Ars dedicandi: Francisco Luis Bernárdez

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O escritor porteño-galego Francisco Luis Bernárdez (Buenos Aires, 1900-1978) tivo dende novo unha querenza polo noso que o levou a escribir poemas e artigos en galego que alternou coa escrita en castelán. Nesta última lingua chegou a ser unha das figuras cimeiras da literatura arxentina, o que non o privou de se converter nunha voz de interese certo nas nosas letras do tempo das Irmandades e a República, mesmo na de despois, pois tamén na Posguerra contactou co grupo Galaxia e deixou escritos de tema galego en diversos libros. (…)
Velaquí deixo o testemuño dese afecto cruzado na dedicatoria do exemplar de Alcándara (1925), publicado en Buenos Aires e asinado para o ‘hirmán’ Blanco-Amor, coa inequívoca cruz de Santiago ao pé, símbolo dunha galeguidade compartida da que nunca abdicou.”

dedicatoria-francisco-luis-bernardez

Cuestionario Proust: Carlos López

DesdeCarlos López o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carlos López:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A emotividade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A paz interior.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder os seres queridos.
8.– Que lle gustaría ser?
– Músico.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– O azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A violeta.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– Neruda.
15.– Un libro?
Cen anos de soidade.
16.– Un heroe de ficción?
– O barón rampante.
17.– Unha heroína?
– Sherezade.
18.– A súa música favorita?
– A clásica.
19.– Na pintura?
– Chagall.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– O heroe anónimo.
21.– O seu nome favorito?
– Martina.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A maledicencia.
23.– O que máis odia?
– A soberbia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– A sinatura da fin das hostilidades.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da ecuanimidade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Pracenteiramente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Pensativo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non causan perxuízo aos demais.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive.”

Crónica videográfica das IV Xornadas de Literatura e Ensino: conferencia É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega?, con Chus Nogueira

O sábado 18 de outubroBannerIVXornadaLiteraturaEnsinoAELG2014, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, tiveron lugar as IV Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o título A Xeración Nós-outr@s, organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Esta á e crónica videográfica do acto, onde se poden ver as seguintes intervencións:
– Presentación da conferencia É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega?, con Carlos Negro.
– Conferencia É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega? (primeira parte), con Chus Nogueira.
– Conferencia É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega? (segunda parte), con Chus Nogueira.
Coloquio con Chus Nogueira.

Na nova biblioteca de Carballo, por Cesáreo Sánchez Iglesias

ArtigoCesáreo Sánchez Iglesias de Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
Inaugurar unha biblioteca pública é un profundo acto de amor para co noso idioma, é un profundo acto de amor á humanidade e é un acto de irrenunciábel esperanza. É, en fin, chantar os íntimos alicerces onde asentar as pedras basilares da arquitectura da nación que soñamos.
A biblioteca é coma un grande corazón no que os libros que irán enchendo os seus andeis son o torrente sanguíneo do saber, son eses fermosos obxectos que conteñen as vellas verdades universais e tanto labor en mancomún: a condición ética que nos move.
Unha biblioteca, aínda que feita en clara e fermosa arquitectura, sempre é un casal antigo, pois é gardador das fontes claras da memoria do home, tamén da nosa.
As escritoras e os escritores galegos somos tamén en grande parte fillos das bibliotecas. Delas recibimos hábitos de lectura, nelas aprendemos a compartir e, co pasar dos años, a elas, ás bibliotecas, entregamos os nosos froitos, os froitos do noso traballo na voz inextinguible do noso idioma, onde os materiais do espírito humano vivirán en historias e personaxes capaces, en palabras de Faulkner, de axudar aos galegos a lle alixeirar o corazón lembrándolle a esperanza, o orgullo de Sermos Nós e a solidariedade coma palabra necesaria da dorida realidade do noso tempo.
Esta biblioteca acollerá a historia de Carballo que, inscrita con letras de ouro, forma parte da historia da Nosa nación, acollerá os libros dos seus fillos e fillas ilustres. Mais nela tamén aprenderán os rapaces e rapazas a ler a liña da vida nas mans labregas, amorosas, populares que defenderon Baldaio, que nos defenden en Corcoesto.
Hai momentos da historia dun pobo onde a súa dignidade está mais mans de mulleres e homes que defenderon fértiles areais e a Terra de noso, xenerosa amada que é coma defender a nación toda.
O verdadeiro ouro da Nosa Terra é o noso idioma, os libros que dende hoxe habitan esta fermosa biblioteca.”

Eduard Velasco gaña o III Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

DesdeIII Premio Leiras Pulpeiro Crónica 3 (tamén se pode consultar este artigo de Armando Requeixo en Criticalia):
“Eduard Velasco, natural de Barcelona e residente en Santiago, álzase como gañador da III edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo.
O traballo presentado pola gañador que obterá un premio de 1.500 €, placa e diploma, leva por título Mentres o tacto. O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra titulada Marchamos, da que é autor Gonzalo Hermo González, de Rianxo. José Antonio Grela Martínez, acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra Renovatio. José Antonio Grela é de Santiago de Compostela.
A entrega do premio terá lugar o vindeiro sábado, 8 de novembro segundo o seguinte programa:
– 12:00 horas; Recepción oficial na Casa do Concello.
– 12:15 horas; Ofrenda floral ante a tumba do poeta.
– 12:45 horas; Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.”

Segundo informa Armando Requeixo, o xurado estivo formado por Áurea Fernández, Xosé María Felpeto Enríquez e mais el, coordinados polo técnico de cultura do Concello, Gil Ares.