Noia: presentación de Noia e Muros. Paisaxes urbanas de séculos I. Dende as orixes ata o ao 1950, de Pedro García Vidal
Eli Ríos: “Sempre hai unha nai supermuller e superheroína que pode con todo”
Entrevista
de R. Castro a Eli Ríos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Gañaches o primeiro Torrente Ballester con modalidade só de galego…
– Eli Ríos (ER): Si, é fundamental e importantísimo o traballo que fixeron na Deputación da Coruña, porque non só dignifica o traballo das autoras, senón que dignifica o premio, que antes compartían tanto en castelán como en galego, e dignifica a todo un equipo enorme que hai por detrás, porque hai un comité elector e un xurado dunha calidade impresionante. E tamén toda unha serie de medios que están postos a prol do galego, sempre defendendo o que é a creación en galego. Teño que dicir que é unha auténtica honra poder estar neste premio e con este novo impulso que se lle deu.
– SG: E ademais é a túa primeira novela, logo de gañar varios poemarios e gañar unha manchea de premios. Como foi que te botaches á narrativa?
– ER: Pois por necesidade, estaba nun momento no que precisaba retos na vida e quería contar unha historia, non me chegaba un poema e precisaba a extensión da narrativa. Ademais, esta novela ten unha complexidade formal coa que quería experimentar e xogar. Eu sempre o digo, as primeiras que nos temos que divertir co que escribimos somos as autoras. Non é un texto comercial, ten unha voz que é o fluír da consciencia, que xa de por si é moi complicado. Imaxinemos Joyce, todo o mundo opina sobre o Ulysses, pero ninguén o leu, porque é moi complicado de seguir. Para min supuña un reto facer un fluír da consciencia. E a outra voz é un diálogo, non hai un narrador que nos mastigue as palabras ou as situacións. Esixe unha interacción e que a persoa que le traballe nese texto para poder comprendelo e seguir a historia.
– SG: E que máis nos podes contar de Luns? Sabemos que é un personaxe feminino diante dunha situación vital dramática e que está escrita con perspectiva de xénero…
– ER: A perspectiva de xénero non vén ser outra cousa que unha protagonista que conta a súa propia historia. Estamos afeitas na narrativa a que sexa un narrador -e normalmente masculina- que nos vaia dictando as pautas sobre o que debe sentir ou como se debe sentir ou debe reaccionar. Neste caso é ao revés. A acción márcaa directamente a protagonista a través do que sente e a través do que vai vivindo, que é quen leva a acción adiante. É unha nai dunha nena e dun neno que ten 37 anos e que ten unha vida montada. Nesa vida entra un elemento que a distorsiona, que é un diagnóstico de cancro, que fai que esa realidade cotiá teña outra mirada sobre as relacións sociais, as relacións amorosas, os coidados, que sempre recaen na muller. Iso é o que ofrece Luns. (…)”
Compostela: presentación de O alfaiate portugués, de Xavier Senín
O
xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), en Santiago de Compostela, preséntase O alfaiate portugués, de Xavier Senín, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Xabier P. DoCampo e Víctor F. Freixanes.
Danse a coñecer as obras gañadoras do V Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro
Desde
Crónica3:
“Miriam Ferradáns Ferradás, natural de Bueu (Pontevedra), álzase como gañadora da V edición do Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, Premio convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo. O traballo presentado pola gañadora que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten por título De tacto.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra titulada Regreso a Ítaca, da que é autor, Modesto Carlos Fraga Moure, de Fisterra.
Xosé Antón Fortes Torres acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra Ofelia sen dó. Xosé Antón Fortes é de Sarria.
A entrega do premio terá lugar o sábado 7 de xaneiro de 2017, segundo o seguinte programa:
– 12:00 horas. Recepción oficial na Casa do Concello.
– 12:15 horas. Ofrenda floral ante a tumba do poeta Leiras Pulpeiro.
– 12:45 horas. Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.”
Gondomar: faladoiro con Antón Riveiro Coello arredor de A ferida do vento
A
quinta feira 15 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Libraida (Rúa Rosalía de Castro, 13), en Gondomar, terá lugar un faladoiro con Antón Riveiro Coello, organizado por Carlos Méixome, arredor de A ferida do vento, publicada en Galaxia.
Vigo: presentación de Non hai outro camiño, de Isaac Xubín
O
xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), de Vigo, terá lugar a presentación do libro Non hai outro camiño, de Isaac Xubín, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Bragado.
Compostela: presentación de e Caín, de Paco Souto
A
quinta feira 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Paco Souto presenta e Caín, publicado por Laiovento.
A Coruña: Carlos Taibo presenta O penálti de Djukic
Adeus Ano Castelao, adeus Ano Manuel María
Des
de
Sermos Galiza:
“(…) Nesta semana coinciden os dous actos de peche destas celebracións. O 15 de decembro no Teatro Colón da Coruña e o 18 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A música amorosa das palabras é o título do concerto de Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández que porá o ramo o vindeiro xoves día 15 de decembro ás 20:00 horas á conmemoración do Ano Manuel Maria por parte da Casa-Museo Manuel Maria, co apoio da Deputación da Coruña. No concerto interpretaranse 20 pezas, desde as máis emblemáticas como “O carro” ou “Manual para deprender a Señorito” até outras que farán un percorrido pola obra do poeta, desde as composicións máis íntimas até as máis comprometidas, pasando por algunhas irónicas. Ademais, tamén servirá de presentación da segunda edición do traballo en que Uxía canta a Manuel María que sae cun novo formato con 52 poemas, un para cada semana do ano.
“Para nós o traballo de difusión da súa obra non vai rematar en 2016 mais quixemos poñer un broche a este intensísimo ano cun acto que pensamos tamén como recoñecemento a tantas persoas que se implicaron na difusión da obra de Manuel María, un recoñecemento para entidades culturais, viciñais ou deportivas, bibliotecas públicas, centros de ensino e profesorado, xente do teatro que puxo en escena nove pezas súas, grupos musicais que fixeron cancións dos seus poemas e tantísimas persoas que contribuíron de forma decisiva para que a sociedade perciba a Manuel María como intérprete dos soños colectivos de galegos e galegas”, sinalou Alberte Ansede, da Fundación Manuel María.
Alberte Ansede destacou a relevancia de xuntar no mesmo concerto os nomes de Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández e anunciou que o acto servirá tamén para a presentación da segunda edición do traballo en que Uxía canta a Manuel María que sae cun novo e orixinal formato con 52 poemas, un para cada semana do ano.
A Gala Ano Castelao, que terá lugar o domingo 18 de decembro ás 18:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra, reúne teatro, música e humor gráfico nun espectáculo multidisplinar para adultos.
Estará presentada pola actriz Bea Campos e contará coa presenza do humorista Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila, cun espectáculo adaptado de humor gráfico, con Xurxo Souto, Lydia Botana e 2naFronteira na parte musical, e con pezas teatrais que correrán a cargo de Celso Parada e de Limiar Teatro.
A entrada é de balde pero é necesario retirar ou reservar os convites con antelación.”


