Curtis: entrega dos premios do X Premio Narración Curta do Concello de Curtis
O venres 27 de marzo, ás 19:30 horas, na Casa da Xuventude de Curtis (Avenida Principal, s/n), farase a entrega do X Premio de Narración Curta do Concello de Curtis. Do certame temático, que nesta edición propuxo os deportes como eixo levando por título Olimpíadas Curtis 2014, resultaron gañadores os seguintes traballos:
CATEGORÍA A:
– 1º. Mariña, de Ana Santorum Martínez (Lalín).
– 2º. Xaque ó rei, de Noelia Parracho Rial (Cambados), e Fundíndome no Mar do Norte, de David Picado Liñares (A Coruña).
CATEGORÍA B:
– 1º. Baleas, de Lara Dopazo Ruibal (Marín).
– 2º. Segunda oportunidade, de Julio César Carracedo Pose (Arteixo).
Fixeron o labor de xurado: Guti Fernández, Sara Martínez, Manuel Rico Verea e Ramiro Torres.
Rosalía Fernández Rial: “A poesía ha de servir para dar voz aos silenciados e esperanza a quen aínda cre na utopía”
Entrevista de Montse Dopico a Rosalía Fernández Rial en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Sempre che interesou a interdisciplinareidade, o intercambio entre distintas artes. A iso responde o proxecto de Elo? Como xorde? (Tendo en conta que empezaches coa música, antes de facer poesía)
– Rosalía Fernández Rial (RFR): En efecto, penso que a arte só se pode comprender dun xeito interdisciplinar, intercomunicado. Se entendemos a música e a poesía nun sentido amplo, a súa separación conforma un artificio forzado e actúa como limitador do proceso creativo. O poema non deixa de ser unha partitura fonética e calquera xogo melódico consciente pode condicionar por completo o resultado literario final -tanto na lectura individual como na súa translación á escena-. Nese senso, o feito de terme formado en música, literatura e teatro foi determinante na construción desa concepción.
Evidentemente, o proxecto ELO enmárcase nesa visión. Pero cunha diferenza de base fundamental: a comunicación co “outro”. ELO é un diálogo entre o poema xa escrito -desde os postulados individuais comentados- e a música doutra persoa con principios compatibles mais diferentes aos meus. Por iso a nosa unión dá como resultado un produto diferente: un disco de poemas. Non é un libro nin un CD convencional con letra cantada. Desa forma, o texto adquire musicalidades diferentes ás que tiña de xeito independente, cobra outras vidas e enriquécese ao ser lido e reinterpretado desde unha perspectiva á da autora. E o mesmo acontece coa súa transferencia á escena compartida, onde a esas dimensións se suma a presenza de dous corpos na esfera doutro código artístico máis.
En definitiva, ELO xorde da necesidade de tecer retallos artísticos desde direccións e perspectivas diferentes; da literatura musical á música literaria, a través da imaxe escénica e o formato audiovisual, pois todo iso pode ser poesía. Desde unha óptica holística, viva e interdisciplinar que orixine formatos diferentes, así como novas formas de recepción e de reflexión compartida. Con tanta admiración pola lírica medieval como pola arte contemporánea.
– MD: No disco recitas poemas escollidos de Vinte en escena e de Ningún amante sabe conducir. Ningún amante resulta, se cadra, máis intenso e erótico que lido, como se as imaxes gañasen potencia. Tamén a denuncia da intemperie das persoas excluídas gaña, se cadra, forza nos poemas de Vinte en escena. Era o obxectivo, respecto dos textos? Como concibiches o diálogo con eles a través da música?
– RFR: Por suposto. A lectura dos poemas non pretende ser unha simple translación do papel á voz oral. Hai unha vontade interpretativa diferente, unha intención de outorgarlle unha nova dimensión ao escrito. Se os instrumentos de expresión son diferentes o resultado non pode ser o mesmo e niso investín moito esforzo. En canto á combinación do texto coa música, cómpre aclarar que en ELO entendemos ambas linguaxes como un todo en constante diálogo. É dicir, o melódico non actúa como fondo ou acompañamento da palabra, senón que conforma con ela unha unidade artística nova, diferente. Por iso cada tema foi composto de maneira exclusiva e específica para cada conxunto de versos. (…)”
Lugo: recital poético O lume da palabra, por Isidro Novo
O venres 27 de marzo, ás 19:30 horas, na Libraría Gato Neghro (Rúa San Roque, 32) de Lugo, Isidro Novo recitará, baixo o lema O lume da palabra, un feixe de versos inéditos, presentado polo poeta Miguel Ángel Curiel.
Pontevedra: presentación de Salseiros, de Suso Lista
O xoves 26 de marzo, ás 12:00 horas, na Escola de Enxeñeiros Forestais de Pontevedra, Suso Lista presenta o seu libro Salseiros, publicado por Edicións Embora.
Bases da XXVII edición do Premio de Novela Manuel García Barros
Bases do XIX Premio de poesía Avelina Valladares
A Coruña: actividades destacadas do venres 27 de marzo en CoruñaMayúscula
O venres
27 de marzo, no Centro Ágora da Coruña, terán lugar estes actos destacados dentro do festival CoruñaMayúscula:
– 18:00-20:00 h. Aula 7. Obradoiro de poesía a cargo de Miguel Anxo Fernán-Vello.
– 19:00 h.. Encontro con Alfredo Conde. Ernesto Sánchez Pombo e Xan Arias.
– 20:30 h. Debate entre Diego Ameixeiras e Aníbal Malvar sobre a diferenza entre plaxio e homenaxe no xénero negro.
Compostela: presentación de oso, mamá, si?, de María Lado
O venres 27 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario oso, mamá, si?, de María Lado, publicado en Xerais.