Desde Sermos Galiza:
“A quinta edición de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza (Laiovento, 2015) presentouse a terza feira 15 de marzo na compostelá libraría Couceiro. Trátase dunha nova edición revisada e acrescentada con novos artigos do autor, algúns deles publicadas no Sermos Galiza. No acto estivo acompañado por Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que definiu esta obra como “un clásico vivo para a defensa da lingua que vai aumentando en cada edición, porque en cada unha vai incorporando novos artigos e novos debates adaptados á conxuntura do momento”. (…)
Segundo Pilar García Negro, profesora da UDC, Conflito lingüístico “é o grande libro da sociolingüística moderna, por atinar no seu momento -foi publicado por primeira vez en 1976- cun diagnóstico fundamental e coa alternativa, a normalización, que tería que pasar por unha alternativa residenciada na propia Galiza e partir dela no seu conxunto, a nivel político, económico e social”.
Ademais, salientou García Negro, Rodríguez incorporou as máis rigorosas ferramentas da sociolingüística e deu alternativas para a súa normalización, concepto que -sinalou a profesora- “daquela non existía, só falaba diso naquela altura Rafael Ninyoles”. (…)
Nesta quinta edición, Francisco Rodríguez explica que “estamos, pois perante unha nova fase do conflito lingüístico, aquela onde a confrontación ideolóxica e política é a cada paso máis inevitábel e necesaria”. A respecto desta cuestión, Nel Vidal indica que “detrás das accións de políticas lingüísticas sempre hai unha intencionalidade política ou ideolóxica, iso está claro, pero nos usos reais da inmensa maioría da poboación non está esa intencionalidade cando elixe usar unha lingua ou outra. Si intervén e inflúe de forma colateral, pero non na intencionalidade do uso, e por iso ten certo perigo vinculalo á política, porque non vai estar directamente relacionado na gran maioría da poboación”. (…)”
Entrevista ao poeta Eduardo Estévez
Entrevista a Eduardo Estévez na Radio do IES de Brión:
“O departamento de Dinamización Lingüistica en colaboración co departamento de Lingua Galega organizou unha entrevista con este informático de profesión e poeta de devoción nado na Arxentina que decidíu escribir, sentir e vivir en galego. Participaron dous alumnos de 1º de BACH, Lois Mera e Brais Cuns que fixeron un traballo en clase de Literatura Galega sobre o libro de Eduardo Entrar na casa. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Nace a Asociación Italiana de Estudos Galegos
Compostela: exposición A cara oculta dos versos, de Isabel Pintado
Entrevista a Andrea Nunes Brions
Entrevista a Andrea Nunes Brions en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que representa para ti a poesia?
– Andrea Nunes Brions (ANB): Para min a poesía supón unha forma de crecer e partillar, de entrar no ollo das outras, de verse unha mesma danificada nun verso ou espallada nunha metáfora, de me inventar e de rachar co establecido. É unha forma tamén de denuncia, de remover.
É iso que nos axuda a continuar camiñando, esa dose necesaria na vida para non afundir, para sentirme nas outras e sorprenderme. A poesía é “unha arma cargada de futuro” como dicía Celaya, mais é tamén como expresou despois AJO, “unha arma cargada de imperfecto, de pasado imperfecto”. (…)
– P: Que perspetiva tens sobre o estado actual da criatividade cultural, e que conexões -reais ou potenciais- encontras com outros espaços culturais (Lusofonia, etc.)?
– ANB: Temos unha enchente de persoas a facer cousas interesantes e únicas no país, persoas moi creativas e moi implicadas nas diversas formas de creación. Propostas diferentes, coraxosas, transgresoras. A situación, porén, como en todos os eidos, é inxusta. Como no caso das mulleres escritoras, que precisan (mos) de espazos de visibilización e de recoñecemento e autoridade que nunca se lles dá ás súas creacións, ao igual pasa coa escolla ortográfica. Con respecto á lusofonía, agora comezan a agromar propostas moi potentes desde Galiza, mais continúa habendo unha marxinalidade excluinte, e precisamos dunha “irmandade” real, para poder aportar e achegarnos as creacións que a nosa lingua posúe. (…)”
Entrevista a Miguel Vázquez Freire: Ensinar, non sen a poesía
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Ensinar, non sen a poesía: o monográfico da Revista Galega de Educación. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Henrique Harguindey Bonet edita a Historia do nobre Ponto
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Única tradución completa da novela medieval que narra as aventuras de Ponto, fillo do rei de Galiza, que se namora de Sidonia, a filla do rei de Bretaña, feita por Henrique Harguindey. A entrevista pode verse aquí.”
Lugo: Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria
A AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a literatura de tradición oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», terá lugar o 19 de marzo, ás 19:00 horas, na Casa do Saber (Vicerreitorado da USC-Lugo, Praza Pío XII, 3), na xornada previa ao Día da Narración Oral.
O obxectivo principal da Gala é a entrega dos IV Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se concede a dous informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.
A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, aprobada na Asemblea xeral de Socios-as, foi a de outorgar os premios de 2016 a Dolores Macías Pose e Mini e Mero.
No acto, ademais dos premiados, intervirán o grupo de gaiteiros Lúa chea de San Xoán, o acordeonista Eloi Mato, Matilde Vilariño e Francisco Almuíña.
Entrada libre até completar aforo.
VI Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia
Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica, coa colaboración da AELG.
Unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dunha maneira lúdica e participativa. Pretende ser un espazo aberto a todo o mundo onde pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar o labor creativo e o espírito científico como unha forma de pensar realidades antes non imaxinadas.
FICCIÓN CIENTÍFICA
Modalidade única
Poderán presentarse relatos curtos dunha extensión máxima de 800 palabras.
Categorías
O concurso ten dúas categorías: adulto/a (a partir de 18 anos) e moza/o (menores de 18 anos).
Os participantes deben rexistrarse e poden enviar un relato curto en calquera lingua do concurso (catalán, castelán, galego e eúscaro). Cada participante pode presentar máis dun relato, e un máximo de catro relatos, sempre que estes estean escritos en linguas distintas.
Linguas
Os relatos poden estar escritos en catalán, castelán, galego ou eúscaro.
Consulta as BASES do concurso.
LITERATURA E CIENCIA
Inspiraciencia non é só os relatos. Tamén quere ir máis aló do concurso propiamente dito e afundar nas relacións entre ciencia e literatura a través de ciclos de faladoiros, propostas para a aula, lecturas recomendadas, etc.
Faladoiros
Paralelamente ao concurso, organízase un ciclo de faladoiros en distintas cidades. Nesta edición está dedicado á “Ciencia nos clásicos da literatura”. Consulta o programa.
A ciencia do teu clásico/a
Na sexta edición ábrese unha sección nova na que os/as participantes poden compartir a lectura dunha obra clásica da literatura e destacar a ciencia que atoparon na obra. Consulta como participar en FÓRA DE CONCURSO. Sigue lendo