Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do sábado 25 e domingo 26

OFeira do Libro de Rianxo 2015 domingo 26 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados nos dous últimos días desta edición:

Sábado 25
12:00 h. Presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de X. Ricardo Losada, publicado por Xerais, e Elos de cinza, de Xosé Manuel Lobato, publicado por Ézaro, coa participación de Manuel Bragado, Antón Riveiro Coello e Alejandro Miguéns. Presenta o acto Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo). Na Casa do Concello.
20:30 h. Presentación de A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro, publicado por Galaxia, e de O solpor dos deuses, de Xosé Duncan, publicado por Contos Estraños Editora. Coa participación de Manuel Cartea e Adolfo Muíños Sánchez.

Domingo 26
12:00 h. Presentación do libro infantil As señoras cousas, de Helena Villar Janeiro, publicada por Galaxia e de Leandro e os números, de Rocío Pérez Castro. Participarán no acto Francisco Castro, Lidia Brea e Rita Bugallo. Presenta o acto Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo). Na Casa do Concello.
18:00 h. Actividade infantil. Contacontos por Miguel Ángel Alonso Diz, organizada por Nova Galicia Edicións.

Manuel Portas: “A estrutura literaria galega atópase bastante maltratada”

EntrevistaManuel Portas de Óscar Manzano a Manuel Portas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como valora a realización de certames literarios coma este [Premio García Barros]?
– Manuel Portas (MP): A miña valoración é positiva, tanto antes de obter esta distinción como agora. Estes certames son necesarios para facer forte unha estrutura literaria do país que se atopa bastante maltratada. (…)
– LVG: Xa ten publicadas catro obras narrativas, todas diferentes entre s e en Lourenço, xograr realiza unha viraxe á novela lírico-medieval. ¿A que se deben estes cambios de rexistro?
– MP: Creo que a literatura non debe ter limitacións a ningunha época nin a ningún estilo narrativo. Persoalmente, a época medieval paréceme un momento histórico moi interesante. Lourenço é unha personaxe moi importante nunha etapa na que a lingua galega era respectada e valorada por todo o mundo. Na obra aprécianse tamén os cambios históricos que xurden tanto en Portugal como en Galicia, e desgrana as relacións sociais entre as clases. O protagonista é un xograr que quere ser trobador e atópase co rexeitamento das clases nobres.
– LVG: ¿Como observa a situación da literatura galega?
– MP: Primeiro débese fomentar a literatura, en xeral. Se se estende o goce de ler, despois xa se continuará traballando pola literatura galega. Sen embargo, estase a facer un gran esforzo desde os centros educativos creando actividades para fomentar a lectura. Pero fóra do sistema educativo non hai nada. (…)”

O desexo está na pantalla, videopoema sobre un texto de Carlos Callón

O desexo está na pantalla | Videopoema de Alberte Calo en Vimeo.

Un poema extraído do libro Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, coa interpretación de Antón Blanco e Miguel Gendre, dirixido por Alberte Calo e Alba Romero.

José Luis Moure: “Francisco Luís Bernárdez é a figura ponte que está a unir as culturas galega e arxentina”

DesdeJosé Luis Moure a Real Academia Galega:
“Francisco Luis Bernárdez foi homenaxeado na VII Festa da Palabra, celebrada o pasado 18 de xullo en Esgueva (Madarnás, Carballiño). No acto participaron tanto José Luis Moure como o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, quen asinan dous capítulos do volume dedicado ao poeta, xornalista e diplomático. Esta monumental biografía colectiva foi deseñada e coordinada polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar, quen este mércores acompañou o profesor Moure nunha visita institucional ao Concello do Carballiño. O consistorio inicia así os trámites para declarar o presidente da AAL fillo adoptivo.
(…) – Real Academia Galega (RAG): Como descubriu José Luis Moure a Francisco Luis Bernárdez?
– José Luis Moure (JLM): Foi algo, como as cousas importantes, casual. Un día ocorréuseme retirar da Biblioteca de la Caja Nacional un libro seu. Sabía que era poeta e que se estudaba na secundaria. (…)
– RAG: Que pegada galega coida que quedou nas letras arxetinas? No libro dedicado a Bernárdez, Armando Requeixo sinala que fai falta redescubrir a súa “matria Galicia” para devolvelo “máis grande e plural á súa patria Arxentina”.
– JLM: Se somos obxectivos e non queremos aternos só ao sentimental, a cultura galega está representada maioritariamente por un grupo enorme de inmigrantes con escasa instrución e un grupo moi reducido, coñecido, como sempre pasa cos intelectuais, por outro grupo moi reducido, e do que eu nunca tomei coñecemento. A miña familia non participaba na vida da colectividade nos centros rexionais, eu coñecín o do Carballiño cando xa era profesor da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Buenos Aires e me convidaron a participar nunha actividade. Mantívenme alleo a iso e os ecos chegaron indirectamente, no caso de Bernárdez de maneira moi directa porque era un home de dúas culturas (…). Pero non quero ser inxusto: no Centro Galego de Buenos Aires existía e existe unha moi rica biblioteca, feita seguramente por intelectuais galegos que eu non coñecín (…). O outro foi un contacto lento, que fun adquirindo despois, lendo algunhas cousas de Castelao e, por suposto, as obras de Rosalía de Castro que había na miña casa e que comprara o meu pai. (…)”

Manuel Portas: “O amor segue a ser o nó central do que escribo”

EntrevistaManuel Portas a Manuel Portas en Galaxia:
“Onte ao mediodía coñecíase a identidade do gañador do Premio Manuel García Barros que auspicia o Concello da Estrada e que publica a Editorial Galaxia. Manuel Portas, coa súa novela titulada Lourenço Xograr facíase merecente do premio deste ano. Polo outono, a súa obra será publicada na nosa editorial na colección Literaria.
Co gallo do galardón mantivemos unha apresurada (había dez minutos que recibira a chamada do xurado) conversa con el sobre algúns detalles do premio e da novela.
– Galaxia (G): Empezamos con un tópico: que sentiches cando te chamaron do xurado para comunicarche que gañaras o premio?
– Manuel Portas (MP): Ao principio, certo mosqueo, para que negalo, porque vou con certa frecuencia á Estrada e pensei que a chamada era para me comunicar unha multa desas que che poñen co radar. Despois, cando falei co Concelleiro de Cultura –por principio, encargado dunha parcela diferente a das sancións de tráfico– e con Carlos Lema e aínda tamén con Xoán Blanco Valdés, o mosqueo tornouse en ledicia. Que vou dicir, que é un pracer un premio coma este, que vén da man dun xurado tan cualificado como o que valorou nesta edición o García Barros.
– G: Estamos diante dunha novela histórica. Adoita decirse que as novelas deste xénero sirven, tamén, para explicar o noso presente. É o caso da túa?
– MP: Da historia sempre se aprende, obviamente. Mediado o século XIII, no momento álxido da nosa lírica medieval, hai momentos, encrucilladas, que marcaron o noso futuro como país, como nación. A crise política en Portugal, o posicionamento e a deriva da nobreza galega, submisa co poder monárquico, cedendo independencia en favor das coroas orientais, León primeiro, Castela despois, a guerra contra os mouros e a crise económica conseguinte, o poder sinuoso de Roma, as aspiracións de Afonso X ao Sacro Imperio Romano… Todo acabou marcando a deriva do noso país.
Mais por riba de todo, tentei fotografar ao fondo o mundo da escrita, o dos ambientes cortesáns en que se compuña esa literatura, onde política e estética, onde estratos sociais e valor artístico se mesturaban. Aí é onde se engrandece a figura dun simple xograr, Lourenço, que aspirou toda a vida a ser recoñecido como trobador, enfrontándose ao clasismo que lle impedía brillar pola súa valía artística. A primeira vez que souben de Lourenço foi na miña etapa de estudante. Sempre me fascinou a súa perseverancia, a súa ousadía. “Assaz é meu amigo trobador!”, comeza unha cantiga del, nunha autogabanza descarada, nun poema en que a súa amiga louva os méritos literarios que lle negaban ao seu namorado. Lourenço é sensacional, e o tempo en que vive, fascinante.
– G: Sintes que hai diferenzas entre esta novela premiada e o resto da túa obra?
– MP: Creo que o amor segue a ser o nó central do que escribo. O amor á muller, neste caso desde a idealizada óptica platónica da lírica medieval; o amor ás persoas, a ese ser colectivo, o amor ao país, sublime quitaesencia requintada do pobo real. Non é nada orixinal e, xa que logo, pola mesma razón, son moi atrevido. Mais hai outros compoñentes. A xeopolítica, as relacións con Portugal, as grandezas e as miserias do mundo cultural… Vexo na historia un constante remoer no que aínda vivimos inmersos. No que se refire á técnica narrativa, manterei a prudencia respectuosa pola opinión dos e das especialistas e, sobre todo, pola dese receptor anónimo que, a fin de contas, é para quen escribo.”

An Alfaya: “Fomentar na infancia o desenvolvendo da imaxinación e da creatividade é a vía que nos queda para salvarnos de nós mesmos”

EntrevistaAn Alfaya de Carlos Loureiro a An Alfaya en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): A imaxinación narrativa nace con unha ou adquírese? De onde cres que saíu ese teu espírito narrador?
– An Alfaya (AA): Se algo nos distingue do resto dos seres vivos é a nosa capacidade de fabulación. A imaxinación, esa fonte inesgotable que nos fai transcender, está en nós dende os primeiros albores; ás veces queda latente toda a vida e non emerxe, e outras turramos dela, convertémonos na súa cómplice, e conseguimos mediante un máxico xogo de prestidixitación que rescate á creatividade que todos agochamos, dándolle forma a unha manifestación artística con forma de poema, relato, novela, peza teatral, ensaio, escultura, pintura, partitura, etc.
As experiencias persoais adquiridas, as frustracións, os anacos de felicidade, os anhelos, a vida mesma, van completando a diario o universo imaxinativo, agás aquel que a razón, castradora, impón.
Sempre pensei que fomentar na infancia o desenvolvendo da imaxinación e da creatividade é a vía que nos queda para salvarnos de nós mesmos. (…)
– NG: Posuímos unha excepcional literatura contemporánea dirixida a lectoras e lectores de idades máis temperás… mais que lle falta a esta nosa literatura para dar ese gran salto fóra das nosas fronteiras?
– AA: Non lle falta nada en canto a calidade literaria comparativamente con outras literaturas. Fáltalle todo en canto a que se apoie e potencie o traballo das creadoras e creadores dende as institucións e os ámbitos de poder, que se establezan os mecanismos, as redes e as pontes para que desaparezan as fronteiras á par que os complexos provincianos. (…)
– NG: Cando te pos a escribir, a inventar historias, a artellalas… estás a “crer na bondade da literatura para que medren os soños dos seus numerosos lectores e lectoras”, como figura escrito por aí, ou máis ben como un feito de normalización da nosa literatura nestas idades para o fomento lectura posterior?
– AA: Cando me poño a escribir son absolutamente egoísta. Non penso no potencial lector. Unha historia nace na miña cabeza, medra cando me dispoño a escribila, desenvólvoa e morre cando se publica. Non volvo lela nunca máis, agás de xeito excepcional. Logo comparto o meu mundo creativo poñéndoo a disposición do goce ou da crítica do lector. Ante todo escribo como necesidade persoal de crear mundos paralelos á realidade cotiá para sobrevivir no caos. Se hai alguén, cativo ou adulto, que desexa inmiscirse no meu caos, e se a miña realidade paralela trala lectura dalgún dos meus libros intervén na súa propia, será pola súa forma de descodificar o que eu conto, non porque eu teña unha pretensión directa de influír nel ou nela. O contacto directo cos lectores sempre é gratificante polo que supón de intercambio de impresións, pois moitas veces coas súas lecturas encontras submundos dos que non foras consciente, e o feito de que che amosen os erros e os acertos resulta sempre enriquecedor.
– NG: Que vén a ser máis importante para ti nunha obra literaria, a procura do goce persoal do lector ou da lectora ou máis ben o didactismo que esta historia forneza? Claro que se combinamos os dous aspectos…
– AA: Creo que o primeiro obxectivo dunha obra literaria, ou de calquera obra creativa que se teña coma tal, debería ser procurar no lector que se faga preguntas, que o antes e o despois de pasar por ela supoña un cambio, que experimente unha sensación que lle invite a cuestionar referentes e referencias. Eu entendo o goce nese senso. En calquera caso, unha obra literaria debería esta illada do didactismo, tanto máis canto máis cativo é o receptor, que carece recursos para interpretar as claves do que se lle amosa. (…)”

Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do venres 24

OFeira do Libro de Rianxo 2015 venres 24 de xullo continúa a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

12:00 h. Presentación de Caderno de Literatura Popular 2, Cantigas de aquén e de alén mar: Jesús Faustino Rañó Rodríguez, de Raquel García Abuín, e de Nacionalismo galego. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975), de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, publicado por Laiovento. Presentado por Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo), coa participación de Eulalia Agrelo Costas e Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, na Casa do Concello.
20:30 h. O escritor e músico Xurxo Souto presenta Océano para terrícolas, espectáculo baseado no seu libro Contos do Mar de Irlanda, publicado por Xerais. Presenta Xesús Laíño, da Asociación Cultural Barbantia.
21:30 h. Actividade infantil. A nena e o grilo, por Magín Blanco.