Maside: nomeamento de Víctor Campio como Socio de honra 2013 do Foro de Estudos das Terras de Maside

Convocado o XXII Certame Literario A Pipa 2013 da Alta Montaña Luguesa

BASES

1. Temática.
O tema é libre.
2. Modalidades.
2. A.- Poesía (máximo 50 versos). Categoría infantil (Dos 8 ós 14 anos). Categoría xuvenil (Dos 14 ós 18 anos). Categoría Revista A Pipa para maiores de 18 anos.
2. B.- Relato, narración ou conto breve (máximo 5 folios por unha soa cara). Categoría infantil (Dos 8 ós 14 anos). Categoría xuvenil (Dos 14 ós 18 anos). Categoría Revista A Pipa para maiores de 18 anos.
2. C.- Dramaturxia breve. Maiores de 18 anos.
3. Os premios.
Para cadansúa modalidade e categoría establécense 1º e 2º Premio, mailos accésits que o Xurado considere necesarios.
Cada premio consiste nunha estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e o correspondente título acreditativo. A Asociación Cultural A Pipa de Becerreá non descarta que os traballos premiados poidan ser editados nun futuro.
4. Cerimonia de entrega de premios.
A Entrega de Premios de Poesía, Relato, Narración e Conto terá lugar o venres 27 de decembro de 2013 ás 21:00 h. na Casa de Cultura de Becerreá, no marco da XXII Noite Poética con Helena Villar Janeiro.
A Entrega de Premios de Dramaturxia breve terá lugar o sábado 28 de decembro de 2013 ás 21:00 h. na Casa de Cultura de Becerreá, coincidindo cun acto arredor de Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro (Editorial Laiovento), de Afonso Becerra.
(Os galardóns deberán ser recollidos durante estas dúas xornadas de entrega ou nun prazo máximo que conclúe na data de presentación dos traballos da edición seguinte deste Certame. De non ser así o agasallo outorgado á persoa premiada pasaría a formar parte dos fondos da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá.)
5. Presentación e Prazo.
5. A.- Cada participante poderá presentar un ou máis traballos inéditos, en lingua galega.
5. B.- Os traballos presentaranse anónimos, sinalando neles a Modalidade e Categoría na que participan, e achegando nun sobre pechado a identidade, o enderezo e o número de teléfono do/a autor/a, xunto a unha fotocopia do DNI.
5. C.- O prazo de admisión rematará o luns 16 de decembro de 2013.
5. D.- Os traballos poden entregarse, ou envialos ó seguinte enderezo: Certame Literario A Pipa. Rúa Ancares, 57. – 27640 Becerreá (Lugo).
6. O Xurado. O Fallo.
O Xurado estará composto pola Xunta Directiva da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá, que tamén poderá convidar a algún profesional do mundo do Ensino, da Literatura e das Artes.
O fallo farase público a través dos medios de comunicación, no blog (ao que tamén se pode acceder a través da web) ou na páxina de facebook A Pipa de Becerreá, e tamén se transmitirá persoalmente ós/ás gañadores/as.”

Santiago: xornada de celebración do XXV aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros

O sábado 16 de novembro, ás 12:00 horas, na Cidade da Cultura (Centro de Emprendemento Creativo-Sala Camiño de Santiago), celébrase unha xornada de conmemoración do XXV aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros. O programa é o seguinte:
– 12:00 h. Recepción de autoridades e invitados. Fotocall. Apertura con pezas musicais a cargo de Javier Otero.
– 12:10 h. Presentación do evento.
– 12:15 h. Proxección dun vídeo elaborado cos alumnos do IES Manuel García Barros da Estrada.
– 12:20 h. Intervención do alcalde da Estrada.
– 12:30 h. Nova peza musical (Javier Otero).
– 12:35 h. Breve semblanza de Manuel García Barros a cargo de Carlos Loureiro.
– 12:45 h. Intervención de Víctor F. Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia.
– 12:55 h. Intervención do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
– 13:05 h. Intervención dun representante dos gañadores.
– 13:15 h. Nova peza musical (Javier Otero).
– 13:20 h. Peche a cargo do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (ao comezo, entrega dunha placa conmemorativa aos familiares de Manuel García Barros e, ao remate, entrega de agasallo conmemorativo aos 25 autores gañadores).
– 13:35 h. Peche musical (Javier Otero).
– 13:40 h. Foto de familia.
– 13:50 h. Cocktail de despedida na cafetaría da Cidade da Cultura.

Santiago: presentación de A memoria da choiva, de Pedro Feijoo

O venres 15 de novembro, ás 16:30 horas, no pub Modus Vivendi (Praza Feixoo, 1) de Santiago de Compostela, terá lugar unha roda de prensa de presentación da novela A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

Mercedes Queixas: “A forza da nosa literatura non deixa de abraiarme”

Entrevista a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“Ademais de filóloga, investigadora e profesora -imparte clases no colexio Xosé Pichel de Coristanco- Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) é secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Que ten de particular a web da AELG?
– Mercedes Queixas (MQ): É unha páxina moi potente e hoxe en día é o maior centro de documentación e de coñecemento sobre os escritores e escritoras actuais. É unha ágora, unha porta de entrada á súa vida e á súa obra que conta con máis de 420 socios e socias, a inmensa maioría da xente que está a crear na literatura galega.
– LVG: ¿Superouse xa o receo dalgúns escritores cara Internet?
– MQ: Eu penso que todo pode convivir. De feito segue a haber unha produción dinámica en papel, pero ao mesmo tempo os autores e autoras xa se están incorporando ás edicións dixitais. Estamos dando mostras de vivir canda o tempo actual e de buscar plataformas para achegarnos a todo tipo de públicos, porque haberá lectores que preferirán sentir o papel e outros que prefiran manexarse noutro soporte. A literatura non ten barreiras de seu e non imos ser nós os que llas poñamos.
– LVG: ¿E no seu caso é dos que prefiren o papel ou emprega o ordenador a cotío?
– MQ: Eu tiven o meu tempo de transición porque son gutemberiana, unha recén chegada ás novas tecnoloxías; non son diso que xa se chama nativo dixital, pero moi recentemente me decatei de que cada vez emprego menos o papel, polo menos para unha escrita máis elaborada. Aínda o preciso para tomar notas, para recoller ideas que xorden no tempo menos pensado e no lugar menos acaído, pero cando xa me dispoño a elaborar iso fágoo directamente sobre o teclado.
– LVG: ¿En que está a traballar agora?
– MQ: Estou elaborando unha nova historia xeral da literatura galega. Será nun formato divulgativo para intentar que calquera persoa, independentemente da súa formación se achegue a unha literatura que leva en activo desde finais do século XII, que tivo épocas brillantísimas así como outras de sombras provocadas sempre por axentes externos, e que agora segue a dar unhas mostras de vitalidade, de forza, de capacidade de creación e renovación que a min non deixa de abraiarme.”

A Coruña: presentación de Ningún precipicio, de Olalla Cociña

A sexta feira 15 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Fariña (Praza de Azcárraga, 6) da Coruña, preséntase Ningún precipicio, de Olalla Cociña, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto á autora, participan Iago Martínez e Dores Tembrás.