A Coruña: recepción como académico de honra de Arcadio López-Casanova

O sábado 9 de novembro, ás 12:00 horas, no salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas 11, A Coruña), terá lugar a recepción como académico de honra de Arcadio López-Casanova, quen dará lectura ao discurso de ingreso: A modernidade poética de Rosalía: unha interpretación, e a quen responderá en nome da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero.

A Coruña: exposición sobre o Certame de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Nos meses de outubro e novembro, na Biblioteca Pública González Garcés da Coruña (Rúa Miguel González Garcés, s/n), con horario de apertura do centro de 8:30 a 20:30 h. de luns a venres e de 10:00 a 14:00 h. os sábados, pódese visitar a exposición itinerante sobre o Certame de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que ten o obxectivo de difundir a súa figura. A relación dos premiados nestes anos xunta un relevante ronsel da nosa poesía contemporánea. Fotografías, biografías e poemas de todos eles conforman os paneis da mostra: fotografía e texto fan que, amén de ser lidos, tamén teñan unha notable beleza visual para o espectador da exposición.
O poeta Eusebio Lorenzo Baleirón naceu na parroquia de Laíño, Dodro, en 1962. Licenciouse en Filoloxía Galega e foi profesor de ensino medio, persoa estudosa da lingua e dinámico promotor de iniciativas culturais. Publicou libros de poesía, poemas en revistas e en antoloxías, e tamén prosa: libros e artigos varios en prensa e en revistas. Morreu en 1986 e en 1988 o Concello de Dodro creou o premio de poesía que leva o seu nome.

Vigo: presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira

O venres 8 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

Rosa Aneiros: “Quixen reivindicar e feminizar a Marco Polo”

Entrevista a Rosa Aneiros en Radiofusión:
“Leo é unha rapaza que quere abrirse a vida … Decide empregar 6.000 euros duns aforros nunha viaxe arredor do mundo durante 6 meses. Ela protagoniza a nova novela de Rosa Aneiros. Ámote Leo A. Destino Xalundes que quere dar vento a unha xeración forte, á mocidade que ven detrás, e que precisa optimismo. A obra enlaza coa mellor novelística de viaxes e tamén transita por numerosas obras literarias.
Xalundes significa, un lugar lonxano, máis alá (por exemplo foi a xalundes e non volveu). A protagonista viaxa máis alá pero tamén polo seu interior. Destino Xalundes é o primeiro chanzo dunha triloxía (Amote Leo A) que xa ten rematada pero que sairá en intervalos de catro meses. Rosa Aneiros recoñece que visitar numerosos clubs de lectura axudóulle moito a escribir esta obra. Publica a obra Edicións Xerais que anuncia para xaneiro a segunda entrega da triloxía.
A entrevista completa pódese descargar aquí.”

A homenaxe á literatura infantil será múltiple no próximo Salón do Libro

Desde Sermos Galiza:
“Cada ano, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra homenaxea a un autor ou autora da escrita para públicos novos. A próxima será a 15 edición e, con este motivo, queren celebrar a tod@s que foron homenaxead@s en anteriores edicións.
María Vitoria Moreno, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, Bernardino Graña, Xabier P. DoCampo, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín, Gloria Sánchez e Marilar Aleixandre son os autores e autoras que recibiron a homenaxe anual do Salón do Libro Infantil e Xuvenil que para a próxima edición, cando se cumpren 15 desde o seu nacemento, prepara un recoñecemento colectivo a quen se lle adicou até o momento a celebración anual.
Cociñando Contos será o tema escollido para a próxima edición, vencellado ao proxecto europeo Europa á carta no que participa en parcería coa editorial Oqo. A ilustradora da AGPI que se encargará de deseñar o o cartel será Natalia Rey González, Pirusca, que traballa na imaxe do encontro que terá lugar do 14 de marzo ao 5 de abril.”

A Coruña: lanzamento de Falar a Ganhar

A sexta feira 8 de novembro, ás 21:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32) da Coruña, preséntase o libro Falar a Ganhar, coordenado por Manuel César Vila, e que foi publicado en por Através Editora. No acto participa, xunto ao coordenador, Xurxo Souto.

Compostela: inauguración de O Fogar das Palabras (Libraría – Taller)

Desde Redelibros:
O xoves 7 de novembro, ás 19:00 horas, na Rúa dos Castiñeiros, 6, baixo, de Santiago de Compostela inaugúrase a libraría-taller O Fogar das Palabras, un proxecto de Contos Estraños e Urco Editora.
“Trátase dun novo concepto de libraría, onde non soamente compartimos a paixón pola lectura, tamén o facemos pola escrita. Para iso creamos unha aula onde poderás participar nos nosos talleres, sempre relacionados co mundo literario e editorial, e impartidos por profesionais do medio. Neste novo espazo poderás entrar en contacto tanto con novos escritores como con editores, tradutores, ilustradores, deseñadores… Participar ou organizar presentacións de libros, recitais poéticos, palestras lingüísticas e calquera actividade relacionada co mundo do libro e as palabras. Creamos tamén un selo editorial para as vosas auto-edicións, as cales, e en cooperación con Sacauntos Cooperativa Gráfica vos axudaremos a sacar adiante desde a libraría con presentacións, venda e presenza nas feiras culturais ou do libro nas que participemos.
Os inquilinos do Fogar son: Fernando M. Cimadevila, director editorial de Contos Estraños Editora, e David Cortizo: editor, tradutor e corrector en Urco Editora.”

Manuel Darriba: “Prefiro situacións e comportamentos extremos”

Entrevista a Manuel Darriba en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): Con que xénero te sintes máis cómodo á hora de abordar unha obra?
– Manuel Darriba (MD): Nunca penso en termos xenéricos, senón no tipo de personaxes que quero abordar en cada ocasión. Deste xeito, as situacións acaban derivando dos personaxes, á vez que os moldean. En xeral, podo dicir que teño preferencia por situacións e comportamentos extremos, por escribir sobre as manifestacións do poder e sobre como os individuos interactúan coa comunidade e o contexto social circundantes. Moitas veces, en termos de conflito. (…)
– GC: Que opinas das subvencións na literatura galega? Cres que é un elemento positivo ou, pola contra, pode dar lugar á publicación de moito material pobre?
– MD: Os autores non recibimos subvencións. En todo caso, recíbenas as editoriais, en forma de compras de exemplares para bibliotecas (fondos que tamén foron recortados drasticamente). Que o material sexa máis ou menos pobre depende, en exclusiva, do rigor que poña o escritor no seu traballo.
– GC: Cres que os premios que se outorgan en literatura galega teñen unha base fiable?
– MD: Os premios poden cuestionarse todos, os da literatura galega e os da islandesa. Hai premios gañados por obras de escasa calidade? Si. Hai obras de gran calidade que non son recoñecidas cando se presentan a un premio? Tamén. Igual que hai premios a obras espléndidas. Ao final, todo depende da subxectividade e gustos persoais dun xurado, simplemente iso. (…)”