Entrevista
de Carme Vidal a Alberto Ramos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O protagonista [de Máscaras rotas para Sebastian Nell] é un actor secundario do grande teatro inglés atormentado no seu último tempo de vida. Como chega ao perfil deste personaxe arredor do que xira a novela?
– Alberto Ramos (AR): Antes que o personaxe estaba a estrutura. Tiña claro que quería que fose orixinal. Non coñezo ningunha novela na que o noventa por cento sexa diálogo como acontece nesta ocasión que a grande parte do texto é unha entrevista. O formato estaba pensado antes e, deste feito, nun primeiro momento optara por un fotógrafo dos anos setenta que estivese no Madrid da Transición mais logo, pola miña querenza polos actores secundarios, dos que pintan canas, optei polo perfil de Sebastian Nell. En definitiva, todos somos actores secundarios doutras vidas que, dalgunha maneira, fan a nosa propia. Interesábame o papel de actor secundario e un día deume por pensar en Derek Jacobi e decidín centralo no teatro, outro ámbito que para min é moi próximo. Conxúganse, polo tanto, tres elementos, por un lado o interese no secundario, a necesidade de optar por un novo formato e tamén o desexo de facer protagonista a un perdedor, un antiheroe, repugnante, mesquiño, misóxino e homófobo polo que, malia iso, podemos chegar a ter certa admiración e mesmo compaixón. Un miserábel da factoría de Cambridge. (…)
– SG: Esta é a cuarta novela súa, todas premiadas. O premio é unha necesidade para entrar no mundo editorial?
– AR: Non creo que sexa a única maneira mais é unha máis e a que eu prefiro. Prefiro someterme ao anonimato que achegarme a un editor cun libro. Nestes tempos tampouco hai que obviar as motivacións económicas e a min os premios sérvenme para sobrevivir.
– SG: Que supón esta nova novela máis complexa con respecto ás anteriores?
– AR: Neste libro forcei un grande cambio, non ten nada a ver cos anteriores. Gocei como non o fixera nunca escribindo. Esquecía todo, converteuse nunha vía de escape inmensa. Considero que alcancei un nivel creativo co que non contaba. Cando comecei non primeiro parágrafo non contaba co que o resultado fose tan satisfactorio. (…)”
Ourense: presentación de Flash-Black 13, de Ramón Caride
O
martes 23 de decembro, ás 19:30, na Libraría Eixo (Rúa Cardeal Quevedo, 36) de Ourense, preséntase o libro Flash-Black 13, de Ramón Caride, publicado na colección Alcaián de Urco Editora.
Radiocrítica do 01-12-2014, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 1 de decembro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de Somnámbulos, de Suso de Toro (0:20); Manuel Antonio. Obra completa. Poesía, en edición de Xosé Luís Axeitos (10:25); Valente Vital. Ginebra, Saboya, París, de Claudio Rodríguez Fer, Tera Blanco de Saracho e María Lopo (15:20) e Pasen e miren, de María Canosa e Dani Padrón (20:30).“
Pódese escoitar directamente aquí.
Isaac Xubín: “O lector galego vai atopar en Sarrionaindia un gran golpe de ar fresco”
Entrevista
de Xesús Manuel Piñeiro a Isaac Xubín en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Tempo de exilio é a primeira antoloxía de Joseba Sarrionaindia. E edítase en galego. E, ademais, con poemas elixidos por el propio especialmente para a ocasión. Como foi todo isto posíbel?
– Isaac Xubín (IX): Desde mozo Sarri tivo relación coa literatura galega. Segundo el propio ten confesado en entrevistas, un primeiro contacto co galego foi ‘Deitado frente ao mar’ de Celso Emilio Ferreiro, aquel. A partir de aí foron chegando Cunqueiro, Castelao e moitos máis. Sarrionaindia con Koldo Izagirre editaron no seu día un poemario bilingüe de autores en galego traducidos ao euskera, ‘Poemas Náufragos, Galegoz heldutako poemak’, onde estaban Manoel Antonio, Luis Seoane, Amado Carballo… De feito, unha das seccións de Tempo de Exilio leva o título de Poemas Náufragos. (…)
– SG: Ademais de tradutor ti tamén es escritor, tes publicado libros de poemas e gañado certames do prestixio como o Lorenzo Baleirón (no 2011). Esa faceta permitiuche ver na obra de Sarrionainda outros ángulos?
– IX: Salvando as distancias, eu levo tamén moitos anos fóra do meu país. Iso fixo que, para min, como persoa e autor foi moito máis doado achegarme á obra de Sarrionaindia. Sempre foi algo que me marcou, como persoa e autor, a sensación de soidade, de viaxe… De feito teño moi en mente un dos primeiros poemas que lin de Sarri e que fala dos húmidos e longos trens. Sempre tiven esa imaxe das estacións de trens, trens cargados dunha connotación de desarraigo. (…)
– SG: E o panorama literario galego?
– IX: Bon, penso que quizás deberiamos ser un bocadiño máis atrevidos, e aí fago tamén crítica de min propio que non son moi atrevido á hora de escribir. A nivel de poesía si vexo xente que está dando un paso adiante na creación e concepción da poesía, falo de persoas como Gonzalo Hermo ou Francisco Cortegoso, entre outras. Eu son sempre optimista aínda que ás veces nas análises semelle pesimista. Se este país quixera sería un país marabilloso en todos os sentidos, entre elas o poder creativo, que entre os galegos non estivo nin está valorado como debera. Mais creo que hai razóns para a esperanza.
– SG: Como ves o panorama da tradución en Galiza?
– IX: O mundo da tradución en Galiza é unha das cousas que vexo con máis esperanza. Hai unha serie de pequenas editoriais agora mesmo que están a apostar na tradución: Rinoceronte, Hugin e Munin, Urco… Uff!, non quero poñer a citalas todas por se me esquezo dalgunha e a verdade é que teñen moito mérito todas elas. E non é só que escollan ben os autores, senón que teñen criterio, non se deixan levar por modas, por curto-pracismos, polo que marquen as grandes editoriais… E iso ten moito mérito, máis aínda na situación económica na que estamos. Iso é mostra de que hai unhas ideas e un compromiso coa calidade, de que hai xente que se preocupa por buscar, por querer coñecer e non estar simplemente á espera de que lle chegue a última obra de moda… (…)”
Museo do Pobo Galego, Compostela: visita guiada Barriga Verde, de feira en feira, o 10 de xaneiro
A visita é totalmente gratuita, pero é necesario inscribirse para non superar o máximo de 40 persoas. A inscrición pode realizarse aquí.
Xerardo Uz e Beatriz López Dorado gañan os Contos de Verán de El Progreso
Compostela: presentación de Eno mar cabe quant’i quer caber, froito do II Obradoiro Con barqueira e remador, con Isaac Xubín e Yolanda Castaño
O
luns 22 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro de poesía internacional contemporánea en tradución ao galego Eno mar cabe quant’i quer caber, froito do II Obradoiro de Tradución Poética Con barqueira e remador, que tivo lugar na Illa de San Simón, en outubro de 2013, obra publicada pola Deputación de Pontevedra. O acto contará coa presenza do tradutor ao galego, Isaac Xubín, e Yolanda Castaño (coodinadora do Obradoiro Internacional de Tradución Poética), quen manterán unha conversa arredor do libro e lerán varios poemas do mesmo.
Compostela: conversa de Yolanda Castaño con Carlos Callón arredor de A segunda lingua
O
martes 23 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar unha conversa de Yolanda Castaño con Carlos Callón arredor de A segunda lingua, co gallo da publicación da edición bilingüe da obra en Visor Libros. A foto da autora é de Pedro Castro.
Entrevista a Francisco Castro, autor de Tes ata as 10
Suso de Toro conversa con Susana Pedreira arredor de Somnámbulos
Desde
Brétemas, de Manuel Bragado:
“Apaixonante resultou seguir a conversa que Suso de Toro mantivo coa xornalista de Onda Cero Susana Pedreira na libraría Cronopios de Pontevedra arredor de Somnámbulos. Comezou Suso louvando o estado actual da cidade de Pontevedra e explicando a orixe da publicación deste novo libro de relatos.
«Cando decidín pechar todo e regresar ao ensino, quedou aberta unha carpeta cunha obra teatral comezada. Quizais porque dentro miña operou un malestar sobre a situación política da Transición, recuperei quen era eu naquel momento, un mozo antifascista, disposto a todo, nuns anos de radicalidade cando o réxime tamén o estaba. Non esquezamos que mataron a aqueles cinco rapaces. Foron anos terribles, nos que a policía ametralou aos traballadores de Ferrol. Anos nos que se vivía unha tensión moi forte. Todo aquilo quedou sepultado, negado, mesmo coa denominación de “dictablanda”, coa intención de negar até o propio franquismo. Eu sentínme sepultado, o meu verdadeiro eu sentíase negado e desprezado. Desa pulsión e coa intención de expresala naceu “Negocios de familia” o primeiro relato do libro.» Lembrou despois aqueles días arredor do 27 de setembro de 1975, «foron días moi duros os que viviron cando fusilaron a aqueles rapaces, algúns non participaran en delitos de sangue, interviu o papa Paulo VI, houbo protestas en toda Europa, non se precisaba estar en contra do réxime para denunciar aquilo.»
Interpelado por Susana Pedreira sobre a abordaxe do tema da culpa en «Negocios de familia», Suso de Toro afirmou que «un escritor ten que comprender a todos os seus personaxes.» «Dentro do monstro sempre hai un meniño, hai que ir a esa fonte primeira, onde o poder absolver. Así o fixen nun libro terríbel, Home sen nome, e tamén aquí. Neste relato non enxuízo aos personaxes, mais non considero que todos fosen iguais, os do réxime e os que loitabamos contra el.»
Falando do segundo relato, «Auga derramada«, Suso de Toro reflexionou sobre a dignidade dos humildes e maiores e sobre a importancia dos lazos familiares. «A vellez como momento da rememoración da vida é un momento moi lírico. O que vai entre a infancia e a vellez é unha impostura. A vellez é unha época de grande valor vital.»
Remataron a conversa Susana Pedreira e Suso de Toro falando de «Insomne», o relato que pecha o libro, nacido do que o autor denominou «un tropezo con Manuel Fraga». «Hoxe os que teñen auténtico poder protéxense tras un muro de pástico. É moi complicado enfrontarse a eles.»”
