cultura, mesmo sen termos un poder político verdadeiramente galego. Non podemos agardar pola normalidade política-institucional para construír xa hoxe a normalidade cultural. Coa capacidade creadora de mozos e mozas, e a experiencia contrastada dos menos novos, agardo un salto cualitativo cara adiante na evolución da nosa cultura. Será importantísimo ir incorporando as experiencias culturais que con humildade de medios se están a producir dentro do tecido cultural e social, verdadeiras experiencias de investigación cultural, para incorporalas de xeito extensivo na dinamización cultural en toda a Galiza. Neste punto Sermos Galiza terá unha función importante, xa o está a ter. É determinante que sexa tomado coma prioritario o valor estratéxico da cultura na construción da nación, no día a día, e no que subxazan estratexias claras para o medio e longo prazo. E digo que sexa considerado o seu valor estratéxico de xeito efectivo pola administración, que a iso está obrigada. Nunca fixo efectivo, por exemplo, o recoñecemento do sector do libro galego como sector estratéxico para a Galiza, como se recoñece na actual Lei do Libro. Mais tamén ten que ser asumido pola propia sociedade galega máis consciente e xa organizada. (…)”

María Reimóndez presenta Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, traductora feminista, en diálogo con Erín Moure

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Preséntase Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, traductora feminista, en diálogo con Erín Moure, a obra coa que María Reimóndez gañou o Premio Xohana Torres de ensaio. Pode accederse á entrevista aquí.”