Compostela: proxección de Morreu o demo. Acabouse a peseta, no Museo do Pobo Galego
O xoves 11 de decembro, ás 19:00 horas, no auditorio do Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval), proxectarase o documental Morreu o demo. Acabouse a peseta, que leva por distintas rutas dos títeres europeos de luva até chegarmos as raíces do títere galego máis popular: Barriga Verde.
Esta proxección do documental, realizado por Pedro Solla, forma parte das actividades paralelas que acompañan a exposición temporal De feira en feira, que pode ser visitada no Museo até o 11 de xaneiro.
Culturgal demostra a vitalidade da cultura galega
Artigo en Sermos Galiza:
“Se o Culturgal ía seguir mantendo o nutrido público da anterior edición a pesar do cobro por entrada e de se realizar nunha fin de semana longa era unha das preguntas que pairaban sobre a Feira das Industrias Culturais desde a sexta feira día 5 que abría as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra. O domingo á noite, cando as portas se pechaban e os stands comezaban a desmontarse a organización mostrábase optimista ao se rexistrar mesmo un lixeiro aumento a respecto da anterior edición e situarse en 14.450 entradas vendidas. O ambiente de consolidación da Feira aprezábase tamén en que a organización se despedía anunciando xa as datas do vindeiro ano que, outra volta, será na fin de semana da ponte de decembro, os días 4, 5 e 6 de decembro.
O presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, aventuraba na inauguración da Feira que esta sería a edición da “consolidación” e repetía a idea da “construción en man común” coa implicación das administración, as empresas e o público. No balanzo final, Bragado aseguraba que “os datos supoñen o respaldo do público á idea de corresponsabilidade, futuro compartido e valoración da cultura que lanzamos desde Culturgal”.
Quedaban atrás tres días, máis de 30 horas de programación, arredor de 150 actividades de distintos ámbitos entre as que se atopaban novidades editoriais, música ao vivo, presentacións de iniciativas culturais, novidades tecnolóxicas, proxectos… todo un amplo abano de propostas para que cada ano Pontevedra se converta en punto de encontro e lugar de referencia para as novidades da nosa cultura. (…)
Tamén a presenza dun amplo grupo de escritores e escritoras con novidades editoriais recentes como Suso de Toro, Xabier Quiroga, Francisco Castro, Helena Miguélez-Carballeira, Fran Alonso, Xurxo Souto, María Reimóndez, Pere Torabuela, Núñez Singala, Alberto Ramos, Antón Dobao ou Ledicia Costas atopáronse ao vivo co seu público durante tres días nos que non houbo parada. (…)”
“Na mesa de debate A crítica literaria en Galicia, no Culturgal 2014″, por Ramón Nicolás
Crónica de Ramón Nicolás arredor do encontro sobre A crítica literaria en Galicia, proposto pola Sección de Crítica Literaria da AELG, desde o blogue Caderno da crítica:
“Resultou, ao meu ver, moi interesante e suxestiva a mesa de debate que se celebrou onte sobre a crítica literaria en Galicia, nun espazo que Culturgal brindou á Sección de Crítica da AELG, organizadora do evento. Os adxectivos veñen ao fío de que o encontro, alén de cumprir co obxectivo de visibilizar a existencia da devandita sección, posibilitou un intercambio de opinións, de perspectivas e puntos de vista sobre parte da crítica que se fai en Galicia e, ademais, tal e como desde o Culturgal se sinalou, contribuíu a desvelar as caras da crítica, cando menos algunhas delas.
A intervención inicial, que correspondeu a Roberto Pascual, comezou facendo referencia ao feito de que a tarefa crítica non remata na lectura individual. Ao seu ver, a crítica, entendida como creación, posúe unha función que vai máis alá do factor puramente mediador e informativo, engadindo que no caso da crítica teatral posúe a especificidade dun ámbito receptor particular que, no caso das críticas a espectáculos, se estende ás compañías teatrais e mais ao ámbito pedagóxico. Non faltaron as referencias á marxinalidade da crítica teatral nos medios, salientando a relevancia do papel que desempeña neste ámbito unha publicación como é a Revista Galega de Teatro.
Montse Pena, que viña tamén de presentar a revista dixital Criaturas, dirixida por Ledicia Costas e Daniel Landesa, da que forma parte do consello da redacción e que recomendo vivamente visitar, articulou a súa intervención partindo dunha posible definición da práctica crítica, acreditando na persecución dun obxectivo como é o de realzar a función estética do que se escribe e comunica. Nucleou, asemade, o seu discuso no que atinxe á crítica da LIX, sendo consciente de que escribe para persoas mediadoras e non directamente para a infancia. Concluíu, tras a referencia cumprida de onde ler crítica de LIX en Galicia, abrazando a intención de se presentar como unha “incitadora a ler”, lectura que debe ser inoculada, claro é, coa sedución pois tal e como Pennac deixou dito: “o verbo ler, como o verbo amar, non soporta o imperativo”.
Mario Regueira, pola súa parte, centrou boa parte da súa intervención en compartir unha reflexión sobre a autonomía real da crítica en Galicia, aludindo á súa propia experiencia como crítico, con periodicidade semanal nos dous últimos anos desde as páxinas de Sermos Galiza, e o que isto conleva como a procura dunha representación paritaria no que se refire a xéneros literarios e non só. Ao tempo, insistiu na necesidade de realizar unha autocrítica desta ocupación, apelando á necesidade de obxectividade e argumentación no traballo crítico, algo ben difícil -sobre todo o primeiro- ao facelo nun país non que non é difícil atoparse, antes ou despois e indefectiblemente, a quen se critica.
Lara Rozados fixo un repaso pola filosofía de traballo da plataforma de crítica literaria feminista A Sega, plataforma que abraza o feminismo como marco de traballo e perspectiva de análise. Rozados desvelou parte dos obxectivos que se perseguen colectivamente como son “okupar” o espazo crítico para encher invisibilizacións nun ámbito dominado polo patriarcado, intervir con actividades que xeren debate e poñer en cuestión temas e perspectivas. Aludiu, asemade, á dinámica interna e colaborativa das publicacións da plataforma que pasan con anterioridade por un proceso horizontal de peneira, comentario e debate interno antes de saír á luz: un modelo que posibilita un proceso de aprendizaxe e debate para ir tecendo redes neste ámbito. Concluíu explicando o sentido de iniciativas como Día das Galegas nas Letras e os contidos que ata agora se deron coñecer na devandita plataforma.
Un diálogo, tamén enriquecedor, entre o público asistente e as persoas participantes pechou un acto que, de podermos desde a Sección de Crítica da AELG, repetiremos se se dá a ocasión. Grazas a todas e todos por compartir experiencias e reflexións.
Compostela: presentación de Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás
Pontevedra: encontro con Suso de Toro, arredor de Somnámbulos
A Coruña: conversa con Yolanda Castaño arredor de A segunda lingua
O martes 9 de decembro, ás 20:00 horas, na Linda Rama (Porta de Aires, 4, baixo) da Coruña, terá lugar unha conversa de Yolanda Castaño con Ana Abelenda arredor de A segunda lingua, co gallo da publicación da edición bilingüe da obra en Visor Libros. A foto da autora é de Pedro Castro.
A Coruña: Nimbos. Simposio Díaz Castro
Ourense: xantar e entrega do Premio Brais Pinto a Isaac Alonso Estraviz, o sábado 13 de decembro
O sábado 13 de decembro, ás 14:00 horas, na Asociación Aixiña (Rúa Recaredo Paz, 1) de Ourense, terá lugar a entrega da terceira edición do Premio Brais Pinto a Isaac Alonso Estraviz, concedido pola A. C. Auriense. O acto terá lugar nun xantar ao que as persoas interesadas se poden anotar enviando un correo electrónico ao enderezo acauriense@gmail.com ou no teléfono 616990587 (Rubén). O prezo do xantar será de 18 euros por persoa (12 para estudantes e desempregad@s).