A Coruña: actividades do 2 de agosto na Feira do Libro 2024

Xosé Carlos Carracedo Porto, gañador da terceira edición do Premio Exeria de creación literaria

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“Convocado pola Concellaría de Capital Cultural de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863, xestionada pola escritora Yolanda Castaño, o Premio Exeria a proxectos de creación literaria escolleu a proposta do compostelán Xosé Carlos Carracedo Porto como a gañadora da súa terceira edición.
A decisión foi tomada por un xurado conformado por expertos da área compostelá no mundo do libro, como son a escritora Rosa Aneiros, a editora e xestora cultural Eva Mejuto e a editora Andrea María Jamardo, que escolleron o proxecto gañador entre as sete propostas presentadas a concurso.
O xurado acordou por unanimidade conceder o premio a Xosé Carlos Carracedo Porto pola súa proposta dunha “novela arredor da infancia, a memoria e a identidade” que cualificaron como “un proxecto sólido, con grande ambición literaria e cun plan de traballo ben definido e artellado e viable no tempo”. O fallo tamén destacou “a definición dos espazos, estrutura e personaxes avalan o compromiso e a responsabilidade creativa do proxecto, ademais da vinculación expresa do proxecto coa cidade de Santiago e pon en valor a súa “calidade literaria”.
O escritor aloxarase na residencia Residencia La Baldi, situada na aldea de Montegiovi, no sur da Toscana, para concentrarse durante catro semanas no proxecto literario que presentou. (…)”

A Coruña: actividades do 1 de agosto na Feira do Libro 2024

Alberto Ramos gaña o Premio Abrente de textos teatrais con Os servizos prestados

Desde Nós Diario:
“O escritor e xornalista Alberto Ramos Ríos (Santiago de Compostela, 1986) gañou o 19º Premio Abrente de textos teatrais coa súa obra Os servizos prestados, o cal convoca o Concello de Ribadavia (O Ribeiro) a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT).
Segundo informa a MIT de Ribadavia nun comunicado, o xurado concedeu, por unanimidade, este galardón polo seu “interese social, con posibilidade de xerar debate ao redor da explotación e da autoexplotación laboral e o risco que implica de perda de dereitos da clase traballadora conquistados historicamente”. O premio consiste en 4.000 euros e a edición da obra gañadora.
Así mesmo, pon o foco na perda de vínculos de amizade por motivos de relacións laborais. Destaca polos seus cambios de personaxes, ritmo, ruptura da cuarta parede e uso de metáforas que concede ao texto moito interese escénico e calidade artística.
Ademais, o xurado subliña que “non é unha obra plana nin cunha única capa de recepción, xa que a complexidade dos personaxes e a capacidade para demostrar distintos puntos de vista fai de Os servizos prestados unha obra profundamente reflexiva e de recepción activa”.
O xurado está composto pola actriz e dramaturga premiada en 2023, Nerea Brey; o actor Rubén Porto; Marcos Alonso, membro da Sala Ártika, así como polo director artístico da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual.
Alberto Ramos cultivou diferentes galardóns literarios, o último deles foi o Premio Rafael Dieste co que se estreou como dramaturgo en 2023. Actualmente, traballa na área de comunicación da Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG).
Por outra parte, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia concedeu a Iribarne, de ButacaZero, peza da dramaturga Esther Carrodeguas, o Premio do Público deste ano 2024, segundo deu a coñecer esta terza feira.”

Noia: Literatura e medios de comunicación na Galicia de hoxe, o 3 de agosto

Literatura e medios de comunicación
na Galicia de hoxe
(Noia, 3 de agosto de 2024)

PROGRAMA

10:00h-10:30h Inauguración.
Participan: Santiago Freire (alcalde de Noia), Agustín Dosil (Director do Campus do Emprendemento e do Saber de Noia), Armando Requeixo (coordinador da xornada Literatura e medios de comunicación na Galicia de hoxe).

10:30h-11:30h Relatorios:
10:30h-10:50h Noelia Gómez: Xornalismo dixital e escrita
10:50h-11:10h Lois Alcayde Dans: A literatura nas revistas culturais e nos xornais
11:10h-11:30h Marta Neira: A recepción literaria nos medios de comunicación

11:30h-12:00h Café.

12:00h-13:00 Mesa redonda:
Participantes: Noelia Gómez, Lois Alcayde Dans, Marta Neira.

13:00h-13:15h Clausura
Santiago Freire (alcalde de Noia), Valentín García Gómez (Secretario Xeral da Lingua, Xunta de Galicia), Agustín Dosil (Director do Campus do Emprendemento e do Saber de Noia).