Vídeo do Festival Internacional de Poesía no marco da Feira do Libro de Bos Aires, coa participación de Cesáreo Sánchez
Gasteiz, Euskadi: conferencias de Xosé Estévez e Mercedes Queixas sobre Manuel María
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o venres 6
Do
19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o venres 6 de maio:
– 18:30 h. Voces galegas. Conferencia de Miguel Anxo Fernán-Vello. Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina.
– 19:00 h. Un futuro para a literatura galega. Coloquio con Xavier Queipo e Diego Ameixeiras. Stand.
– 19:30 h. Presentación do libro-CD O viravai (Galaxia). Teatro Valle-Inclán do Centro Galicia.
– 20:30 h. Cociñando con Benigno Campos (Galaxia). Presentación do libro co autor acompañado por Nelly Espiño, Carlos Brandeiro e Xavier Alcalá. Sala Leopoldo Lugones (Pavillón amarelo).
Compostela: actos destacados do venres 6 na Feira do Libro
O
venres 6 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Lateral da Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 19:00 h. Presentación de Contos nerviosos, de Fran Alonso, publicado por Embora, coa participación de María Solar.
– 20:00 h. Presentación de Canta o cuco, libro-CD de Uxía e Magín Blanco, baseado en poemas de Manuel María, publicado en Galaxia. Participan tamén Romina Bal e Víctor F. Freixanes.
María do Cebreiro: “Atraíame a idea do deserto como estímulo para a concepción de comunidades alternativas ás existentes”
Entrevista
de Montse Dopico a María do Cebreiro en Praza:
“(…) – Praza (P): “No deserto hai oasis e espellismos. O principal traballo/ de toda vida humana é aprender a recoñecer/ a diferenza. Non é doado”. Neste, e noutros poemas, o deserto está conectado coa idea da humanidade, coa forza precisa para vivir. Por que? Que é o deserto en O Deserto?
– María do Cebreiro (MC): Tendemos a imaxinar o deserto como un lugar alleo á comunidade, pero a min atraíame a idea do deserto como estímulo para a concepción de comunidades alternativas ás existentes. Polo tanto, o deserto non sería tanto un espazo despoboado como un espazo que impugna a orde habitual da existencia. Nese sentido fóronme de axuda certas lecturas e certas imaxes, entre as que agora destacaría as ideas de Roland Barthes sobre as “comunidades idiorrítmicas”, compostas por persoas que traballan con ritmos singulares, que comparten un lugar pero tamén unha soidade. Dalgún xeito o deserto para min é a posibilidade de compartir a soidade, de cruzar a miña soidade coa dos outros. (…)
– P: “O amor pide guerreiros, persoas afeitas/ a vivir en condicións estremas ou, pola contra, febles. Non tanto para os poñer a proba/ como para sacar á luz a súa potencia oculta”. E despois “por iso flúe conmigo, pura paixón do poema, porque eu non nacín máis que para escribir e ser escrita”. Que é o amor en O Deserto? Por que se relaciona co deserto como plenitude?
– MC: Cando escribín o meu primeiro libro tíñalles medo aos poemas de amor, parecíame que era dificilísimo escribilos sen caer no lugar común. Co tempo comprendín que o amor é a mesma forza que move a escrita. Entendido no sentido amplo no que coido que debe ser entendido, é o que nos impulsa a crear, e tamén a cuestionar os límites que nos condicionan socialmente e os límites cos que nos condicionamos a nós mesmos. No nivel imaxinario, conecto o deserto coa idea do infinito. A potencia amorosa, entendida como unha experiencia de verdade e de lealdade que que nos transforma, carece para min, como o mesmo deserto, de forma e de medida. É incalculable, e por iso non ten que ver coa posesión ou o control, senón coa capacidade de entrega e a liberdade. (…)
– P: Algo máis que queiras salientar de O deserto ou da súa relación co resto dos teus libros? (Ou do cine, por exemplo, que aparece moito).
– MC: Vivín varios anos cun mozo para o cal as imaxes son moi importantes, diría mesmo que forman parte do seu xeito de sentir e de estar no mundo. Todo iso, a través da convivencia, desa experiencia exacta das cousas e da medida das sensacións que che dá o corpo a corpo cunha persoa, vai apousando en ti, e felizmente xa nunca te abandona. N’O Deserto é importante a idea de que o que nos dan os demais vai para alén do que procuramos neles ou do que eles nos tentan dar. Unha vez remata a convivencia, no mellor dos casos pode ter lugar unha destilación que deixa vivas dentro de nós todas as razóns polas que aquela relación foi posible algún día, a pesar do seu remate.
Noutras palabras, aquilo pasa a ser algo que nos conforma, que fica literalmente incorporado ao que somos. Considérome moi afortunada porque isto que tento expresar aquí, a partir da vida en parella, é algo que aprendín na casa desde cativa. Hai anos, cando dicían da miña poesía que era “culturalista” soábame moi estraño. Grazas a meus pais tiven a sorte de entender que a literatura non era tanto un oficio como unha paixón, e que non tiña que esforzarme por chegar a ningures, senón por serlle leal á herdanza que recibira. Por máis sorprendente que resulte (e son consciente de que en moitos sentidos o é), os libros eran o meu horizonte familiar, dun modo moi físico. As paredes da casa familiar estaban, centímetro a centímetro, cubertas de libros. Para min, onte e hoxe, os libros non son máis que aquelas cousas que os meus pais tanto querían e que tanto me aprenderon a amar.”
Marín: presentación de Amor é unha palabra coma outra calquera, de Francisco Castro
Noia: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez e fotografías de Ignacio Castro, “Nachok”
O Grove: 100 anos Manuel Lueiro Rey 1916-2016
O
venres 6 de maio, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, no Grove, terá lugar o acto 100 anos Lueiro Rey 1916-2016, co seguinte programa:
– Proxección do proxecto audiovisual Lueiro Rey. 100 anos, realizado polos alumnos e alumnas do CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes.
– Conferencia a cargo de Ramón Nicolás (biógrafo de Manuel Lueiro Rey) “Memoria de Lueiro Rey no seu centenario”.
– Actuación musical de Rosa Leiro (voz) e Juan Carlos Cambas (piano): obras musicadas de Manuel Lueiro Rey e outros autores galegos.
Durante o acto comezarase a recollida de sinaturas para solicitarlle á Real Academia Galega a concesión do Día das Letras Galegas a Manuel Lueiro Rey.
Preséntase no Centro Ramón Piñeiro unha edición facsimilar da revista Xistral
Desde
a Xunta de Galicia:
“O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou este serán no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) unha edición facsimilar da revista poética Xistral publicada no ano 1949 por Manuel María, autor que será homenaxeado o próximo Día das Letras Galegas.
Valentín García sinalou que, “vista coa distancia que proporciona o tempo, Xistral foi unha aventura literaria que simbolizou tamén a continuidade dunha lingua e dunha cultura”, polo que, máis alá do seu indubidable valor artístico, “é un referente na loita a prol da cultura galega” que ten gañado un lugar de honra na nosa historia.
O secretario xeral estivo acompañado polos profesores Luís Alonso Girgado, coordinador da publicación; Manuel González González, director científico do CRPIH; Blanca Ana Roig-Rechou, directora da área de Literatura do CRPIH, e Claudio Rodríguez Fer, prologuista da edición.
Edición facsimilar
A revista Xistral (Lugo, 1949) foi unha aventura de mocidade do, daquela, aínda estudante de bacharelato Manuel María Fernández Teixeiro, quen dirixiu a cabeceira e publicou nela os seus primeiros versos. Na iniciativa, que durou apenas dous números, contou coa colaboración do seu amigo Manuel Antonio Sopena Somoza. Malia a súa curta vida, nestas entregas figuran poemas de autores lucenses tan destacados como Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro ou Aquilino Iglesia Alvariño.
A edición facsimilar publicada polo CRPIH conta con textos introdutorios de Claudio Rodríguez Fer e mais do responsable da edición, Luís Alonso Girgado, e reproduce tamén unhas palabras liminares a propósito de Xistral pronunciadas no seu día por Manuel María. (…)”



