Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Diálogos Manuel María: Manuel Lourenzo. A entrevista pode escoitarse aquí.”
A Coruña: recital de Isaac Xubín e Lorna Saughnessy no Ciclo Poetas Di(n)versos
O luns
18 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Isaac Xubín e a poeta irlandesa Lorna Saughnessy. As célticas notas do ‘whistle’ ou flauta irlandesa acompañarán os poemas de Isaac Xubín, hoxe residente no Reino Unido, mentres que os ingleses de Saughnessy irán seguidos de traducións ao galego lidas pola condutora do acto, Yolanda Castaño. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos abril 2016.
Pontevedra: actividades previstas para o Festival de Poesía Ponte Poética 2016, desde o venres 15
Dez obras significativas da LIX galega, segundo Helena Villar Janeiro
Desde Lermos.gal:
“(…) A grande escritora Helena Villar Janeiro proponnos unha listaxe dos 10 títulos máis significativos da LIX galega de todos os tempos.
– A galiña azul, Carlos Casares.
– A Marela Taravela, Xosé Neira Vilas.
– Os soños na gaiola, Manuel María.
– A expedición do Pacífico, Marilar Aleixandre.
– Abracadabras, Marica Campo.
– Contos por palabras, Agustín Fernández Paz.
– O misterio dos fillos de Lúa, Fina Casalderrey.
– A nena de auga e o príncipe de lume, Xabier P. DoCampo.
– O segredo de Marco Polo, Francisco Castro.
– O meu pesadelo favorito, María Solar.”
Portas: acto de homenaxe a Domingo Fontán, con Marcos Calveiro, o domingo 17 de abril
Ourense: Laura Tato e Carme Fernández Pérez-Sanjulián participan no ciclo de conferencias Abril oteriano
O cubil das letras de… Xabier P. DoCampo
Desde Lermos.gal:
“(…) Este é o recuncho onde paso o máis do día e de xeito especial desde que, hai case dez anos, me xubilei. Aquí leo, escribo, penso e recibo a algúns amigos que teñan gana de botar unha parrafeada. Como se ve, aínda que na foto non sae o cuarto enteiro, estou rodeado de libros (hai outros dous cuartos da casa destinados a acubillar os moitos libros que fun acumulando ao longo da vida), de recordos e dalgunhas das ilustracións (tamén hai moitas máis pola casa adiante) que me agasallaron os ilustradores dos meus libros. Por diante dos libros, ademais de recordos de viaxes e agasallos, hai tamén fotos de momentos da miña vida e dos meus seres queridos ou fotos varias da autoría da mesma persoa que fixo a que aquí podedes ver. Tamén as hai de Castelao, Rosalía de Castro, Bóveda e dos amigos Uxío Novoneyra, Manuel Maria, Paco Martín ou Agustín Fernández Paz. E múltiples debuxos do meu benquerido amigo Xosé Cobas, ligados algúns deles a momentos especiais da miña vida ou do noso traballo en común.
A mesa, como se ve, está chea de libros, papeis, revistas, cadernos… ademais do computador no que escribo ou leo a prensa cada día.
E mais nada, só que aquí tedes a vosa casa tod@s cant@s veñades de boa fe.”
Santa Comba: presentación de O volframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941-1963), de Carme Blanco Ramos
O sábado 16 de abril, ás 18:30 horas, no Edificio Multiusos do Concello de Santa Comba, terá lugar a presentación do libro O volframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941-1963) de Carme Blanco Ramos, publicado en Xerais. No acto, organizado polo Concello de Santa Comba e a editora, participan, xunto á autora, Xesús Alonso Montero, José Antonio Ucha Velo, Manuel Bragado e Carmen Blanco Ramos.
Vigo Literario | Primavera 2016: Urbanita, rural e libertario, o Vigo do que vimos, con Rexina Vega, ADIADO PARA O 21 DE MAIO
Este, paseo, programado para o sábado, 16 de abril, adíase pola previsión meteorolóxica desfavorábel, para o sábado 21 de maio.
A
Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizan este programa de paseos polo Vigo literario.
– Todos os paseos con saída ás 11:30 h.
– 50 prazas por paseo, que se asignarán por orde de chegada das solicitudes.
– A inscrición é independente para cada un dos paseos, sempre a partir das 10:00 horas do día que se detalla en cada paseo, no correo electrónico actividades.snl@vigo.org:
Sábado, 16 de abril
Urbanita, rural e libertario, o Vigo do que vimos, con Rexina Vega.
· Inscrición a partir do día 9 de abril (inclusive).
· Punto de partida: Estación Marítima, diante do Náutico.
O paseo comenza na Estación Marítima, pasaremos polo Berbés, subiremos polo Casco vello e Porta do Sol ata o escenario dos fusilamentos no 36 no Monte do Castro.
Percorreremos tanto as orixes ligadas ao mar, pesca e emigración, como a vida recreativa e teatral de principios de século. O golpe de estado que en Vigo se escenificou na Porta do Sol e a primeira represión no monte do Castro rematarán a viaxe.
A duración aproximada do roteiro é dunha hora e corenta e cinco minutos.
Sábado, 30 de abril
Vigo. A estética do desequilibrio, con Xosé María Álvarez Cáccamo.
· Inscrición a partir do día 23 de abril (inclusive).
· Punto de partida: Cruce Vía Norte con Escultor Gregorio Fernández, a carón do muro da estación do tren.
Este será o traxecto: Vía Norte – Urzáiz – Príncipe – Velázquez Moreno – Progreso – Pracer – San Sebastián – Ferrería – Paseo de Alfonso XI – Elduayen – Porta do Sol – Policarpo Sanz – Doutor Darío Álvarez Blázquez – Marqués de Valadares – Reconquista – Praza de Compostela – García Olloqui – Cánovas del Castillo – Peirao de Trasatlánticos.
A duración aproximada do roteiro é dunha hora e corenta e cinco minutos.