Becerreá: XXIII Noite Poética A Pipa 2014 con Manuel Forcadela

Cartel A Pipa 2014

Xan Carballa: “Francisco Carballo é unha das figuras máis relevantes do nacionalismo”

EntrevistaFrancisco Carballo de Carme Vidal a Xan Carballa en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Participa na homenaxe do sábado en Maceda. Convoca a figura ampla e xenerosa que era Carballo?
– Xan Carballa (XC):
Ten esa vontade. En vida fixéronselle varias homenaxes e esta quere ser un acto de recoñecemento a todo o que el foi. As intervencións buscarán tocar todos os perfís. Xavier Vence falará do seu compromiso político, a familia estará representada pola sobriña, Cesáreo Sánchez visitará a súa faceta como escritor e home de letras e eu recollerei o seu papel no asociacionismo cultural, no xornalismo e de nucleación do grupo de historiadores que el promoveu. O concello de Maceda é quen organiza e, ademais do actual alcalde, Bieito Seara afondará na relación do concello con Carballo, de cando se lle fixeron distintos recoñecementos como veciño que era, entre eles, darlle nome á biblioteca. Santiago Prol, que se encargou da organización, conducirá o acto e lerá as distintas adhesións que se están a recibir.
– SG: Como valoraría a dimensión da figura de Francisco Carballo?
– XC: Sen dúbida é unha das figuras máis relevantes do nacionalismo e do cristianismo progresista. Ten tamén un valor fundamental como investigador da historia da Igrexa e a Idade Moderna ao igual que como promotor do intento de aglutinar a vontade de difusión da historia de Galiza. Nunha entrevista de 2007 falábame de destecer relato falso do poder e ese era o obxectivo das súas investigacións. Era un historiador contracorrente, autor dunha investigación rigorosa mais tamén ben contada. Humanamente, era un home dunha sociabilidade enorme, un dos modelos que se podía utilizar porque era quen de poñerse en todos os rexistros. Sendo un intelectual mostrábase como un cidadán comprometido.
– SG: Nos obituarios escritos arredor del, a palabra “xeneroso” foi a máis repetida.
– FC: Nas moitas horas de entrevistas que lle gravamos, estes días topei ao azar cun texto no que dicía que lle emocionaba o recoñecemento que atopaba nos que con el compartira a vida mais que non lle importaba a proxección pública. Non busca cartos nin fama mais si ese recoñecemento dos seus. Dicía que non botara a semente nas pedras senón no rego e que, felizmente, medrara. (…)”

Ars dedicandi: Álvaro Cunqueiro

DesdeÁlvaro Cunqueiro o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Van aló cento e tres anos máis do nacemento de Álvaro Cunqueiro, que viña ao mundo un 22 de decembro no número 1 da rúa Méndez Núñez de Mondoñedo, fronte por fronte da secular fonte que hoxe leva o seu nome, pé e lateral da catedral da cidade.
As amizades dos Cunqueiro foron entrañadas. Unha das máis firmes uniunos á familia formada por Alicia Tella-Villamarín e Juan Puchades. A primeira, afillada do afamado xornalista José Ramón Villamarín Pallín (Pol, Lugo, 1882-Mondoñedo, 1967), medrou pasando as tardes na casa dos Cunqueiro e foi grande amiga de todos eles, tanto de Pepe e Carmiña coma de seu irmán Álvaro. O segundo inmortalizou o escritor en bronce e sentouno na cabeceira da Praza da Catedral facendo que ollase, xa para sempre, o seu benamado Bosque de Silva, que tanto había ter que ver coa nacenza da imaxinaria Miranda.
Nesta dedicatoria inédita do célebre Escola de menciñeiros (1960), sobria e breve, como practicamente todas as do autor, vai de seu o afecto que este lles profesaba. Quen repase a fotobiografía de Cunqueiro descubrirá axiña que nunha das súas derradeiras instantáneas figura acompañado de, entre outros, estes dous moi queridos amigos. Xusto é que, neste seu novo natalicio, fique constancia dese afecto.”

ars-dedicandi-cunqueiro-alicia-juan

Jorge Luis Bueno recibe o premio AEDEAN á mellor tradución do 2014

DesdeJorge Luis Bueno Cultura Galega e Diario da Universidade de Vigo:
“A Asociación Española de Estudos Anglo-Norteamericanos outorgoulle ao profesor e investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución Jorge Luis Bueno o seu Premio Nacional. O traballo de tradución para o galego do poema inglés medieval Sir Gawain valeulle ao docente da Universidade de Vigo este recoñecemento. Bueno xa obtivera en 2011 con outra versión para a nosa lingua, nesa ocasión do poema Beowulf. Segundo adianta o Diario da Universidade de Vigo, o profesor enfronta agora a tradución dos Contos de Canterbury de Chaucer.”

Manuscritos: Luís Amado Carballo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“En moitas ocasións a faceta de prosista de Luís Amado Carballo fica escurecida diante da relevancia que presenta a súa exigua pero relevante obra poética. Para presentar hoxe unha mostra manuscrita en prosa do autor pontevedrés reprodúcese abaixo o orixinal dun relato autógrafo -conservado na Fundación Penzol e a quen lle agradezo a xenerosidade da cesión destas oito cuartillas- titulado Sant-Yago e que foi publicado orixinalmente na revista Cristal, de Pontevedra, número 6, en decembro de 1932. Este manuscrito foi o que lle serviu a Xosé María Álvarez Blázquez para reproducilo no libro Obras en prosa e verso, de Amado Carballo, que se editou orixinalmente na colección Pombal, da Editorial Castrelos, en 1970 e reeditada doce anos despois; libro que contaba cun interesante limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín. O texto, como se pode advertir abaixo, recrea a lenda da traslación do corpo do apóstolo Santiago a Galicia.

Image 1Image 2Image 3Image 4Image 5Image 6Image 7Image 8

Alfonso Pexegueiro: “A sociedade está fundamentada sobre o maltrato e sobre a violencia”

EntrevistaAlfonso Pexegueiro de Montse Dopico a Alfonso Pexegueiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Comezaches Lapsus no 1977. Como foi ese proceso tan delongado?
– Alfonso Pexegueiro (AP): Empecei na primavera no 77, en París, si, estando en Rompente. O tema da infancia é unha constante na miña poesía e deste libro cheguei a pensar que me ía salvar… Mais non é así, ningún libro nos salva. O proceso detívose, retomeino anos máis tarde, houbo xente que leu o libro… Pero había algo que non me cadraba. É que é tan delicado ese mecanismo do absurdo onde se vai descubrindo a realidade falsa que nos impoñen, que me vin desbordado. Ademais, eu penso que o libro constrúese a si mesmo e que nós temos que prestarlle atención á escrita, escoitala. Pasoume con Hipatia: ía ser unha novela e converteuse en poesía. Con Lapsus o que pasou foi que o ano pasado, en novembro, vin que o libro quería saír. Envieillo a David Souto, e así foi. Eu creo que a humanidade está en débeda coa infancia. Sempre trato o tema do conflito pais-fillos, pero nunca o fixera desta maneira tan clara. (…)
– P: Ademais do poder e da violencia, na túa poética está moi presente o medo, o desexo, a escravitude, o exilio…
– AP: O do medo é porque sempre tiven moitos medos. Identifiqueime con Chagall cando dixo que era moi medoso. Porque me transmitiron moitos medos: que a vida non paga a pena… E tiven que deconstruír todo iso. Desde o consciente pouco podemos facer: se cadra entreter. Einstein dicía, en relación con isto, que a distinción entre presente, pasado e futuro é unha ilusión. Eu creo que vivimos nun presente continuado. O poeta ten que estar no pasado e no futuro construíndo o presente. Nos meus libros tento suspender o tempo. Lapsus é, nese sentido, como un libro cubista. Cada catro frases adopta unha perspectiva distinta. A perspectiva desprázase. En realidade sacrificamos a infancia a un futuro que non existe, que cando chega vemos que non era. Algo de eternidade hai en nós. Xogan con nós e co medo á morte, que non ten que ser boa nin mala…
– P: Iso do tempo coméntalo en relación coa Historia, que escribes con maiúsculas moitas veces. Que é a Historia na túa obra?
– AP: A Historia é a gran mentira. A Historia que nos transmiten os historiadores é a do tempo medido. O poeta está entre a historia do tempo medido, a historia interior, a historia persoal, e a historia que quedou colgada, detida. A Historia é mentira, por iso digo en Dados blancos que a Historia é a resistencia ao humano e á ética. A Historia é a sociedade-lei, a lei inxusta, porque unha lei sen ética é unha lei moi dubidosa. A Historia conta o visible, pero hai unha parte invisible que queda oculta, que impide que se constrúa a Historia desde o amor, a liberdade, os soños… Tamén é o corpo maltratado. Como as místicas, os místicos. A culpa terxiversa o desexo, e leva a castigar e torturar o corpo. Temos que construír unha historia desde a liberdade do corpo, o amor, o encontro, o que o poder decapitou. Pensar que o corpo e a alma son unha unidade, -e separalos foi outro erro-, que o corpo non é o pecado. Que non hai maldade orixinaria, senón só represión que construíu o puritanismo. O desexo tamén está en mans do poder. O poder inflinxiu en nós as cicatrices que nos lembran quen é o amo, creadas polas feridas da culpa.”